Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2024 | Actualizada ás 18:23
A liña de préstamos directos do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) aos autónomos e empresas galegas incrementou o seu orzamento ata os 50 millóns, 20 máis do inicialmente asignado. A modificación, autorizada no Consello da Xunta celebrado este luns, responde á demanda espertada a esta liña de apoios, que desde a súa posta en marcha a mediados de xaneiro solicitou peticións por importe de case os 30 millóns orzados ao comezo.
Por iso, como avanzou o presidente galego, Alfonso Rueda, en comparecencia ante os medios tras o Consello, o crédito amplíase nun 70 % ata os 50 millóns para estes préstamos que poderán solicitarse ata novembro e que buscan "promover a competitividade dos autónomos e das empresas galegas". A través deste programa, dividido en cinco liñas que abarcan cuestións como a expansión exterior das empresas, a transformación e comercialización de produtos de pesca e acuicultura ou a industria manufactureira, o Igape pretende facilitar o acceso a créditos nun contexto de aumento dos tipos de interese.
COMERCIO LOCAL
Doutra banda, a reunión semanal do Executivo autonómico deste luns tamén aprobou unha nova orde de axudas de 2,25 millóns de euros para impulsar proxectos que favorezan a competitividade do comercio local a través de apoios a iniciativas vinculadas aos centros comerciais abertos. Así, como explica nun comunicado, serán seleccionadas iniciativas enfocadas a diferenciar estes comercios para "revitalizar" un sector que a Xunta cualifica de "clave" no desenvolvemento de vilas e cidades galegas. Deste xeito, financiaranse campañas de dixitalización, fidelización ou de dinamización comercial cunha ferramenta de subvencións que diferenciará aos centros situados nas cidades dos de concellos pequenos.
AXENTES URBANÍSTICOS
Ademais, o Consello deste luns deu luz verde a unha guía técnica para facilitar o traballo dos axentes urbanísticos elaborada en colaboración coa Axencia de Protección de Legalidade Urbanística (APLU) e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Este documento recompila fichas gráficas de afeccións, servidumes e limitacións sectoriais sobre o dereito de propiedade do chan que proceden da normativa estatal e autonómica para que dispoñan dunha ferramenta para consulta técnica de arquitectos, aparelladores ou enxeñeiros.
DEPURACIÓN AUGAS EN NIGRÁN, GONDOMAR E SOUTOMAIOR
A Xunta, na súa reunión deste luns, tamén aprobou o destino de 2,4 millóns de euros para prorrograr a xestión das depuradoras de auga nos concellos pontevedreses de Nigrán, Gondomar e Soutomaior. Así as cousas, Augas de Galicia continuará xestionando ata 2025 a EDAR deste tres municipios, que atenden a unha poboación de 50.000 persoas.
PROXECTO EN MOZAMBIQUE
Tamén en materia de augas, o Goberno autonómico autorizou a firma do convenio coa asociación Enxeñería sen Fronteiras para levar a cabo a quinta fase dun proxecto para mellorar a xestión de recursos hídricos en Mozambique. En concreto, destínanse 332.500 euros para levar a cabo unha iniciativa ata 2026 coa que se pretende reducir o impacto sobre a auga do cambio climático no país africano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.