Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/05/2024 | Actualizada ás 14:27
O eurodeputado do PSdeG e candidato socialista ao Parlamento Europeo, Nicolás González Casares, alertou de que Galicia "non pode servir de escenario para as propostas de amizade entre a dereita e a ultradereita". Nunha rolda de prensa ofrecida con motivo da reunión da interparlamentaria do PSdeG no Parlamento de Galicia, Casares pronunciouse deste xeito en alusión á visita prevista para este sábado da candidata da PPE, Ursula Von der Leyen, a Galicia, onde estará acompañada dun líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que "pacta nas comunidades coa ultradereita".
Na súa intervención, reclamoulle á candidata do PP europeo que "ela mesma non caia nesas propostas" da dereita española, que "quere elevar ás institucións europeas menos liberdade e menos dereitos". Ademais, criticou que o propio Feijóo trate de obviar que España é o país da Unión Europea que mellor executa os fondos de recuperación, que entre outras cousas serviron para manter á sanidade en pié fronte á pandemia.
O europarlamentario dixo que os socialistas son a "voz e a influencia de Galicia en Europa", ao defender no Parlamento europeo os intereses de Galicia en materias como a transición enerxética, a pesca, a agricultura ou a modernización do país.
"Somos capaces de cambiar o sentido do voto do segundo grupo máis importante en favor dos intereses de Galicia", dixo para distanciarse de "outros que son tan pequenos e que defenden ideas contrarias aos intereses de Galicia".
No acto, ademais, o secretario xeral do PSdeG incidiu en que é a súa formación a que garante "maior protagonismo de Galicia en Europa". Así, advertiu de que "quen non están en Europa non inflúe", en alusión á "preguiza" do PP e á súa ausencia nos foros máis aló de Galicia, que prexudica ao país e leva a unha evidente perda de oportunidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.