As persoas con contratos indefinidos soben en 100.000 entre 2021 e 2023, mentres baixan os temporais en 61.000

A taxa de paro queda no 9,7%.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2024 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

Galicia contaba en 2023 cun total de 153.200 persoas con contratos temporais, o que supón 61.200 menos (-28,5%) que en 2021. Esta caída contrasta co incremento de máis de 100.000 persoas con contratos indefinidos, que ascenden de 663.300 a 765.200 neste período.

Segundo o estudo sobre salarios publicado polo Instituto Galego de Estatística (IGE) este venres, Galicia rexistraba en 2023 a un total de 918.500 asalariados (81,4% da poboación ocupada), o que se traduce en 40.800 máis que en 2021. De tal forma, a taxa de temporalidade sitúase no 16,7%.

Pola súa banda, a taxa de parcialidade da poboación asalariada situouse no 14,90% sobre o total de asalariados. As mulleres galegas asalariadas con xornada parcial supoñen o 22,5%, unha taxa que entre os homes é tres veces menor, do 7,30%.

Así, hai 1.250.000 persoas activas, isto arroxa unha taxa de actividade do 53% sobre o total de 2,35 millóns de persoas de máis de 16 anos na comunidade. A poboación ocupada supón 1.128.500 persoas, o que se traduce en 41.400 máis que dous anos antes. A taxa de ocupación sitúase no 47,8%. No tocante ao paro, Galicia contaba en 2023 con 121.400 desempregados, 20.400 menos que dous anos antes. A taxa de paro queda no 9,7%.

Oficina de emprego con xente indo a apuntarse ao paro
Oficina de emprego con xente indo a apuntarse ao paro | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta