Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/06/2024 | Actualizada ás 14:18
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou este mércores a oficina de emprego do barrio vigués de Navia, onde destacou que os "datos históricos" do paro rexistrado en maio beneficiaron especialmente a colectivos prioritarios, como as mulleres e os menores de 30 anos.
Segundo subliñou o conselleiro, por primeira vez desde que hai rexistros o desemprego en Galicia sitúase por baixo das 123.000 persoas, cun descenso tanto anual (-9,22 %) como mensual (-3,40 %) e o paro baixa en todas as grandes cidades.
Por colectivos prioritarios, o paro entre mulleres e desempregados menores de 30 anos é o máis baixo desde 2005 e o dato de afiliacións tamén é o mellor dos últimos 15 anos, con 1.077.292 afiliacións.
José González destacou que estes datos demostran que as políticas activas de emprego "están a funcionar" pero engadiu que hai que "seguir traballando" para cubrir as 15.000 vacantes laborais que hai en Galicia, con medidas pioneiras como a ferramenta tecnolóxica EMi, que conecta en tempo real a oferta e a demanda a través de intelixencia artificial.
Este software permite converter Emprego de Galicia nun servizo no que as empresas poden localizar o mellor talento e ao que as persoas poden recorrer para consolidar a súa traxectoria profesional. Así mesmo, a Xunta aposta por continuar co programa de seguimento intensivo da demanda de emprego, que busca actualizar as demandas duns 32.000 inscritos nas listas do paro, desempregados de longa duración.
Antes da visita á oficina de emprego de Navia, o conselleiro mantivo unha reunión na delegación territorial da Xunta cos directores das 18 oficinas de emprego da provincia de Pontevedra, e con medio centenar de orientadores laborais que traballan nestas oficinas.
Neste encontro abordouse o labor destes orientadores na tarefa de axudar ás persoas a atopar un traballo estable e de calidade, e todos coincidiron na importancia da súa formación para a creación dos itinerarios laborais das persoas desempregadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.