Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2024 | Actualizada ás 17:09
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou a presenza este sábado da candidata do PP Europeo Ursula von der Leyen en Galicia para contrapor o "modelo de Europa militarista" dos populares e o "modelo de paz" que propón o BNG. "Coa súa presenza, podemos ver dous modelos de Europa: a Europa do Partido Popular de Feijóo, cada vez máis ultra, disposta a pactar coa extrema dereita tamén en Bruxelas, e a Europa social, dos pobos e da paz que defende o BNG", dixo Pontón.
Máis en profundidade, afirmou que o modelo do PP é o dunha Europa "militarista, comparsa da OTAN e de EEUU, cómplice do masacre do pobo palestino", o que evidencia que estea en Galicia "como paracaidista a mesma candidata do PP que foi a Israel a mostrar o seu apoio ao Netanyahu". Así mesmo, Pontón criticou que o PP "non teña ningún reparo en pactar coa extrema dereita, tamén en Bruxelas, a favor dunha Europa que aumenta o gasto militar mentres recorta en servizos públicos; que levanta muros e coloca concertinas contra as persoas que foxen da pobreza ou da guerra, que defende ás multinacionais e á banca mentres recorta en pensións, salarios e dereitos laborais", alegou Pontón.
Fronte a iso, engadiu, "o BNG defende a Europa dos pobos, social, xusta, da igualdade; unha Europa que coloque ás persoas no centro, solidaria, de acollida; unha Europa feminista, que respecte a diversidade". "Defendemos unha Europa antifascista, antimilitarista, que non mire para outro lado ante o xenocidio do pobo Palestino. Unha Europa da paz", recalcou. Pontón reclamou para isto tamén o escano galego e pediu aos galegos que o 9 de xuño "enchan as urnas de papeletas do BNG, sabendo que o seu voto vai servir para que Galicia conte no Parlamento europeo e, ao mesmo tempo, para construír unha Europa social, feminista antifascista e pola paz".
SECTORES GALEGOS
Na súa intervención, a candidata Ana Miranda destacou o enorme potencial de Galicia, cuxos sectores produtivos están "a ser discriminados por moitas das políticas que se toman desde as institucións comunitarias". "Por iso é tan importante ter unha voz propia que os defenda en Bruxelas, como fixo o BNG ao longo destes anos fronte a un Goberno do PP cruzado de brazos", apostilou.
A pesca, o rural, a rexeneración das rías, o espolio eólico, a macrominería e "a macrocelulosa contaminante de Altri", a traxedia de Angrois ou a defensa dunha AP-9 "galega e libre de peaxes" foron "algún dos moitos temas de país dos que se falou en Europa grazas ao escano do Bloque". "Por iso Galicia necesita seguir tendo unha voz propia para que tanto os seus problemas como os do resto da humanidade cheguen ás instancias europeas, igual que fixemos ata agora", dixo Miranda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.