A Xunta quere abrir Galicia ao gran mercado de Asia coa apertura do seu primeiro Centro de Estudos Galegos

Estará na India e nace dun acordo entre Política Lingüística e a Universidad Woxsen en Hyderabad. Será dirixido polo sociolingüista Anik Nandi.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/06/2024 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Galicia ten xa o seu primeiro Centro de Estudos Galegos en Asia. Estará en Hyderabad, no estado indio de Telangana e nace froito dun acordo entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Universidade Woxen. A súa fronte estará o profesor e sociolingüista Anik Nandi, moi coñecido en Galicia polos seus estudos sobre o uso e a aprendizaxe do noso idioma.

O sociolingüista indio Anik Nandi
O sociolingüista indio Anik Nandi

 

Este centro galego servirá como centro de colaboración para a docencia, a investigación e a promoción da lingua, da literatura e da cultura galegas, non só no ámbito académico da Universidade senón tamén na súa área de influencia a través dun programa de actuacións.

A achega económica da Xunta será de 4.000 euros. 

 

E nace sen apoio institucional da embaixada ou o Instituto Cervantes na India, nun estado que é o máis populoso do mundo e no que o interese polas culturas e linguas peninsulares creceu moito nos últimos anos. "O Centro de Estudos galego traballará principalmente cara a desenvolver a competencia lingüística e tamén cultural dos nosos estudantes e facultades que asistirán a distintos programas", destaca Nandi en declaracións ao GC. 

 

Anik Nandi é “Profesor Titular” en Woxsen University. Gran parte da súa traxectoria investigadora, xa sexa doctoral ou posdoctoral, centrouse na sociolingüística galega, idioma, que ademais, fala fluidamente. Na universidade de Woxsen traballou e continúa colaborando como investigador estranxeiro en diversos proxectos sociolingüísticos da Xunta, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega. De feito, en agosto e setembro ten previsto coordinar xa distintos simposios relacionados co galego e impulsados por este novo centro.

 

UNHA PORTA DE ENTRADA DE GALICIA NA INDIA

 

"No mundo globalizado de hoy, a supervivencia dunha lingua minorizada non dependen só da ensinanza ou aprendizaxe da mesma", destaca o sociolinguista indio que apunta que este novo centro tamén pode conectar o galego co mundo empresarial indio. "O centro funcionará como porta de entrada para que todas as empresas galegas, grandes ou pequeñas, traballen con nós e poidamos axudalas a conectarse co mercado indio", indica. 

 

Pola súa banda, desde a Xunta tamén salientan a importnacia de que o galego esté presente nesta economía emerxente. "A India é un país emerxente que ten a experiencia de moitas linguas que conviven no seu amplo territorio. As universidades indias e a relevancia que están chamadas a ter no mundo fan que instalar o galego nunha posición vantaxosa nunha delas teña un posicionamento en Asia relevante e significativo", afirma o secretario xeral de Política Lingüística en declaracións a Galicia Confidencial.

"Debemos destacar tamén o importante papel do profesor Anik Nandi, sociolingüista con ampla formación sobre a lingua galega así como Raúl Villamarín, vicepresidente da Universidade Woxsen", apunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta