Por Galicia Confidencial | Ourense | 21/11/2015 | Actualizada ás 10:25
Servir de punto de encontro para os profesionais vencellados a comunicación dende as súas distintas vertentes, presentar as iniciativas emprendedoras que se están a desenvolver na actualidade en Galicia e transmitirlles ás empresas da necesidade de contar con servizos de comunicación (propios ou externos) realizados por expertos. Estes son os obxectivos do 3º Foro da Comunicación de Galicia que se celebrará en Expourense o vindeiro mércores 25 de novembro e que ofrecerá un completo programa de conferencias e obradoiros orientados a analizar a situación actual que atravesan os profesionais da comunicación, marketing e publicidade e a poñer en valor as oportunidades laborais xeradas por un sector que afecta de xeito transversal a todo o tecido socioeconómico.
Esta terceira edición do Foro da Comunicación de Galicia contará coa participación dunha quincena relatores entre os que se inclúen profesores universitarios, xornalistas, empresarios, emprendedores e representantes da administración.
Un dos obxectivos desta edición é tamén orientar aos titulados e especialistas en xornalismo, publicidade ou marketing a apostar polo emprendemento e o autoemprego, mediante proxectos relacionados coa comunicación. Por todo elo, serán expostos novos proxectos vencellados a iniciativas emprendedoras neste sector e impartiranse obradoiros formativos e prácticos que correrán a cargo de profesionais como Xosé Luis Reza, presidente do Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia, e que versará sobre “Co-marketing”. Pola súa parte, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra, Alberto Dafonte, impartirá outro obradoiro sobre un tema de plena actualidade titulado “Why We Share. Claves para entender a viralidade”.
Programa de conferencias
A conferencia inaugural do 3º Foro da Comunicación de Galicia estará impartida polo presidente da Asociación Española de Investigación da Comunicación e impulsor da creación da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona, Miquel de Moragas Spà, toda unha referencia no eido da teoría da comunicación. O programa continuará cunha ponencia sobre “A comunicación científica como unha nova vía para o xornalismo” que estará impartida por Manuel Gago, profesor da Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela e director do portal do Consello da Cultura Galega.
A continuación terá lugar a presentación de novos proxectos vencellados coa comunicación de Galicia no que será presentado o recentemente creado Clúster da Comunicación Gráfica, o novo Campus CREA S2i do Campus de Pontevedra, ou a nova etapa da Asociación da Creatividade Galega. Tamén será presentadas iniciativas pioneiras como “Opennemas” , unha empresa ourensá de comunicación aberta en Internet na que traballan máis de 5.000 xornais de todo o Mundo.
O 3º Foro da Comunicación de Galicia volverá a insistir nun dos seus obxectivos fundamentais: concienciar ás empresas de contar con servizos de comunicación profesionais que leven a súa comunicación corporativa, as redes sociais e a relación cos medios, ben a través dun gabinete propio ou ben a través da contratación dunha consultora externa. Directivos de dúas das consultoras de comunicación máis importantes de Galicia, IDEO e Atrevia, participarán neste encontro.
A sesión de tarde estará centrada na comunicación para o desenvolvemento, a solidariedade e a cooperación organizándose para elo unha mesa redonda na que participará a subdirectora xeral de cooperación exterior da Xunta de Galicia, Pilar Romero, e o xornalista especializado en cooperación e fundador da ONG Reporteiros Galego Solidarios, Juan de Sola. Será nesta mesa na que será presentado tamén o proxecto de termalismo solidario “Smiley Water” promovido pola Deputación Provincial de Ourense coa colaboración de Cruz Vermella e Expourense. O asesor de comunicación da Deputación, Fernando Rodríguez Méndez, dará a coñecer máis detalles deste proxecto a beneficio da infancia de países en conflito, sobre todo de Oriente Medio e Europa. Esta presentación incluirá unha conexión con delegados internacionais de Termatalia que participaron neste proxecto e co autor da banda sonora do mesmo, o produtor musical e cantante Alejandro Abad.
A conferencia de clausura será impartida, como é habitual xa neste foro, por un xornalista galego destacado. Nesta ocasión o elixido será Bieito Rubido, actual director do diario ABC. A súa intervención analizará o “Panorama Político Español ante as Eleccións”.
O programa de conferencias completarase cun Área Expositiva na que distintas asociacións profesionais e empresas presentarán os seus produtos e servizos no eido da comunicación.
Entrega III Premios á Comunicación Innovadora de Galicia
No marco do 3º Foro da Comunicación de Galicia convocouse a III edición dos “Premios á Comunicación Innovadora de Galicia” que xurdiron co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que tiveran destacado por revalorizar o campo da comunicación, fomentando con elo o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega.
As categorías que concorren son as seguintes:
Rematado xa onte mesmo o prazo de recepción de candidaturas, puideron optar a estes premios os profesionais e as pequenas e medianas empresas que desenvolvan o seu traballo no territorio da Comunidade Autónoma galega e tiveran realizado un labor destacado no eido da comunicación (xa sexa de ámbito empresarial ou xornalístico). A distinción especial para Novos Talentos estivo aberta de maneira especial a estudantes das universidades e escolas profesionais relacionadas coa comunicación social ou corporativa.
Para organizar o programa deste Foro, Expourense contou coa colaboración activa das Facultades vencelladas coa Comunicación das tres universidades galegas (en especial da de Ciencias da Comunicación de Santiago e da de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra), o Clúster da Comunicación Gráfica de Galicia, MARKEA (Asociación Galega de Marketing), DIRCOM Galicia (Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia), Creatividade Galega e a APG (Asociación de Xornalistas de Galicia), entre outras entidades como a Deputación Provincial de Ourense, a Secretaría Xeral de medios da Xunta de Galicia, o Concello de Ourense, o Polígono Virtual de Galicia ou a Asociación de Xoves Empresarios de Galicia (AJE).
A asistencia ó 3º Foro da Comunicación de Galicia é gratuíta pero precisa de inscrición previa a través da web www.expourense.org, enviando un mail a rrpp@expourense.org ou chamando ó 988 36 60 30. Nesta web tamén poderá descargarse o bono desconto de RENFE do 35% para aqueles que acudan a Ourense en tren (AVANT incluído).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.