Antía Yáñez e María Piñeiro, distinguidas cos premios 'Mulleres que opinan'

Os seus artigos son 'As leis de Newton' e 'Falar'.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 10/06/2024 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

Os artigos 'As leis de Newton' de Antía Yáñez e 'Falar' de María Piñeiro foron seleccionados polo xurado como merecedores dos premios 'Mulleres que opinan', convocados pola Deputación e o Concello de Pontevedra. Na escalinata principal do Pazo Provincial tivo lugar este luns o acto de entrega destes galardóns impulsados no marco do foro 'As mulleres que opinan son perigosas' e que buscan promover o exercicio da opinión xornalística e fomentar o nacemento dunha nova "canteira de mulleres opinadoras".

Os premios están dotados con 1.000 euros cada un, escritos en galego e castelán, e tratan de temáticas que foron abordadas naquel foro celebrado os días 15 e 16 de marzo. Este ano presentáronse 25 textos a estes premios, 16 deles escritos en galego. Son máis que na anterior edición e puxéronllo "moi difícil ao xurado" coa súa "mirada crítica e feminista", segundo explicou Diana López, impulsora xunto á tamén xornalista Susana Pedreira de 'As mulleres que opinan son perigosas'.

Neste acto, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, destacou que "a provincia é feminista" e que este encontro "moito máis que un foro é un fenómeno social" que "promove e incentiva unha sociedade crítica e activista" e tamén "pon o foco na igualdade, na inclusión, a conciliación e a educación". Pola súa banda, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, indicou que as dúas administracións seguirán apoiando este foro tendo presente que "queda moitísimo por facer" en prol dunha igualdade plena.

Premios 'Mulleres que opinan'
Premios 'Mulleres que opinan' | Fonte: 'Mulleres que opinan' - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta