Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2024 | Actualizada ás 13:47
O viceportavoz segundo do Grupo Parlamentario do BNG, Luís Bará, valorou en profundidade este xoves a nova estrutura da Xunta que dirixe Alfonso Rueda e dixo que ten varias "claves", que sintetizou en cuestións como "pelexas internas, cambios regresivos, desvalorización en ámbitos estratéxicos e presión de determinados lobbies externos", ademais de modificacións na Presidencia da Xunta que merecen, engadiu, "unha peza separada" pola súa "entidade propia e calado político". Así, en canto ás "pelexas internas" referiuse á "degradación" de Diego Calvo, que "perde competencias" como a vicepresidencia primeira, con todo o "simbolismo" que iso significa a pesar de que tivese como "premio de consolación" ser presidente accidental durante a viaxe de Rueda a Arxentina.
Así, sobre o que tamén é presidente do PP da Coruña (e chegou a cuestionar a sucesión de Feijóo na que saíu escollido Alfonso Rueda), Luís Bará puxo o acento que "perde" as delegacións territoriais e recibe "o agasallo envelenado" das competencias de mobilidadade, "unha das causas" do cesamento de Ethel Vázquez (atribúe o deputado do BNG) e materia que está "xudicializada". "É un marrón que recibe a cambio de perder outras (competencias)", apuntou. Neste mesmo sentido, considerou que "as presións territoriais" de Lugo supuxeron o cambio no medio Rural, para que gañe peso a provincia lucense e en detrimento de Ourense ou Vigo, que "sendo a principal cidade non ten a ninguén".
CAMBIOS "COSMÉTICOS"
Sobre os cambios "cosméticos" referiuse á "destitución de (Julio García) Comesaña e toda a cúpula" de sanidade, o que considera debido ao "fracaso estrepitoso" na asistencia sanitaria. "O cambio de políticas sería a solución", apuntou, para engadir que se non todo pode quedar en "lampedusiano: que todo cambie para que todo siga igual ou peor". No capítulo de "desvalorizacións" ou "regresións", Bará puxo a "perda de peso político" de Igualdade, que por unha banda xa foi perdendo "transversalidade" e agora pasa a ser unha dirección xeral, "perdendo máis peso aínda". Nesta mesma liña referiuse á "desaparición" da ordenación do territorio o que lle fai sospeitar que ten que ver cos "proxectos depredadores".
Ligado a iso, censurou a "liquidación fulminante da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), "en contra" de todas as organizacións do sector que, sostivo, débese a "presións de determinados lobbies" e que ve co "transfondo" do fin da moratoria do eucalipto en 2025. Tamén censurou a creación de dúas direccións xerais que, ao seu xuízo, se solapan como son a de Renovables e Cambio Climático e a de Industria e Servizo Enerxético. En canto ao nomeamento para a primeira delas de Paula Uría, dixo que é "pór ao lobo a coidar das ovellas" e criticou que vai en contra do lema da "desburocratización".
"PEZA SEPARADA"
Sobre a "peza separada" de Presidencia, manifestou que a creación dun órgano de coordinación de asuntos económicos arroxa "desconfianza" sobre a oficina económica de Industria e tamén sostivo que o departamento de asuntos constitucionais parece de "confrontación institucional". Así as cousas, observou un "goberno dividido, con enfrontamentos internos e soterrados, regresivo en igualdade e ordenación do territorio, sometido a estratexia dos lobbies e un goberno que sae moi caro no incremento de consellerías e órganos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.