"O modelo enerxético actual ten límites físicos, que veñen marcados polos recursos do planeta"

Da man de Rosa Regueiro, investigadora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) participante nas xornadas 'A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade', organizadas polo Consello da Cultura Galega (CCG), coñecemos cales son as causas de que o modelo social económico actual estea en risco.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/06/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A cuestión enerxética é unha cuestión urxente, diso non cabe dúbida, pois cada vez a sociedade demanda cantidades máis inxentes de enerxía, debido ao modelo globalizado no que estamos instalados, e a produción actual é insuficiente, tendo en conta tamén que os recursos non son ilimitados. A esperanza moitas veces ponse en solucións tecnolóxicas que non terminan de calar por diferentes motivos ou que aparellan custes moi altos, mentres que o que está en crise é o modelo social económico subxacente tal e como o coñecemos. Da man de Rosa Regueiro, investigadora e profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) participante nas xornadas 'A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade', organizadas polo Consello da Cultura Galega (CCG), coñecemos cales son as causas de que ese modelo social estea en risco.

Placas solares
Placas solares | Fonte: FUNDACIÓN RENOVABLES - Arquivo

"Os límites e o impacto das fontes de enerxía sobre o territorio e as comunidades locais son dous elementos clave á hora de entender como é a crise enerxética actual, que non ten que ver coa crise enerxética tradicional que se viviu en 1973, xa que neste momento ten tintes de crise ecosocial", explica Regueiro. Así as cousas, incide en que "a crise enerxética tal e como a coñecemos na actualidade comezou no 2022, cando saiamos da pandemia covid, e está moi vinculada á guerra de Rusia e Ucraína", engadindo que "esa crise si ten no fondo unha coincidencia cunha crise enerxética tradicional como a de 1973, que estivo marcada polo desaxuste entre a oferta e a demanda de petróleo e o arreglo nos prezos". Sen embargo, "nestes momentos a crise é multifactorial, supera o desaxuste do mercado".

Debido a isto, a investigadora asegura que o modelo enerxético actual "ten límites físicos, que veñen marcados polos recursos do planeta; socioeconómicos; técnicos; e ambientais". Moitas veces téndese a pensar que eses límites só son ambientais e enerxéticos, cando non é así, ou alo menos, non exclusivamente. Como evidencia Regueiro, "o modelo enerxético é un modelo que funcionou e funciona moi ben para o sistema económico que acompaña, pero a globalización moitas veces deixa de lado os intereses e o apoio ao territorio e ámbito local". Neste sentido hai que ter en conta os límites que ten a propia biosfera: "Non hai máis planeta que este e hai recursos que teñen límites, non só os fósiles, senón tamén os renovables". Por iso, a profesora da USC considera que "a cuestión é ver como adaptarnos fronte a eses límites".

Así, e aínda que moitas veces se fala de que estamos nun período de transición enerxética, que é certo, "os cambios que houbo non foron suficientes, estamos practicamente igual". Por que? Regueiro asegura que "o consumo de enerxía primaria segue centrando a forza nas fontes de enerxía fósil", de tal xeito que, "aínda que variou a proporción e si hai unha presenza máis destacada das renovables na actualidade, estas teñen unha función estritamente complementaria na produción de electricidade, non principal". Así, "a enerxía primaria é a que vamos dispor para obter logo a enerxía secundaria", por exemplo, a electricidade é unha enerxía secundaria, pero o petróleo é primaria e, logo, queimase para obter a secundaria.

"AÍNDA QUE A PARTICIPACIÓN DAS RENOVABLES FOI AUMENTANDO, NON VAI SUBSTITUÍR DE HOXE PARA MAÑÁ A CONTRIBUCIÓN FÓSIL, O SISTEMA NON ESTÁ DESEÑADO PARA QUE SEXA ASÍ"

Aeroxeradores de Audax Renovables
Aeroxeradores de Audax Renovables | Fonte: AUDAX RENOVABLES - Arquivo

Pero por que se prefire usar aínda a día de hoxe máis recursos fósiles que renovables? A resposta é sinxela, Regueiro evidencia que "os recursos fósiles teñen unha taxa de retorno enerxético altísima: con pouca cantidade obtemos a cambio unha relación de enerxía moi alta". Iso, innegablemente, ten un interese económico fundamental. Deste xeito, "aínda que é certo que a participación das renovables foi aumentando, non vai substituír de hoxe para mañá á contribución fósil, e non vai ser así porque o sistema non está diseñado para o sexa, e moito menos de inmediato". Por exemplo, aínda que hai vehículos eléctricos, estes, ao igual que os demais, tamén teñen que chegar ao concesionario dende a fábrica sendo transportados en grandes camións que usan recursos fósiles para funcionar.

De cara a esa data que sempre se manexa ao falar de crise climática: o horizonte 2030, a investigadora explica que "en función de que escenario se aplique (seguindo como estamos, aplicando medidas paliativas para reducir emisións ou chegando ás emisións 0 de carbono), a demanda de petróleo vai ser maior ou menor". Pero ten claro que en sectores como o transporte, "a demanda de petróleo vai ser máis intensa seguindo como estamos que se imos a un entorno de emisións netas cero, porque nese caso potenciaríase o uso doutras fontes de enerxía mixtas"; na industria considera que "a situación é semellante, o escenario actual segue sendo máis intensivo e temos diferentes formas de enfocar a transición en función das políticas enerxéticas que se implanten, con diferentes impactos a nivel social e territorial". Sexa como fose, Regueiro está convencida de que "o horizonte 2030 é curto, está á volta da esquina, e non temos moita marxe de manobra".

"NO ANO 2010 A AXENCIA INTERNACIONAL DE ENERXÍA DIXO QUE OS RECURSOS ENERXÉTICOS NON ERAN PARA SEMPRE E QUE ESTABAMOS NO PICO MÁXIMO DE PRODUCIÓN ESTIMADA"

Outro dato importante que pon sobre a mesa a investigadora é o de que "historicamente nunca houbo problemas de abastecemento", ata que chegou o ano 2010, "ano no que a Axencia Internacional da Enerxía dixo que eses recursos enerxéticos non eran para sempre e que xa estabamos no pico máximo de produción estimada, de xeito que, a partir de entón, esas reservas de calidade máxima identificadas no petróleo e, posteriormente, tamén no gas natural, xa non se podería garantizar que se replicasen". É dicir, de aí en diante prevíase que houbese menos cantidade de petróleo (e menos gas natural) e con menos pureza. Como se traduciría isto para a industria extractiva? Como di Regueiro: "máis profundidade para poder realizar a extracción e, polo tanto, maiores custes". Isto non quere dicir que todos os países chegaran no 2010 a ese máximo, algúns chegaron no 2018, outros chegaron antes do 2010...

Ademais, como explica a investigadora, hai que ter en conta non só a dimensión desta reserva, senón tamén a velocidade coa que vamos poder extraer ese petróleo para poder atender ao consumo. "Antes a relación era clara entre os recursos descubertos e os que se demandaban, pero agora a tendencia do consumo é a aumentar e dase unha clara fenda entre as reservas de recursos descubertas, con clara liña descendente, e as que se estiman que poderían chegar a descubrirse no futuro", asegura. "Tendo en conta isto, a situación é preocupante e hai que tomar medidas", conclúe Regueiro. Pero esas medidas non poden aplicarse igual en todos os territorios, xa que hai disparidades na afectación e dependencia do ámbito enerxético fósil por territorios.

"HAI PAÍSES QUE SON IMPORTADORES NETOS E OUTROS QUE SON EXPORTADORES NETOS, O QUE DERIVA NA SITUACIÓN ACTUAL DE DEPENDENCIA ENERXÉTICA"

Así, como explica, "hai países que son importadores netos e outros que son exportadores netos de petróleo". Por exemplo, China, a gran fábrica do mundo, precisa importar moito petróleo para manter a súa intensidade produtiva. Tamén a Unión Europea, cunha dependencia de case un 50 % do petróleo chegado de Rusia. E dentro da lista conviría incluír a Xapón e India. Para Regueiro, de feito, é preciso deter a atención no caso da India, que "é importadora neta do petróleo de Rusia, pero neste momento tamén é a intermediaria número un de petróleo no mundo". Que quere isto dicir? "Que países que antes mercaban petróleo directamente a Rusia agora mercan indirectamente a India e, polo tanto, o custe dese petróleo a través de intermediario vai ser máis caro". E este papel que xoga India no presente podería aínda chegar a ser máis importante no futuro.

Pola banda dos países exportadores atópanse os países árabes, que gozan de vantaxes produtivas á hora de obter petróleo, así como Rusia e mesmo Estados Unidos, a través tanto da extracción convencional como do denominado 'fracking' (unha técnica que facilita a extracción do subsolo mediante presión hidráulica). Isto deriva na situación actual de dependencia enerxética, que como explica Regueiro, consiste en que "países que non teñen recursos en propiedade teñen que importalos". Mentres as cousas están calmadas vaise facendo, pero "cando chega un momento de tensión, como un conflito como o de Rusia-Ucraína, os prezos aumentan e, en consecuencia, os consumidores sofren, o cal repercute directamente sobre o benestar social".

"HAI QUE TER EN CONTA A IMPORTANCIA DOS LÍMITES, PARA QUE SE POIDA EXTRAER PETRÓLEO OU GAS NATURAL NECESITAMOS RECURSOS QUE SE ESGOTAN"

E como oscilaron historicamente os prezos do petróleo? "O máximo diario alcanzado foi no ano 2008, cando estalou a crise, pero tamén podemos ver picos no prezo derivados da pandemia da covid, cando todo o mundo estaba confinado e apenas había produción, de xeito que o petróleo tiña que estar máis barato porque non se lle estaba dando saída, e polo tanto tampouco se precisaba de moita extracción", expón Regueira. Con todo, "se miramos os prezos medios anuais do petróleo para España vemos que dende 2018 levan subindo de xeito continuado, nin sequera baixando durante a pandemia da covid". Por que? Porque todo ten matices en función da estrutura propia de cada país. 

Por outra banda, a investigadora chama a ter en conta a importancia dos límites, pois "para que se poidan extraer petróleo, gas natural, carbón, construír parques eólicos e demais precisamos de minerais e tamén de carbón, é dicir, necesitamos tamén ter en conta os límites deses recursos, porque senón non hai forma de levar a cabo o proceso de tecnificiación". E que pasou dende o 2021 ata o de agora? Cun exemplo práctico, Regueiro invita a lembrar o tempo da pandemia no que a planta de Stellantis en Vigo se viu obrigada a parar a súa produción durante unha tempada por falta de chips. Por que faltaban chips? Porque non había litio suficiente. "A escaseza dun material tan importante para o sector do transporte pode trasladarse tamén ao ámbito enerxético: precisamos materiais para levar a cabo as instalacións, que non só leven a cabo a extracción, senón tamén todo o proceso posterior de distribución e comercialización", explica a doutora. 

"AÍNDA QUE A NIVEL MUNDIAL O INVESTIMENTO EN PETRÓLEO DESCENDEU NA COVID, RAPIDAMENTE VOLVEU SUBIR E SEGUE AUMENTANDO"

Así as cousas, os investimentos seguiron e, aínda que a nivel mundial o investimento en petróleo sufriu un descenso durante a covid, "rapidamente volveu subir, a pesares de atoparnos nun período de transición enerxética no que supostamente avanzamos cara emisións 0". Isto demostra onde se están concentrando os intereses dos inversores á hora de invertir o capital no sector enerxético, altamente intensivo na demanda de capital, e non así na xeración de emprego, e moito menos de emprego estable e duradeiro. "Vemos que o sector petrolífero é o que segue aumentando e, sobre todo, as actividades vinculadas á descarbonización, pero tamén o petrolífero, non esquezamos", fai un chamamento Regueiro.

Outra lectura que a investigadora considera importante é o impacto xeopolítico estratéxico. Así, plantexa o ámbito da Unión Europea. "A dependencia da UE con respecto ao gas natural e o crudo de petróleo é tremendamente significativa: de Rusia chegou a superar o 40 %, de aí a necesidade que había de tomar medidas cando estalou a guerra en Ucraína", expón a economista, que incide en que "no caso dos 27 países da Unión Europea a dependencia con respecto a Rusia de gas natural, carbón e petróleo é máis que significativa". No caso do gas natural, un 37 % do mesmo viña de Rusia; no do carbón, un 20 %; e no do petróleo, un 25 %. Ademais, tamén hai outros países moi importantes a nivel de importacións, como Noruega, "que é fundamental non só pola proximidade, senón polos aportes e certos respiros que pode dar no aprovisionamento de gas natural". E, unha vez máis, tamén teñen moita importancia India e Estados Unidos.

"UN TERRITORIO SEN RECURSOS PROPIOS TEN QUE BUSCAR GARANTÍA DE ABASTECEMENTOS CONTINUADA, SOSTIDA NO TEMPO, E, SE PODE SER, NO PREZO"

De feito Regueiro invita a lembrar aquel tempo no que en medio da tensión polo estalido da guerra Ucraína-Rusia, houbo un acordo entre a Unión Europea e os Estados Unidos para o aprovisionamento de gas natural. Esta era unha forma de non ter que depender do gas ruso, pero que xeraba un grande impacto, pois "ao vir do outro lado do Atlántico non podía vir por gasoductos, senón en buques enerxéticos,  e cando chegaba aquí aínda había que sometelo a outro proceso, a regasificación, que significaba asumir outro custe para poder ter ese gas natural en condicións óptimas para ser usado". Así, aínda que está cambiando o enfoque da dependencia, esta non se está reducindo como tal, pois deixa de ser tan vinculada a Rusia pero vai cara Estados Unidos. E é que o que é innegable, segundo Regueiro, é que "un territorio sen recursos propios ten que buscar garantía de abastecementos, continuada e sostida no tempo, e se poder no prezo, algo que no caso do gas natural non é doado".

Ademais, a dependencia dentro dos países da UE non é para todos igual. No caso de España, por exemplo, o noso país ten menos dependencia de Rusia, porque a ten de Arxelia. Pero hai países como Polonia, Eslovaquia, Dinamarca, Hungría ou Bulgaria cun volume de importacións moi importantes de Rusia, máis do 50 %, polo que as decisións estratéxicas a adoptar por estes países poden ser máis ou menos dramáticas en función da demanda que teñan que asumir. 

"O INDICADOR DE POBOACIÓN QUE NON PODE MANTER O SEU FOGAR EN CONDICIÓNS DE CLIMATIZACIÓN ÓPTIMAS AUMENTOU 3,6 PUNTOS ENTRE 2015 E 2021 EN ESPAÑA; NA UE DIMINUÍU 2,7 PUNTOS"

Por outra banda, dende o punto de vista social, "o impacto da pobreza enerxética en 2024 é gravísimo". E iso é algo que podemos ver no noso día a día, ao noso carón. Regueira chama a botar unha ollada ao informe publicado o ano pasado polo INE, que forma parte á súa vez dun informe da evolución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, na que se fala da necesidade de garantir enerxía eficiente e sostible para todas as persoas. O informe "amosa un dato pouco esperanzador: o indicador de poboación que non pode manter o seu fogar quente en condicións de climatización óptimas aumentou 3,6 puntos entre 2015 e 2021 en España, mentres que no resto da UE diminuíu 2,7 puntos". Isto, segundo expón a experta, ten que ver "co patrón de consumo, coa evolución dos prezos do consumo e co sistema de fixación de prezos do consumo, así como coas medidas que se poñen en marcha para paliar e sobre todo previr a pobreza enerxética, que ten dous estados previos: a desigualdade e a vulnerabilidade. "Se somos quen de actuar aí non imos erradicala, pero si imos reducila notablemente", conclúe Regueiro.

Plataforma flotante de xeración de electricidade a partir da enerxía mareomotriz, deseñada pola tecnolóxica galega Magallanes Renovables
Plataforma flotante de xeración de electricidade a partir da enerxía mareomotriz, deseñada pola tecnolóxica galega Magallanes Renovables | Fonte: MAGALLANES RENOVABLES - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta