Por Galicia Confidencial | Compostela | 14/06/2024 | Actualizada ás 11:01
Os xulgados galegos recibiron entre xaneiro e marzo 19 denuncias ao día por violencia de xénero. En concreto, presentáronse 1.724, fronte ás 1.747 do mesmo período de 2023, o que supón un descenso dun 1,3 %. A gran maioría (1.347) foron presentadas pola vítima, unha cifra que segue sendo moi superior á das denuncias interpostas por terceiras persoas: os familiares formalizaron 13; mentres que 79 recibíronse por partes de lesións recibidos directamente; 29, por servizos de asistencia e terceiros; e 256, por intervención directa da policía.
No período estudado tamén diminuíu lixeiramente o número de mulleres vítimas, pois se rexistraron 1.708, fronte ás 1.732 do primeiro trimestre de 2023, o que supuxo unha diminución do 1,4 %. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia se situou en 12,2, a terceira máis baixa do Estado -cuxa media foi de 17,5-, por detrás da Rioxa -10,6- e Castela e León -12-. En total, no primeiro trimestre do ano rexistráronse 13 menores tutelados vítimas de violencia de xénero, fronte aos 23 das mesmas datas de 2023.
Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron no primeiro trimestre do ano en procesos de violencia de xénero 584 sentenzas, das cales 488, é dicir, o 83,5 %, foron condenatorias. Entre xaneiro e marzo os xulgados de menores axuizaron a tres persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller.
Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia descenderon un 4,9 % os casos de vítimas que se acolleron a dispensa para non declarar. No primeiro trimestre optaron por esta opción 98 mulleres, fronte ás 103 que o fixeron o ano anterior.
Ademais, no primeiro trimestre solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 448 ordes e medidas de protección da vítima, un 9,5 % menos que no mesmo período de 2023, cando se demandaron 495. Delas foron acordadas 286 (o 63,8 %). Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 99 ordes de protección, das que se acordaron 69. En 239 dos 448 casos a relación de parella (cónxuxe ou relación afectiva) mantíñase no momento de solicitude da orde de protección ao xulgado de violencia sobre a muller ou ao xulgado de garda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.