Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/06/2024 | Actualizada ás 15:38
O Consello da Xunta deu este luns luz verde a destinar 43,2 millóns de euros á primeira fase da estratexia coa que prevé crear 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres. En concreto, a partida irá destinada á adquisición de chan urbanizable. Un plan que se estenderá ata o 2028 pero para o que non hai prazos de construcións de vivendas.
Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Executivo, o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, lembrou o seu compromiso adquirido de terminar a lexislatura dobrando o parque público residencial. "Pasar das 4.000 actuais a 4.000 vivendas de promoción pública", sostivo nunha comparecencia na que a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, debullou os detalles desta estratexia.
Rueda, que lembrou a súa promesa de pór en marcha nos 100 primeiros de goberno a execución de 400, dentro desta cota de 4.000, un obxectivo que "vai ser cumprido con fartura". Con todo, sostivo que a Xunta quere ir planificando "máis aló" da lexislatura, para o que puxo en marcha unha estratexia de chan residencial
Segundo indicou, o obxectivo é impulsar a construción de 20.000 vivendas protexidas e outras 5.000 libres, a maiores do obxectivo de 4.000 máis nesta lexislatura. "Para iso hai que planificar, hai que desenvolver chan residencial, que foi o que acordamos hoxe ao aprobar esta estratexia que ten dúas fases", precisou. Así, detallou que a primeira fase desta irá do 2025 e 2028 e inclúe 43,2 millóns de euros aprobados este luns para a adquisición de chan para redactar os proxectos de urbanización.
Tras iso, na segunda fase, conforme indicou, levará a cabo a licitación e execución das obras co obxectivo de chegar ás 20.000 vivendas protexidas e 5.000 libres. "Isto loxicamente vai demandar a colaboración doutras administracións, dos construtores privados e das cooperativas que se constitúan", dixo.
Todas estas vivendas serán construídas en entornos urbanos.Ningunha no rural. Así, serán de especial relevancia as sete grandes cidades, máis Vilagarcía, e as áreas metropolitanas de todas elas. "Case o 90% da demanda está nesas zonas", xusificou a conselleira de Vivenda, María Martínez Allegue.
3,3 MILLÓNS DE METROS CADRADOS DE CHAN
Na rolda de prensa, Allegue, indicou que a previsión é alcanzar 3,3 millóns de metros cadrados de chan e destacou que o chan urbanizado destinarase á construción de vivenda de promoción pública, que levará a cabo o Instituto Galego de Vivenda e Solo, e de promoción autonómica, que abordarán promotores e cooperativas.
Para as 20.000 vivendas protexidas recollidas na estratexia, estímase unha distribución territorial de 4.320 na área urbana da Coruña; 1.600 na de Lugo e de Ourense, respectivamente; 1.760 na de Pontevedra; 7.360 na área urbana de Vigo; 2.000 na de Santiago; 960 na de Ferrol e 400 en Vilagarcía de Arousa.
A conselleira explicou que, estas sete grandes cidades, xunto coa comarca do Salnés, foron os lugares, "onde máis demanda rexistrou o estudo urbanístico realizado". Deste total de vivendas, parte xa está en fase de desenvolvemento, de forma que 3.452 xa están planificadas nas áreas urbanas da Coruña (500); Lugo (370); Vigo (1.600) e Ferrol (982), mentres que as restantes 21.548 planificáronse no marco da posta en marcha da estratexia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.