Protexen o gran castiñeiro de Surribas, do século XVIII e con 15 metros de altura

Incorpórase ao catálogo galego de árbores senlleiras, que conta xa con 194 elementos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2024 | Actualizada ás 12:31

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a resolución pola que se inclúe no Catálogo galego de árbores senlleiras o gran castiñeiro de Surribas, que se localiza na parroquia de Froufe, no municipio ourensán do Irixo.

Tal como informou a Xunta, este exemplar de Castanea sativa Mill, que está situado no monte comunal de Surribas, ten unha altura de 15 metros, un perímetro de 4,9 metros e unha idade aproximada de entre 200 e 250 anos. Ademais, conta con dúas ramificacións principais cunha abertura central protexida con pedras e terra e, no seu conxunto, está cuberto cun gran tapiz de brión, "que fai deste un exemplar interesante desde o punto de vista estético, ademais de representar un valioso legado e un gran valor natural".

"O Catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta pública e en constante actualización, xa que poden propor a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou as asociacións e entidades públicas ou privadas que teñen entre os seus fins a protección da natureza", explicou o Goberno galego.

Na actualidade suma xa 194 elementos, 152 exemplares e 42 formacións arbóreas, pertencentes a 84 especies diferentes.

O gran castiñeiro de Surribas, incorporado ao catálogo galego de árbores senlleiras
O gran castiñeiro de Surribas, incorporado ao catálogo galego de árbores senlleiras | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta