A Xunta nega problemas no transporte escolar e di que son "puntuais"

A directora xeral de Mobilidade asegura que asegura que o bo funcionamento do transporte escolar é "a tónica aplastantemente maioritaria en Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2024 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia asegurou que a "tónica aplastantemente maioritaria" en toda Galicia é o funcionamento "normal" do sistema de transporte escolar. Así o defendeu a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, que compareceu este venres na Comisión de Educación e Cultura do Parlamento a petición do grupo socialista, que expuxo unha pregunta sobre as incidencias do transporte escolar en Galicia.

"Neste momento, o que atopo é que teñen construído un relato no que as incidencias e as queixas, que son sempre puntuais, convértense nunha causa xeral de problemática que afectan, segundo vostedes, a todo o transporte dos escolares. Non é necesario que multipliquen, extrapolen as incidencias artificialmente para darlles importancia", criticou Fontela.

A directora xeral insistiu en que os "desaxustes" detectados son "sempre atendidos", xa que "teñen valor por si mesmos". "Teñen valor porque entendemos a importancia do servizo, o malestar que supón para os nenos, para as familias e para a vida diaria dos escolares un atraso, un autobús, unha avaría ou un desaxuste nalgunha parada", apostilou.

Así as cousas, pediu "pór en perspectiva" a dimensión dos problemas e "abordalos con rigor", tendo en conta a escala do transporte escolar en Galicia que, lembrou, ten o transporte máis amplo de todo o Estado, "con capacidade para chegar a todos os núcleos de poboación".

PIDE TER EN CONTA A "MAGNITUDE" DO SISTEMA

Segundo os datos achegados por Fontela, son 3.800 rutas tendo en conta tamén o plan de transporte de Galicia, o integrado, que dá cobertura a máis de 36.500 paradas e presta máis de 7.000 servizos, a uns 700 centros e a uns 90.000 escolares. "Esta é a magnitude do sistema. Téñano en conta para valorar os desaxustes que se producen. Prodúcense incidencias no día a día que ninguén desexa, somos conscientes diso, pero non son nin moito menos xeneralizadas, senón puntuais. A tónica aplastantemente maioritaria en toda Galicia é o funcionamento normal do sistema de transporte escolar", asegurou.

Fontela apuntou ademais que os problemas xurdidos ao comezo do curso escolar "están resoltos a día de hoxe". "A maioría das incidencias que se rexistran son dun único día e non se repiten ao seguinte", afirmou.

Un autobús na estación de autobuses
Un autobús na estación de autobuses | Fonte: Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo

PROBLEMAS "ESTRUTURAIS E NON PUNTUAIS" PARA O PSDEG

O deputado socialista Xulio Abalde asegurou que os problemas rexistrados no curso que agora termina tiveron "unha importante repercusión na comunidade educativa", lembrando ademais que a Valedora do Pobo "alertou da falta de rapidez da Xunta para corrixir estas situacións".

Así, reclamoulle á administración autonómica que "tome nota" da situación deste ano, "con desaxuste de horarios, cambios de vehículos cos correspondentes atrasos, nenos tirados nas paradas, vehículos inadecuados, sen medidas de seguridade". Así, criticou que a Xunta limite os problemas a cuestións "puntuais" cando en realidade algúns destes casos son "estruturais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta