Dani Morán, o tiktoker-gaiteiro que impresionou á familia Seivane e segue os pasos de Carlos Núñez

Este mozo de 18 anos está logrando que a música da gaita se viralice entre os adolescentes grazas ás súas versións con este instrumento de cancións populares de Quevedo ou Kiko Rivera.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/06/2024 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

A música da gaita galega é unha fermosura que, lamentablemente, se está perdendo. Cada vez menos mozos se interesan por aprender a tocar este instrumento da nosa tradición. E Dani Morán, un rapaz de 18 anos natural de Ponferrada sábeo ben. Así que a súa paixón pola gaita, que lle vén de familia (o seu pai tamén era gaiteiro) levouno a abrir fai menos dun ano a súa canle de Tik Tok (@moranpipes), na que a través de versións de cancións actuais consegue achegar este instrumento a outros adolescentes coma el. En catro meses a súa conta despegou e, agora mesmo, conta xa con 13.800 seguidores. Hoxe, o Galicia Confidencial achégase á súa historia.

Dani Morán tocando a gaita
Dani Morán tocando a gaita | Fonte: Tik Tok @danipipes

Aínda que vive na fronteira Galicia-Castela, pois Ponferrada pertence a Castela, Dani síntese galego. "Teño familia con sangue galego e identifícome moito máis con ese outro lado da fronteira que con este", confesa. Para el a música é vida. Como nos conta, "eu traballo como voluntario nun grupo de persoas con Alzhéimer e emprego a música como terapia", polo que está seguro de que "a música é un sentimento, é vida". O seu primeiro achegamento á música é imposible de lembrar, pois "dende que nacín estou en contacto con ela". E aínda que tamén a gaita en si é algo que leva vendo na súa casa dende que era neno, pois o seu pai tamén era gaiteiro, "foi con 7 ou 8 anos cando conseguín soprar o suficientemente forte como para facela soar e dixen: isto é o que verdadeiramente me gusta, teño que seguir con isto", confesa Dani.

A partir dese momento foi que se percatou de que "a gaita se estaba deixando apartada, como se fose un instrumento anticuado", así que optou por demostrarlle á xente, e aos seus amigos, que isto non era así. "As redes sociais teñen moitas vantaxes e, unha delas, é que calquera pode facerse un oco ensinando o que fai, pero para iso tes que ser moi orixinal e moi rápido, porque en dous segundos a xente xa desliza (fai 'scroll') e desapareces das súas vidas para sempre", explica Dani, que conta que "para tratar de enganchar ao público que me interesaba, que eran os adolescentes coma min, sabía tiña que empezar a tocar temas desta época que fosen acorde cos seus gustos, para que puidesen entender mellor esta música". E conseguiuno: "Os mesmos que antes facían comentarios negativos sobre a gaita agora felicítanme polo vídeo versionando a Quevedo". A mensaxe que quería transmitir chegou.

O seu primeiro vídeo foi publicado fai cousa dun ano, pero "non chegou a moito". Con todo, nos meses de febreiro e marzo deste ano, "é cando decidín poñerme máis duro co tema das redes, tamén porque tiña máis tempo". Dende esa, en apenas catro meses, o despegue da súa conta foi brutal, como el mesmo recoñece: "Era inimaxinable crecer tan rápido, non sei ata onde chegarei". De feito, entre os comentarios de moitos dos seus vídeos xa están os de moitos mozos que lle piden que versione algunha canción en concreto, pero Dani asegura que isto non se pode facer con calquera tema: "Ás veces faime graza porque hai temas que me encantaría tocar pero que os intento pillar por algún lado coa gaita e son incapaz".

"LÉVAME UNHAS DÚAS OU TRES HORAS CADA VÍDEO: ATOPAR O TEMA QUE POIDA VERSIONAR, GRAVAR, EDITAR, ADECENTAR O AUDIO, FACER O VÍDEO E PUBLICAR"

E é que crear unha destas versións de cancións xa coñecidas non é tarefa sinxela, nin moito menos rápida. Dani asegura que iso é algo que a xente non ve, pero que "a verdade é que leva bastante traballo, porque teño que facelo todo eu, primeiro teño que atopar un tema que se adecúe ao que eu podo tocar coa gaita, porque non todo queda ben, gravalo, editar o audio para que quede adecentado, facer o vídeo e publicar". En total, asegura que lle pode levar "máis de dúas ou tres horas cada tema". Aínda que tamén confesa que "fun collendo práctica" a base de ir facendo máis e máis versións.

Ademais da gaita Dani tamén é autodidacta de moitos outros instrumentos: "Encántame a frauta irlandesa e todo o que ten que ver con Escocia, polo que tamén aprendín a tocar a gaita escocesa". Máis aló diso, no seu Tik Tok amosa instrumentos como o acordeón e a guitarra, ou a pandeireta, pero amósase humilde ao dicir que "como tocar ben, ben, só a gaita, cos outros non podería dar un concerto". O seu pai comezou a ensinarlle dende ben pequeno as pezas máis sinxelas que coñecía tocadas coa gaita e Dani entrou a formar parte da Banda de Música do Centro Galego de Ponferrada. Tal era a súa destreza que, "comecei polos niveis inferiores e rematei con 9 anos na banda adulta". Aprende rápido.

"CARLOS NÚÑEZ É O MEU MAIOR ÍDOLO, ENCÁNTANME AS SÚAS VIAXES DO MÁIS TRADICIONAL AO MÁIS MODERNO"

E entre os seus referentes sen dúbida está o galego Carlos Núñez. De feito, entre os vídeos de Dani tamén hai varios nos que fai un percorrido por diferentes músicas tradicionais de países dándolles un aire celta con instrumentos como a gaita e a frauta, ao máis puro estilo Carlos Núñez. Pois, como nos conta, "é o meu maior ídolo e encántanme esas viaxes que fai dende o máis tradicional ata o máis moderno, con temas de todos os países e moi tradicionais". Así, Dani inspírase moito nel á hora de pensar en vídeos, porque "ao final é o que levo vendo dende pequeno e agora tamén é o que me sae a min automaticamente facer".

"PARA MIN SEIVANE É COMO O FERRARI DAS GAITAS"

De feito, para deseñar a súa gaita, tal e como conta nun vídeo da súa canle e como explica ao GC, confiou no bo facer da familia Seivane, en Cambre, e desprazouse ata alí porque quería coñecelos e ensinarlles o que sabía facer. "Seivane é como o Ferrari das gaitas", di Dani, que explica que "a gaita sempre cha teñen que facer nun obradoiro, de xeito artesanal". No seu caso, "deseñei por Internet como a quería, totalmente ao meu gusto, editando as cores, escollendo o tipo de madeira, o anelado". Lembra que tardou como uns catro ou cinco meses en estar lista e lle deron a opción de enviarlla ou de ir ao obradoiro a recollela. E non o dubidou: "Fun ao obradoiro para ver á familia Seivane e eles mesmos me dixeron que tocaba moi ben, lembro que non se me quitou da cara o sorriso en todo o día". 

Ademais sorprendéronse de ver a un rapaz tan xoven tocando a gaita, porque Dani conta con 18 anos recén cumpridos, e ese encargo foi realizado no 2016, é dicir, fai oito anos. Mesmo nos conta unha anécdota sobre o asunto: "Eles pedían unha estatura para poder facela dun tamaño adecuado, e o meu pai púxolle 1,80 para que me quedase para cando medrase, e iso foi no 2016, cando eu medía 1,30 ou 1,40; cando cheguei ao obradoiro de Seivane non se crían que a gaita fose para min". Con todo, asegura que quedaron moi contentos: "O maior orgullo para eles foi ver que esta música ten relevo xeracional".

"VOU ESTUDAR MEDICINA EN SANTIAGO E ASÍ PODEREI SEGUIR TOCANDO A GAITA"

Se tivese que quedarse cun dos vídeos que fixo ata o de agora, sen dúbida sería o 'trend' de 'son X e claro que X', no seu caso 'son gaiteiro e claro que...', porque "foi o primeiro vídeo que viralizou de verdade", sobre todo "cando digo 'son gaiteiro e podo tocar sen soprar', a xente non o cría e deu a volta a España". E como idea para futuros vídeos, xa nos adianta que hai un que ten moi claro, porque "aos meus amigos gústalles moito que sala falando nos vídeos, dinme que teño certa graza, e por iso pensei en amosar un día completo sendo gaiteiro, o que fago, como edito os meus vídeos e todo o que hai detrás de cámaras e que non se adoita ver, respostando a preguntas un pouco máis persoais". E é que cunha comunidade xa bastante ampla, cre que é o momento de falar un pouco máis sobre el como persoa, como Dani Morán, o gaiteiro.

De cara ao futuro, aínda que lle encantaría poder adicarse a isto de xeito profesional, tamén asegura que "o meu plan é seguir subindo vídeos e tocar onde mo permitan, pero tamén ir á universidade, que comezo agora en setembro". "A xente ao mellor pensa que me vou adicar a isto só, pero a miña idea é ser médico, quero estudiar Medicina", confesa, e, ademais, farao en Santiago, unha cidade que "me permite levarme a gaita e poder seguir tocando". De feito, afirma que ten moitas ganas de chegar a Compostela para poder seguir enchendo a súa paixón, nun lugar ideal para a gaita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta