Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/06/2024 | Actualizada ás 22:00
O modelo enerxético galego, aínda englobándose dentro dos obxectivos españois e europeos de redución de emisións para facer fronte ao cambio climático, conta coas súas particularidades. A maior parte da sociedade galega ten esa idea de que Galicia é unha importante produtora de enerxías renovables e que, como aquí non se consume todo o que se xera, tamén é unha importante exportadora desas enerxías cara outros lugares. Cando iso non é de todo certo, pois en verdade Galicia si exporta, pero importa moito máis do que exporta, e importa fundamentalmente combustibles fósiles. A profesora e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Rosa Regueiro, participante nas xornadas 'A cuestión enerxética en Galicia: entre economía, territorio e sociedade', organizadas polo Consello da Cultura Galega (CCG), así o afirma.
Segundo apunta a profesora da USC, Galicia conta "cunha clara contribución a nivel renovable, pero aínda hai cuestións que corrixir". Para comprender o por que invítanos a entrar na páxina web da Rede Eléctrica de España, onde se poden ver a tempo real os datos da estrutura de xeración de enerxía, é dicir, permítenos saber canto está a contribuír en cada momento á xeración de enerxía a tecnoloxía eólica, fotovoltaica, mariña, hidráulica ou fósil. Como evidencia Regueiro, isto non é sempre igual, pois "depende das condicións climatolóxicas ou das políticas do momento, que poden facer que non nos chegue gas natural un día, pero que si se precise botar man del ao seguinte".
Así, lembra que os últimos datos publicados o mes pasado pola Xunta de Galicia expoñen que "fannos falta 11.411 xigawatios de potencia" e que "importamos máis do que temos". Esta é unha idea na que incide: "En enerxía primaria Galicia importa fundamentalmente gas natural e crudo de petróleo". Aínda que tamén é certo que é unha gran exportadora, pero de que? Regueiro afirma que "temos produción eólica, fotovoltaica e hidráulica". "Isto é importante telo en conta porque moitas veces automaticamente se di que Galicia exporta máis do que importa, porque nos sobra, e non é tan así, hai que saber o que exportamos e, en termos xerais, importamos máis do que temos", destaca a profesora da USC.
Para ela a teoría sería: "Importamos para despois poder exportar, esa é a explicación lóxica". Ademais, no tocante á exportación, Regueiro chama a atención sobre que "sempre hai perdas, cada vez menores pola optimización das infraestruturas, pero hainas". Ademais, incide na "dispoñibilidade", porque "a enerxía que xeramos é secundaria e iría para poder crear enerxía primaria e, despois, de aí para o consumo propio galego e tamén para as exportacións". En total, Galicia importa 5.390 quilowatios de enerxía e exporta 4.530, o que redunda nesa idea de que "si exportamos, pero consumimos máis do que chegamos a exportar". E iso é algo que non mudou cos anos, practicamente, xa que no 2016 Galicia importaba un 80 % e agora importa un 70 % da enerxía: "Fomos mudando, si, pero as cifras son as que son".
"NO 2005 AS RENOVABLES TIÑAN UNHA PARTICIPACIÓN DO 37,9 % E AGORA ESTÁN CASE NO DOBRE, NO 65,4 %, EN SINTONÍA COA TRANSICIÓN ENERXÉTICA"
Ademais, a investigadora da USC apunta a que "na xeración neta de electricidade o 65 % é renovable", polo que dende ese punto de vista "si podemos dicir que somos unha potencia renovable, hidráulica, eólica, de biomasa...". Esta cuestión tamén foi mudando co paso do tempo: "No 2005 as renovables tiñan unha participación do 37,9 % e agora están case no dobre, no 65,4%, en sintonía coa transición enerxética". Agora ben, esa transición enerxética tamén está en sintonía coa transición ecolóxica? Iso xa non o ten tan claro Regueiro, "son palabras maiores". Con todo, evidencia que "si vai mudando o sistema e o carbón, por exemplo, vai desaparendo, fundamentalmente polos cambios previstos nas dúas factorías das Pontes e Meirama". Pero non acontece o mesmo co gas natural, pois "temos unha participación do gas natural que pasou do 3,2 % ao 26 %", así que a profesora chama a "ver todo no seu conxunto, porque os matices son importantes".
