Por Europa Press / Redacción | MADRID | 01/06/2024 | Actualizada ás 12:09
O BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso para que o Estado anule a concesión a Audasa ata 2048 da autoestrada AP-9, que asuma a súa xestión directa e posteriormente impulse a transferencia da estrada a Galicia. Esta petición recóllese nunha moción consecuencia dunha interpelación urxente que o deputado do Bloque, Néstor Rego, dirixiu o pasado mércores ao ministro de Transporte e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, con motivo da autoestrada do Atlántico.
A súa votación está programa para a semana posterior ás eleccións europeas. Na interpelación, Puente advertiu de que pór fin á concesión da autoestrada a Audasa suporía un custo de 4.000 millóns de euros para o Estado, unha cifra "inasumible" para o titular de Transportes. Pero o BNG di que no pasado executáronse rescates milmillonarios noutras infraestruturas como as radiais madrileñas.
PUNTO FINAL Á CONCESIÓN
"No caso da AP-9 en Galicia, resulta evidente que é moito máis favorable para os intereses públicos pór punto final á concesión", subliña Néstor Rego na exposición de motivos da moción, que foi recollida por Europa Press e onde Rego tacha a actual xestión da estrada como "estafa legalizada".
Neste sentido, o BNG levará a votación unha petición para que o Goberno realice "de forma inmediata" un estudo no que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga da concesión da estrada e sexan avaliados os custos económicos que tería para o Estado asumir a xestión directa da AP-9. Tamén insta o Executivo a anular a prórroga de 25 anos outorgada a Audasa da autoestrada, asumir a súa xestión directa, suprimir as peaxes e impulsar a súa transferencia a Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.