Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/06/2024 | Actualizada ás 13:52
A Xunta de Galicia concedeu a autorización ambiental do proxecto de Dayrilac para incrementar a actual produción da súa planta de elaboración de produtos lácteos no parque empresarial da Madanela, no concello de Melide. O Diario Oficial de Galicia publicou este mércores o anuncio no que informa da resolución pola que se formula a declaración de impacto ambiental (DIA) correspondente.
A Xunta conclúe que o proxecto é viable medioambientalmente sempre que se cumpran, ademais do recolleito no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada, os condicionantes sinalados na propia DIA. Tal e como figura na memoria técnica, o incremento de entradas de leite dos últimos anos fai prever que a empresa poida alcanzar un limiar de produción de 150 toneladas de produtos acabados e recibir máis de 200 toneladas de leite ao día. Por este motivo, en marzo de 2023, o promotor solicitou someter o proxecto ao procedemento de avaliación de impacto ambiental común e de autorización ambiental integrada.
A consecuencia deste incremento da produción na factoría láctea de Melide, prevese realizar melloras e obras na estación depuradora de augas residuais localizada na propia fábrica co obxectivo de cumprir cos parámetros de vertedura da ordenanza municipal vixente para o polígono da Madanela. O proxecto non requirirá nin da construción de novas instalacións nin da realización de obras de ampliación, xa que a actual fábrica dispón da capacidade necesaria para absorber os posibles aumentos de produción.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.