De cara ao futuro próximo, onde podería estar a forza de Galicia na produción de enerxía? Regueiro teno claro: "En termos de potencia e tendo en conta as centrais que están instaladas a día de hoxe en Galicia, a eólica e a hidráulica son as enerxías que máis contribuirán". Así, con respecto á eólica, "todos sabemos que Galicia foi unha potencia eólica de renome a nivel mundial, líder sobre todo en España e na Unión Europea, tanto no ámbito terrestre e aínda máis no mariño". En concreto, sobre a eólica mariña Regueiro explica que "Galicia está ubicada dentro da demarcación norte, dentro das cinco que plantexou no seu momento o Ministerio para a Transición Ecolóxica, e ten plantexados parques na Mariña lucense e fronte á costa de Vigo".
"NOS PROXECTOS DE EÓLICA MARIÑA NON HAI REPETIR ERROS: NON DEIXAR DE LADO A PARTE DOS AXENTES IMPLICADOS COMO OCORREU NA TERRESTRE"
Neste senso, invita a "aprender do pasado e non repetir erros". A que se refire con isto? A necesidade de ter en conta unha avaliación global dos proxectos, "non deixando de lado parte dos axentes implicados, como aconteceu no ámbito da eólica terrestre". Pon aquí o exemplo de Dinarmarca, que comezou con este procedemento en 1973 e sempre tivo claro que tiñan que estar presentes nel todos os axentes implicados. Precisamente é por esa falta de implicación dalgúns dos axentes que "estamos vendo a actual falta de aceptación social de proxectos, a inseguridade xurídica...".
Cales son os rasgos que distinguen esta situación en Galicia? Regueiro afirma que "Galicia conta cun modelo eólico desenvolvido na actualidade, onde a propiedade do 88 % da potencia eólica instalada está en mans dos fondos de intervención internacionais, e só o 12 % nas mans de capital e empresas con capital de Galicia ou de España". Deste xeito, "fondos de inversión radicados en Luxemburgo, Qatar, Gran Bretaña ou Estados Unidos son ao final os propietarios dos beneficios", e, aínda que si pagan impostos no noso territorio e crean postos de traballo, "os beneficios marchan para eses países". Así, "como non é un modelo de produción integral galego provoca tensións sociais e falta de aceptación".
"ACTUALMENTE O 40 % DA POTENCIA EÓLICA INSTALADA ESTÁ SITUADA EN ZONAS DE PROTECCIÓN AMBIENTAL, DENTRO DA REDE NATURA"
A isto debe sumarse o feito de que "o 40 % da potencia eólica instalada está situada en zonas de protección ambiental, dentro da Rede Natura". De aí que nestes momentos haxa unha importante cantidade de proxectos eólicos paralizados por decisións xudiciais, fundamentalmente por incumprimento da normativa ambiental. Finalmente, no tocante á pobreza enerxética, a profesora da USC celebra que, "afortunadamente, Galicia non está entre as comunidades con maior impacto da pobreza oculta, pero si unimos todos os indicadores, a cuestión enerxética merece unha atención detallada para poder corrixir certos aspectos".
En conclusión, Regueiro asegura que se debe "acentuar o triálogo: enerxía, biosfera e materiais son tres elementos que teñen que ir da man para chegar a ese modelo de emisións cero ou de quencemento global mínimo". Sempre tendo en conta os límites, pois "hai metais escasos que vamos precisar para transformar en realidade esa transición enerxética e, para iso, temos que cambiar tanto o modelo de consumo como de produción, algo que non é inmediato, que ten que ser gradual, pero que se debe facer". A profesora pon o exemplo dunha conversa mantida con técnicos dunha refinaría de petróleo que lle dicían que para poder proceder á explotación dun pozo petrolífero podían pasar ata 20 anos dende que tiñan a primeira medición.
"TEMOS A NECESIDADE URXENTE DE CUANTIFICAR CAL É O CAPITAL MINERAL DO PLANETA"
"A economía dunha sociedade non pode estar esperando por un parón de tanto tempo", asegura. Por iso, Regueiro ve a necesidade urxente de "cuantificar cal é o capital mineral do planeta, cales son as reservas que temos de plata, de indio, de teluro... Precisamos sabelo, ao igual que calquera empresa precisa saber canto ten de materias primas para poder producir e colocar o seu produto no mercado". Ademais, chama a atención na necesidade de obtención deses recursos "sen pisotear os dereitos humanos das comunidades onde se extraen", que son ao final as afectadas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.