Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2024 | Actualizada ás 18:57
O Consello da Xunta aprobou este luns destinar algo máis de 2,4 millóns de euros a unha nova convocatoria de préstamos sen intereses destinados a rehabilitación e conservación do patrimonio en concellos de menos de 50.000 habitantes.
Estes fondos canalízanse a través dunha nova orde de axudas do Fondo de Cooperación para actuacións de rehabilitación e conservación, e destínanse a axudar aos concellos para financiar actuacións de rehabilitación e rexeneración urbana, ou á adquisición de inmobles para a súa posterior rehabilitación. A orde será publicada no mes de xuño pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
O obxectivo é que os municipios poidan recuperar e pór en valor o patrimonio construído, para recuperar ámbitos en estado deficiente de conservación, e como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, a paisaxe e o territorio.
O fondo contribuirá a facilitar aos concellos as actuacións subsidiarias de rehabilitación nos casos en que os propietarios das vivendas desatendan as súas obrigacións. Neses casos, a normativa permite ás entidades locais actuar subsidiariamente, pero moitos concellos non exercen esa potestade por non dispor de fondos.
Por medio deste fondo, o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) concederá préstamos sen intereses aos concellos para a realización desas obras, co compromiso das administracións locais de devolver o diñeiro. Con cargo a estas axudas poderán financiarse actuacións promovidas polos concellos no marco das súas competencias urbanísticas e de conservación e rehabilitación do patrimonio construído. Igualmente, as entidades locais poderán adquirir inmobles para rehabilitar e elaborar plans especiais de protección.
O prazo de presentación de solicitudes comezará ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e acabará o 31 de outubro de 2024. Os concellos interesados deberá solicitar á Xunta, a través do IGVS, a firma dun acordo de adhesión a este fondo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.