Xa está aberto á comunidade científica o computador cuántico QMIO do Cesga

É o primeiro ordenador cuántico deste tipo instalado en España e o que conta con máis cúbits do Sur de Europa nunha institución pública.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/05/2024 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitou este mércores o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) coincidindo coa apertura á comunidade científica do uso do novo ordenador cuántico QMIO, un "fito que vai atraer talento e investimentos e vai promover o liderado de Galicia no campo da computación cuántica", dixo.

O conselleiro destacou que a comunidade "parte coa vantaxe" de contar desde outubro con esta infraestrutura, o primeiro ordenador cuántico deste tipo instalado en España e o que conta con máis cúbits do Sur de Europa nunha institución pública. Supuxo un investimento por parte da Xunta de Galicia de case 14 millóns de euros. "Trátase dun potentísimo recurso que hoxe pomos a disposición do ecosistema de I+D+i, principalmente o galego pero tamén de toda España, e que vai repercutir nun beneficio para practicamente todos os sectores económicos", dixo o conselleiro.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visita o supercomputador cuántico Qmio
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visita o supercomputador cuántico Qmio | Fonte: XOÁN CRESPO

A computación cuántica pode aplicarse á farmacoloxía, medicina, loxística ou química, polo que vai permitir descubrir novos medicamentos, crear novos algoritmos de diagnóstico de enfermidades, optimizar os procesos de produción ou descubrir novos materiais, entre outros logros. A iniciativa enmárcase no Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, no que levan investidos 30 millóns e que xa xeraron unha trintena de empregos directos de alta cualificación en Galicia. De feito, espérase un incremento nos próximos anos debido a os proxectos que captarán os investigadores.

PROTOCOLO DE ACCESO

O QMIO será accesible de maneira gratuíta desde este mércores á investigación e desenvolvemento que se faga nas universidades, nos centros de investigación, centros tecnolóxicos e empresas, tanto a nivel de Galicia como nacional, fomentando a colaboración entre investigadores desta Comunidade e de toda España. De feito, con carácter xeral, os centros de investigación nacionais terán acceso na medida en que colaboren con entidades de investigación galegas.

O uso rexerase a través dun protocolo que establece catro tipos de acceso: a través da Rede Española de Supercomputación (RES), acceso aberto, acceso reservado para o CESGA e acceso con fins educativos.

O primeiro deles canalizarase a través dos protocolos da Rede Española de Supercomputación (RES) da que o CESGA é un nodo. Neste caso, o CESGA achegará o 20% do tempo dispoñible do computador cuántico á RES, quen asignaría os recursos a través dos protocolos definidos para tal efecto na RES.

No caso do acceso aberto, canalizarase a través dos trámites e convocatorias abertos polo propio CESGA. Dentro do tipo de acceso libre distínguense dous tipos de actividades, as de curto alcance (pequenos proxectos exploratorios ou probas) e as de medio e longo alcance (proxectos con necesidades grandes de recursos priorizados, con fins científicos específicos e preparados para a súa execución inmediata).

O terceiro tipo de acceso está reservado para o persoal do CESGA, que na actualidade conta cun grupo de investigación en Computación Cuántica composto por 11 persoas. En concreto, poderá usarse para proxectos nos que participe o centro e para convenios específicos de colaboración con fins de investigación ou desenvolvemento tecnolóxico con outras institucións.

Finalmente, o protocolo contempla o acceso para actividades educativas dirixidas á xeración de talento en computación cuántica realizadas por universidades galegas, centros de investigación galegos ou o CSIC, onde se dará prioridade a iniciativas que forman parte dos traballos fin de grao e fin de master.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta