Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2024 | Actualizada ás 14:37
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveu a rexeitar este luns a negociación dun financiamento singular para as comunidades de forma separada e respondeu ao ministro de Economía, Carlos Cuerpo, que "se hai tanto diñeiro" se abone a Galicia o diñeiro que lle "debe" o Estado para o financiamento de servizos.
"Que deixe de facer tantas declaracións de cara á galería e, se hai tanto diñeiro, que nos dea ás comunidades o que nos debe", respondeu Rueda despois de que Carlos Cuerpo se asegurase que hai "suficiencia de recursos" para contentar a Cataluña e ao resto de comunidades en materia de financiamento.
Alfonso Rueda afeou ao Executivo central que, "con tal de non recoñecer o tratamento singular ao independentismo catalán" e "non rectificar", traslade que "non hai problema en facer un tratamento singular para todo o mundo". "Cada un é escravo das súas palabras e dono dos seus silencios, e veremos se iso que di é certo", dixo, en referencia ás palabras do ministro, que criticou por suxerir que "os recursos públicos son practicamente infinitos".
A proposta de Galicia nesta materia, lembrou Rueda, é a negociación "entre todos" do novo sistema de financiamento, no marco do Consello de Política Fiscal e Financeira, e a Xunta non amparará que o Goberno "discuta primeiro cuns e despois cos demais". "Vaiamos todos alí e digamos todos como estamos e o que necesitamos", apuntou Rueda, rexeitando "de saída" que "haxa comunidades infrafinanciadas por definición" ou "singularidades". "Se nos escoitan e son capaces de dar satisfacción a todo o mundo, benvido sexa", engadiu.
O financiamento, lembrou o presidente da Xunta, "ten que servir para poder pagar o custo dos servizos" e a proposta de Galicia pasa por ter en conta outros criterios ademais do número de poboación, como a dispersión poboacional ou o envellecemento, que incrementan "o custo efectivo dos servizos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.