Especies invasoras en Galicia: a cana ou falso bambú, unha das máis antigas que se descontrolou polo seu uso na agricultura

Nun novo capítulo da nosa serie sobre especies invasoras en Galicia o portavoz de Amigas da Terra, Antón Lois, cóntanos como 'Arundo donax' perxudica os nosos ecosistemas autóctonos. Polo momento, goza de total impunidade, pois carece de inimigos naturais, aínda que se di que "as especies invasoras teñen un par de séculos de impunidade, pero máis tarde ou máis cedo chega algún insecto ou fungo que as pode atacar".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 04/05/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Se eres da zona da costa Atlántica, especialmente da provincia de Pontevedra, de seguro que te tes topado en milleiros de ocasións cunha planta semellante ao bambú: de gran porte, que acada alturas impoñentes, con talos duros e que se atopa sempre nun grupo de varios exemplares. Dende as beiras dos ríos ata cunetas de estradas e mesmo zonas abandonadas nas que non crece ningunha outra cousa. Pero, sabes realmente que planta é? Non se trata do bambú como tal, se é o que pensabas, senón do mal chamado falso bambú, xunco xigante ou cana: 'Arundo donax'. Dende o Galicia Confidencial, nun novo capítulo de especies invasoras en Galicia, descubrímosche da man do ecoloxista Antón Lois, portavoz da asociación Amigas da Terra, os segredos desta especie exótica que xa se instalou en gran parte do territorio galego e que ten unha alta capacidade para desprazar ás nosas especies autóctonas.

Arundo donax
Arundo donax | Fonte: Arquivo

A pesares de que moitas veces se poida confundir co bambú, nada máis lonxe da realidade, pois a introdución da cana na nosa contorna foi moi anterior á do bambú, de feito, Lois cóntanos que "a especie como tal, 'Arundo donax', é orixinaria da zona leste de Asia, do límite entre China e India" e, "rebuscando na bibliografía, xa aparecen datos de introducción desta planta en Italia no século XVI". É dicir, leva moitísimo tempo con nós, pois, de seguro, aínda que en Italia é onde aparece ese primeiro rexistro, "con todo o tráfico de mercadorías entre Asia e Europa foise estendendo polos demais países, tamén por Galicia, ao longo dos séculos XVI e XVII, chegando así a todo o sur de Europa". Como asegura o ecoloxista, se falamos de invasións biolóxicas, "esta é unha das primeiras das que existe unha certa constatación sobre a súa primeira chegada".

 

 

 

Arundo donax en flor
Arundo donax en flor | Fonte: Natusfera - Arquivo

E cales son as súas características? Pois non hai que deterse moito para aprecialas. Trátase dunha planta de altísimo porte, que pode chegar a superar os 5 metros de altura, cunhas follas moi anchas que mesmo se usan en cestaría e que a comezos do verán comeza a súa floración cuns plumeiros moi grandes de ata case un metro de cobertura. Lois explica que "lle gustan as zonas húmidas e non é nada esixente en canto á calidade do terreo e as características do solo", pois "o único que precisa é unha zona na que haxa unha certa humidade constante", algo que en Galicia abunda, pois temos ríos, lagoas, regatos...

"Atopou aquí o sitio perfecto para desenvolverse e, por iso, foi quen de invadir absolutamente todos os espazos", afirma o ecoloxista. Con todo, apunta que "o único que non soporta é o frío, polo que por enriba de 600-700 metros de altitude sobre o nivel do mar é rarísimo encontrala". Agora ben, o cambio climático está facendo que eses límites de altitude que tiñan moitas especies invasoras se dilúan (como está acontecendo coa acacia mimosa nas serras de Ourense), xa que as temperaturas elévanse en lugares onde antes se podía falar de frío, de tal xeito que Lois cre que este límite é "unha alegría relativa", pois podería cambiar.

"USOUSE COMO GUÍA PARA QUE MEDRASEN OUTRAS PLANTAS OU COMO BARREIRA NATURAL CONTRA O VENTO, O QUE CONTRIBUÍU Á SÚA EXPANSIÓN"

Como xa vimos noutras entregas da serie, houbo moitas plantas exóticas que a día de hoxe se consideran invasoras que chegaron a Galicia a través da xardinaría, polo seu valor ornamental, ao tratarse de plantas con flores moi bonitas e vistosas. Sen dúbida, con só botarlle un ollo a un exemplar, este non foi o caso da cana. Como chegou entón á nosa terra? Lois ten claro que foi "por cuestións de utilidade", xa que "era moi versátil nos seus usos". Por un lado, apunta a que "en moitas zonas facía de barreira natural contra o vento", por outra, "noutras usábase moitísimo como titor ou guía para que medrasen outras plantas, servindo de soporte para os tomates, por exemplo" e, "mesmo había lugares nos que se usaba simplemente como cana de pesca". Co cal, as múltiples utilidades que tiña facían que se puidese usar tanto nuns lugares como noutros, sen quedar circunscrita a unha rexión xeográfica concreta.

O problema con estes usos? Que contribuían a que se espallase sen control. O ecoloxista portavoz de Amigas da Terra explica que a cana "ten un crecemento vexetativo, o que significa que se reproduce a partir de rizomas: ti cortas unha cana en sete partes, a pinzas na terra para que faga de guía para o crecemento doutras plantas, e tes sete posibilidades de que nazan outras canas". Isto era algo que tamén pasaba no caso da uña de gato, que na súa zona de orixe si se reproducía por sementes, ao igual que a cana en Asia, pero que en Galicia o fai por rizomas. Deste xeito, "cada vez que a xente cortaba as canas e as pinzaba no chan para que subisen por elas os tomates, dalgunha forma estaba promocionando a expansión da especie". E a pesares de que houbo xente que se deu conta de que había beiras de ríos onde a barreira que facían as canas xa era absolutamente impracticable, pola súa densidade, "o que fixeron foi cortala, troceala e arrincala soltando trociños de canas polo río abaixo que, despois duns anos, proliferaban 20 metros máis abaixo".

ESTÁ CATALOGADA COMO UNHA DAS 100 ESPECIES MÁIS PERIGOSAS POLA SÚA CAPACIDADE DE DESPRAZAR ESPECIES AUTÓCTONAS E ALTERAR ECOSISTEMAS

"Estabas arrincando unhas e facendo un viveiro de canas máis abaixo á vez", lamenta Lois, que afirma que "cada vez que se desbroza estase facilitando a súa expansión". Ademais, asegura que a expansión da cana "non é ningunha tontería", pois "a Unión Internacional para a Conservación da Natureza, o organismo internacional de referencia neste tipo de cuestións sobre especies invasoras, ten catalogadas ás canas como unha das 100 especies (tanto de animais como de plantas) máis perigosas en canto á súa capacidade de desprazar a outras especies e alterar os ecosistemas, porque realmente onde se asente impide absolutamente que medre ningunha outra cousa", conclúe o ecoloxista. E é que, como acontece tamén con outras especies invasoras, este tipo de plantas chegan aquí dende os seus países de orixe, pero con elas non veñen os seus inimigos naturais, de tal xeito que teñen total liberdade para proliferar.

Lois apunta que "realmente estamos rodeados de especies exóticas por todos os lados, mesmo o tomate, a pataca ou o millo son especies exóticas", reflexiona, pero asegura que "o problema non está en que unha especie sexa exótica, senón en que ademais de ser exótica teña capacidade invasora". No caso da cana, como dixemos, esta é capaz de alterar os hábitats nos que prolifera "precisamente porque non ten ningún inimigo natural, ningunha competencia, ningún factor limitante, como si teñen as nosas especies autóctonas". Así que goza de total liberdade para medrar onde lle dea a gana. Afortunadamente, prevese que non manteña esta impunidade para sempre, pois como explica o experto, "dise que as especies invasoras normalmente teñen un par de séculos de impunidade, pero máis tarde ou máis cedo chega algún insecto ou fungo que é quen de atacalas". No caso da cana a cousa está tardando máis do esperado, pero chegará. Pon o exemplo do eucalipto, "que se estendeu con total impunidade por Galicia e agora estanse atopando algúns fungos que o atacan".

"PARA CONSEGUIR ERRADICALA RECOMÉNDASE ESCAVAR ATA 3 METROS DE PROFUNDIDADE PARA SACAR TODOS OS RIZOMAS E QUE NON VOLVA REBROTAR"

A cana é moi resistente, non só para as pragas, senón tamén para os propios humanos que tratan de eliminala dun lugar. De feito, Lois afirma que "para conseguir erradicalas recoméndase escavar ata 3 metros de profundidade para sacar todos os seus rizomas, pois senón poden volver rebrotar facilmente". Ademais, "hai zonas moi concretas nas que polo tipo de hábitat que están colonizando estanse usando herbicidas, algo que en zonas húmidas como poden ser ríos ou regatos pode ser moi perxudicial, xa que eses produtos químicos que levan os herbicidas esténdense polo medio acuático e o remedio pode chegar a ser peor que a enfermidade". E, como xa vimos, "tampouco é tan sinxelo como cortar o talo con medios mecánicos e xa está, porque tes que lograr sacar todos os seus rizomas, indo máis abaixo, para que a planta non se siga desenvolvendo". Así as cousas, o ecoloxista de Amigas da Terra asegura que a súa erradicación "é moi, moi complicada, case unha utopía".

Entón, estase a facer algo para loitar contra ela? Pois o certo é que si, pero non en todo o territorio en xeral, senón en zonas moi concretas nas que xa está moi estendida e supón un verdadeiro perigo para hábitats protexidos. É o caso da vertente atlántica de Galicia, especialmente na provincia de Pontevedra (á beira do río Lagares en Vigo ou do río Miñor en Nigrán), "nas zonas máis sensibles, espazos naturais protexidos". Neles estanse levando a cabo campañas cuxo obxectivo principal é "impedir que a cana non se siga estendendo, xa que a súa erradicación nalgúns lugares xa é practicamente imposible". Para Lois, sen lugar a dúbidas, a solución máis eficiente a esta problemática pasa porque, "nas zonas onde xa está tan estendida que logrou desprazar a todo o resto das especies, se fagan campañas de erradicación moi selectivas, pois non serve de nada meter unha desbrozadora e unha motoserra, porque solucionamos o problema nun ano, pero ao seguinte a cousa está aínda peor". 

Arundo donax, especie invasora
Arundo donax, especie invasora | Fonte: Concello de Pontevedra - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta