O Parlamento pide unha exposición solar "saudable" e apoia unha campaña de prevención contra o cancro de pel

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia volveu a mostrar, un ano máis, o seu apoio á campaña 'Euromelanoma', que busca "educar en prevención" contra o cancro de pel e pide a toda a sociedade galega "unha exposición solar o máis saudable posible".

Unha declaración institucional lida este mércores durante o pleno polo presidente da Cámara, Miguel Santalices, avoga por concienciar sobre os síntomas e os signos de alarma que "permitan un diagnóstico precoz" desta enfermidade, así como por "informar os tratamentos dispoñibles".

E é que o cancro cutáneo é o máis prevalente en Galicia e a súa incidencia vai en aumento, con máis de cincocentos melanomas diagnosticados ao ano. No entanto, o "máis frecuente" é o cancro que non é melanoma.

De feito, engade a declaración do Parlamento, as persoas que padeceron cancro de pel "teñen maior risco de volver padecelo", de aí a importancia "da vixilancia e o seguimento continuos". A campaña 'Euromelanoma', que este ano se dirixe especialmente a estes enfermos, está coordinada en España pola xefa do servizo de Dermatoloxía do Hospital Clínico de Santiago, Ángeles Flórez.

Esta profesional, tal e como recalca o texto da declaración, remarca a importancia de dar "soporte" aos pacientes desde unha perspectiva integral, para poder impactar na súa "califad de vida e benestar emocional", e "apoderando ao enfermo para tomar o control da súa saúde".

Mesa do Parlamento de Galicia presidida por Miguel Santalices.. PARLAMENTO DE GALICIA
Mesa do Parlamento de Galicia presidida por Miguel Santalices.. PARLAMENTO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta