Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 22/05/2024 | Actualizada ás 14:25
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP sacará en breve a licitación do servizo de libro dixital, coñecido como 'E-Dixgal', para o próximo curso 2024/25 coa incorporación dalgunhas novidades despois da rolda de contactos iniciada con distintos colectivos da comunidade educativa a este respecto, por mor de que varios centros decidisen abandonar este proxecto.
Así, un dos puntos que se esixirá ás editoras será que terán que pór a disposición dos colexios adheridos a 'E-Dixgal' un dossier, tamén en formato impreso, a modo de resumo dos seus contidos. Ademais, reforzarase a formación dixital do profesorado e empezarase a facer unha "supervisión permanente dos contidos" a través de "un grupo de especialistas docentes en activo".
Estas son algunhas das novidades que avanzaron este mércores en rolda de prensa o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acompañado da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa; o secretario xeral técnico da Consellería, Manuel Vila; e o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño. A directora xeral foi a encargada de debullar as novidades do novo contrato que sairá a licitación por case 4 millóns de euros. 'E-Dixgal' é unha iniciativa dispoñible entre 5º de Primaria e 4º de ESO que se emprega en máis de 600 centros da Comunidade.
Judith Fernández destacou que, dentro das "melloras de contidos" que se vai a esixir ás tres editoras que resulten licitadoras do servizo está a posta a disposición dese dossier tamén en formato impreso que foi "unha demanda dos centros" trasladada nas reunións mantidas nos últimos días. Ademais, a partir de setembro implementarase unha "supervisión permanente" de contidos, especialmente da súa calidade e profundidade. Neste sentido, recoñeceu que a supervisión que se facía con anterioridade era "previa" ao proceso de licitación e "non completa, senón mostral".
NOVA PLATAFORMA: 'CREAGAL'
A directora xeral tamén anunciou a futura plataforma 'Creagal', que permitirá a todo o profesorado galego da pública (non só os que traballen con 'E-Dixgal') contar cun espazo onde compartir recursos educativos propios. En canto ao apoio ao profesorado, Fernández destacou que "a maioría" contan coa capacitación dixital necesaria para traballar co libro electrónico, pero si se prevé un novo plan de formación e un reforzo da figura dos coordinadores 'E-Dixgal'.
Así mesmo, crearase unha marca 'Centro E-Dixgal de Excelencia', para distinguir a aqueles colexios e institutos que destaquen pola integración e a explotación dos recursos tecnolóxicos; e dotarase aos centros de novos paneis interactivos de 86 polgadas. Tamén se deseñará un plan de apoio ás familias con "máis información" e "colaboración" da Administración galega para poder incrementar as súas habilidades dixitais. Cabe lembrar que o alumnado que emprega o libro electrónico conta cun computador portátil co que poden seguir traballando en casa.
"UN DEBATE SOCIAL"
Todas estas novidades implementaranse despois de semanas nas que se xerou en Galicia un "debate social" ao redor de 'E-Dixgal', por mor de varias informacións sobre colexios que voluntariamente decidían darse de baixa deste programa. O conselleiro de Educación considera "positivo e interesante" que se discuta respecto diso, porque a educación tamén opera no "cambio de paradigma" que se deu nas relacións sociais e nos modelos produtivos co auxe das novas tecnoloxías.
Rodríguez aposta por que o modelo educativo non dea as costas aos avances e que sexa híbrido, é dicir, que "o mundo dixital conviva co analóxico". De feito, mostrouse convencido de que, capacitar ao alumnado nas novas tecnoloxías (o próximo estudo PISA avaliará especificamente esta cuestión) supón "democratizar" o acceso e "xerar equidades e igualdade de oportunidades".
En todo este camiño, 'E-Dixgal' é "unha etapa máis do proceso, pero non a única", puntualizou o conselleiro. "En ningún caso o seu uso impide o mundo analóxico. É máis, compleméntao. O debate non está en branco ou negro, se si ou se non, senón en usar ben as ferramentas á nosa disposición para alcanzar o máximo rendemento", explicou. E é que nas últimas semanas transcendía que había varios centros que abandonaban este proxecto, pero a Consellería de Educación recalcan que a cifra de colexios adheridos manterase nos máis de 600, aínda que probablemente poderá diminuír pero "non é un dato preocupante", tal e como dixo a directora xeral de Ordenación e Innovación.
APENAS DIFERENZAS NAS NOTAS
O Goberno galego non dubida da necesidade de avanzar en 'E-Dixgal' e, neste sentido, realizou un estudo comparativo entre as cualificacións dos centros que o empregan (dentro destes, os que levan máis de catro anos con el e os que non) e dos que non. Así, analizáronse as notas medias globais, as medias de matemáticas e as das tres linguas (castelán, galego e inglés) de case 70.000 alumnos, que son todos os que hai entre 5º de Primaria e 2º de ESO.
De acordo cos datos obtidos, non se aprecian apenas diferenzas entre uns e outros, salvo un pequeno aumento, dunhas centésimas, na media dos colexios que empregan o libro electrónico. Ademais, en xeral, os que o levan usando máis de 4 anos obteñen aínda mellores cualificacións. Por exemplo, en 5º de Primaria a nota media dos centros que non son 'E-Dixgal' está en 7,56; pero aumenta a 7,65 (+0,09) os que levan máis de 4 anos. Ocorre algo parecido tanto en 6º (+0,01) como en 1º da ESO (+0,02). O caso máis rechamante é 2º de ESO, onde a nota media dos centros que non usan libro electrónico é de 6,61 e os que levan máis de catro anos con el, de 6,77 (+0,16).
AXUDAS DE LIBROS E MATERIAL
Outras queixas compartidas coa Consellería sobre 'E-Dixgal' referíanse ás axudas da Xunta para libros e material escolar, xa que os alumnos de centros que empregan esta ferramenta quedaban excluídos. A directora xeral explicou que 'E-Dixgal' si proporciona "unha axuda equivalente ao fondo de libros" en Secundaria, porque nestes niveis conviven materias con libro electrónico e outras sen el, e que as deficiencias eran "casos puntuais" que se comprometeu a liquidar. En todo caso, Fernández xa asegurou que na nova licitación do contrato incluiranse máis materias con 'E-Dixgal' na ESO, para evitar esta dualidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.