Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2024 | Actualizada ás 09:52
Os servizos de Emerxencias rescataron ao tripulante dun veleiro que sufriu unha vía de auga e encallou en Cabo Touriñán, e que saltara ao mar tras o accidente. Segundo informou do CIAE 112 Galicia, o incidente ocorreu pouco antes das 2,00 horas da madrugada, cando Salvamento Marítimo contactou con Emerxencias para alertar de que un veleiro estaba encallado en cabo Touriñán cunha persoa a bordo.
O 112 informou a Urxencias Sanitarias, Servizo de Gardacostas de Galicia, Garda Civil e agrupación de voluntarios de Protección Civil de Muxía. Así mesmo, desde Salvamento Marítimo informouse de que estaban mobilizados o helicóptero de rescate Helimer, e a embarcación Salvamar Altair.
Precisamente, pouco despois Salvamento Marítimo confirmou que o tripulante se lanzou ao mar, desde onde foi rescatado pola Salvamar Altair, que o trasladou ao porto de Camariñas. Unha vez en terra foi atendido por persoal sanitario e, aínda que aparentemente estaba en bo estado, foi trasladado en ambulancia ao Hospital de Cee.
CONDICIÓNS ADVERSAS
O xefe do CCS de Fisterra, Manuel Capeáns, sinalou que "as condicións meteorolóxicas adversas, con ventos moi fortes do nordeste, os baixos nas proximidades do veleiro e a falta de luz complicaron o operativo de rescate". De feito, actualmente na zona xa só poden apreciarse os restos da embarcación, de nome 'Sirina'.
O CCS Fisterra recibiu sobre as 1,30 horas da madrugada a alerta do veleiro, informando de que embarrancara nas pedras nunha zona próxima a un cantil en Cabo Touriñán. Ao encallar, produciuse unha vía de auga na embarcación, polo que Salvamanto mobilizou de inmediato a Salvamar Altair e o Helimer.
Os efectivos de rescate tiveron que facer fronte a ventos moi fortes do nordeste, e ao chegar á zona comprobaron que o 'Sirina' estaba encaixonado nunha zona do cantil, e o seu tripulante na zona de popa, en aparente bo estado.
A Salvamar Altair tentou remolcalo, pero a manobra era arriscada, xa que había dous baixos nas proximidades do veleiro. Sobre as 2,30 horas comezou a afundirse e o tripulante lanzouse ao mar, desde onde foi rescatado pola embarcación de Salvamento, con apoio do Helimer que iluminou a manobra co seu foco. Finalmente, o tripulante foi desembarcado no Porto de Camariñas, desde onde foi trasladado ao hospital.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.