Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 31/05/2024 | Actualizada ás 16:30
Do 23 a 29 de xuño a cidade de Pontevedra terá unha semana de reivindicación dos dereitos LGBTIQA+ cunha ampla programación do Orgullo que inclúe "unha combinación de cultura, formación, festa e reivindicación", segundo informaron a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías; o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez; e o portavoz de Avante na cidade, Diego Feijoo.
O 23 de xuño, no Campillo de Santa María, haberá un vermú para celebrar "un San Xoán diverso". Incluirá ambientación musical a cargo dun DJ e aperitivos, nesta actividade enmarcada no programa municipal 'Pinto e Maragota'. A programación continuará o luns 24 e o martes 25 con 'Contos de Cores' na libraría Seijas. O mércores 26 e xoves 27, a Casa das Campás acollerá os Encontros do Orgullo Orgullo Pontevedra 2024" para falar de "familias diversas" e "realidade non-binaria" con Nee Barros e Max Suárez da Asociación Arelas ou unha nova edición de "Referentes" con Guillermina Domínguez.
O venres 28, o propio Día do Orgullo, Avante LGBT homenaxeará a María del Carmen do Val, mestra lesbiana da parroquia pontevedresa de Cerponzóns que deixou pegada na comarca. Finalizarase cunha "gran festa do Orgullo" o sábado 29 de xuño no Parque das Palmeiras a partir das 13.00 horas e ata a madrugada. Actuarán Ana Talibá, a Duendeneta, Londreira e Señora DJ. Xa ás 20.00 da tarde sairá das Palmeiras a manifestación do Orgullo Pontevedra co lema 'Avanzar en Dereitos'.
Ademais, desde o día 24 ao 28 terá lugar unha nova edición de 'Ambienta', a mostra de cinema LGBTIQA+. A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías explicou que o goberno local acordou "unificar" as áreas que estaban a levar as actividades de Igualdade "e facer unha única programación para celebrar que esta cidade é diversa e moi orgullosa".
"Para nós os actos de orgullo non son unhas efemérides nun calendario, son unha declaración de intencións do que é Pontevedra, unha cidade moderna, acolledora e plural, unha referencia en moitas cousas, e tamén unha referencia na loita polos dereitos sociais das persoas", manifestou Gulías. O próximo 19 de xuño, ás 20.00 horas, despregarase no balcón da Casa Consistorial unha pancarta reivindicativa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.