Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2024 | Actualizada ás 16:25
A Xunta duplicará a rede de aforamentos nos ríos da demarcación hidrográfica Galicia-Costa ata alcanzar as 95 estacións co obxectivo de reforzar a capacidade de prevención e de resposta ante eventuais situacións hidrolóxicas extremas nos ríos. Así o avanzou este xoves a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ás instalacións de medición de caudal localizadas no río Grande, ao seu paso polo concello de Camariñas.
A conselleira explicou que todas as estacións, tanto as 52 novas como as 43 que xa estaban operativas, teñen instrumentos de medida de nivel que transmiten automaticamente datos cada 10 minutos. A última estación comezará a funcionar en xuño nas Pontes de García Rodríguez e con ela completarán o reforzo dunha rede que achega a Augas de Galicia información crave para o seguimento de secas e inundacións e o control dos caudais.
As 95 estacións de medición repartidas por toda a conca permitirán ao Executivo galego ter un coñecemento real, continuo e inmediato da rede hidrolóxica baixo a súa competencia pola información que proporciona para xestionar os sistemas de alerta temperá ante episodios hidrolóxicos e contribuirán a cuantificar as cantidades de recursos hídricos superficiais dispoñibles, á caracterización das masas de auga e á conservación das concas dos ríos e á súa preservación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.