Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 10/07/2024 | Actualizada ás 21:00
A historia escandinava gañou moitos adeptos dende que a exitosa serie 'Vikings' veu a luz. A serie, baseada nas lendas sobre o rei semilendario Ragnar Lodbrok recollidas nas Sagas Irlandesas, retrata como puido ser a vida daqueles guerreiros do norte de Europa que realizaron incursión en moitos pobos. Pero, para os galegos, non era necesaria ningunha serie para que nacese neles de xeito innato ese desexo de coñecer máis sobre os nórdicos, pois romarías como a de Catoira, declarada Festa de Interese Turístico Nacional, xa recrean a chegada de ordas viquingas a Galicia. Así, seguramente polas de máis de un de nós corra sangue e ADN viquingo. Hoxe, e con motivo da inauguración o vindeiro venres da exposición 'Unha vida viquinga' na Cidade da Cultura de Santiago, indagamos un pouco máis na importancia destes guerreiros escandinavos para Galicia, da man da comisaria da mostra, Irene García Losquiños, toda unha experta na materia.
Por unha banda, Irene confésanos que "ao non haber asentamentos tan grandes de viquingos en Galicia como os que houbo es Inglaterra ou Normandía, é certo que a cultura escandinava non tivo sobre a cultura galega unha influencia tan grande como a que tivo noutros lugares". Con todo, asegura que "si tivo certa influencia porque, á fin e ao cabo, estamos a falar dun período de convivencia temporal bastante longo, de máis de dous séculos, durante os cales o contacto viquingo con Galicia é moi frecuente, non falamos de que viñera unha ou dúas veces ao ano un grupiño pequeno de persoas que roubaba un pouco e despois marchaba, estamos falando de que viñan moitos grupos distintos, algúns máis pequenos e outros de milleiros de persoas que mesmo pasaban bastante tempo en territorio galego". E é que, como evidencia a comisaria da exposición, "unha campaña viquinga non é cousa dunha semana ou de tres días, senón que falamos de meses de presenza e, mesmo, como acontece nalgúns dos casos coñecidos en Galicia, de ata un ano, no que recorreron toda a costa e chegaron ata o interior".
Deste xeito, tanto polo tempo que aquí pasaron como polo contacto frecuente e o percorrido que fixeron pola nosa terra, os viquingos e a súa cultura si tiveron impacto en Galicia, "tanto nas necesidades que tiñan os nosos pobos de defenderse deles como, aínda que de xeito menos visible, nas relacións que xestou Galicia con outras culturas europeas como a escandinava, coa que ata a chegada dos viquingos non se tivera tanta relación". E aínda que hoxe semella que a presenza de viquingos en territorio galego só se reduce á súa chegada a Catoira aló polo ano 858, pola gran festa que hai ao redor do seu desembarco, en realidade a súa primeira incursión en Galicia, como nos conta Irene, foi no ano 844, cando un grupo de viquingos daneses procedente dunha expedición de saqueo se adentrou polo río Garona e, empurrados por unha tormenta, remataron chegando ata Galicia, saqueando algunhas aldeas costeiras ata que foron rexeitados na Torre de Hércules, na actual cidade da Coruña.
Cando se pensa en viquingos sempre se pensa neses bárbaros que chegan a saquear aldeas, roubar provisións e violar mulleres, pero como nos conta a historiadora, "aínda que destrozar si destrozarían bastante, todo hai que admitilo, unha campaña pode comezar con incursións e roubos en pequenos mosteiros pero, cando xa levaban aquí un par de meses, os exércitos viquingos dividíanse en tropas máis pequenas e cada unha facía o que lle parecía: algunhas seguían facendo incursións máis cara o interior para saquear, pero outras chegaron a forxar relacións con algúns condes locais que perduraron no tempo, mesmo visitándose de cando en cando, e mesmo algúns actuaron como colaboradores para os poderes locais galegos". Sobre esta última cuestión, Irene pon o exemplo dun grupo de colaboradores ou mercenarios viquingos que no século XI loitou man a man cun conde galego en Lugo. "Se somos francos seguramente a maior parte das incursións fosen violentas, pero tamén houbo outros casos que é importante mencionar", afirma.
"A CULTURA VIQUINGA TAMÉN ERA UNHA CULTURA DA IMPORTACIÓN DE COUSAS BONITAS"
A día de hoxe a imaxen do viquingo está moi deturpada, aínda que cada vez se está adaptando máis ao que os historiadores consideran, segundo as últimas investigacións, que tería sido a realidade. "A imaxe que temos dos viquingos foi evolucionando moito dende o século XIX, cando se comezou con toda a moda dos cornos, ata o de agora", considera a historiadora, que tamén cre que "series de televisión e películas foron redebuxando a imaxe do viquingo no imaxinario popular, de xeito algo máis certeiro en moitos casos, cun cambio claro tanto na estética como nos costumes". No tocante á exposición que se poderá desfrutar desde este venres ata comezos do vindeiro ano na Cidade da Cultura, Irene cre que "vai sorprender e contribuír a que haxa un maior cambio no imaxinario popular, porque ímonos alonxar desa interpretación visual do mundo viquingo con todo moi gris, moi triste e misterioso, e o público vaise atopar cun estoupido de cor e de contaxio intercultural e de influencias de todas as partes do mundo". "Vai haber unha ruptura entre o que un agarda atopar e o que se vai atopar", amósase convencida a comisaria da mostra.
Ao preguntarlle sobre iso que tanto se di de que os vikingos son máis difíciles de estudar arqueoloxicamente porque deixaron menos pistas do seu paso pola historia que outros pobos, Irene explica que "arqueoloxicamente cando imaxinas un grupo de xente que estivo por moitas partes diferentes do mundo, si é certo que non deixaron rexistros de grande tamaño, porque por exemplo non ían por aí facendo grandes construcións como palacios de pedra que hoxe por hoxe poidamos reconstruír". Con todo, asegura que "deixaron unha cultura moi idiosincrática, moi claramente influenciada por modas". Así as cousas, a historiadora cre que con esta exposición "a xente vaise sorprender, porque seguramente se vai atopar pezas máis pequenas no de que imaxinan, e moitas máis pezas moi altamente decoradas, e non grandes e brutas, senón de orfebrería fina, coa incorporación de moitos materiais importados como ámbar ou granates chegados de lonxe, porque a cultura viquinga tamén era unha cultura da importación e das cousas bonitas".
DENDE UNHAS PINZAS DE DEPILAR OU UN BASTONCIÑO DAS ORELLAS ATA A VARA DUNHA VÖLVA, UNHA PROFETISA PRACTICANTE DE MAXIA
Deste xeito, Irene recomenda a calquera visitante que se achegue pola exposición a que se fixe nas cousas cotiás, nas do día a día, porque "esas son as cousas nas que a xente nunca pensa cando imaxina como serían as culturas do pasado", pois "sempre se tende a pensar en grandes xoias e obxectos únicos", que tamén os hai, pero xunto a outra gran variedade de obxectos da vida diaria dun viquingo neno ou adulto. Como exemplos, cita unhas pinzas de depilar ou un bastonciño dos oídos, "cousas que lles dán aos viquingos unha visión máis humana e menos mitificada a como tería sido a súa vida". Aínda que, por suposto, tamén hai pezas que son espectaculares e novedosas, "que seguramente a xente nunca vira antes e que é moi emocionante poder ver", como unha vara de Völva, "que eran unhas profetisas ou videntes practicantes dun tipo de maxia moi concreto no mundo viquingo, mulleres de gran 'status' e importancia".
Reunir tantas pezas non foi doado, pero si "moi emocionante e satisfactorio", como confesa a historiadora, porque "cando traes pezas dun só museo créase unha colaboración moi bonita con ese museo, pero cando traes pezas de varios museos créanse moitas relacións moi bonitas e contas unha historia moito máis diversa, mostrando moitas caras distintas da historias, mostrando algo que normalmente non é doado, como son as variedades rexionais da cultura viquinga". No caso desta exposición, inclúe pezas do Museo de Historia Nacional de Suecia, do Museo de Sicduna e do Museo de Gotland, nas que se poden apreciar "modas que eran totalmente rexionais, como broches que só existiron en Gotland". "Loxisticamente, a nivel de xestión e de integración na narrativa, é moito máis complicado mesturar pezas de varios museos, pero creo que tamén é moito máis satisfactorio", asegura Irene.
ASIGNATURA PENDENTE EN GALICIA: A PRESENZA DE OBXECTOS ARQUEOLÓXICOS ESCANDINAVOS
Para esta historiadora, a súa paixón polos viquingos vén de moi lonxe: "Dende pequena xa me encantaba todo o antigo, todo o medieval e da antigüidade tardía, sempre foi a miña paixón, e cando me fun estudar a finais da carreira a Escocia comecei a interesarme tanto pola Idade de Ferro escocesa como polo período medieval nas Illas Británicas, e foi aí, dese período medieval nas Illas Británicas, cando establecín o contacto co mundo viquingo". Gustoulle tanto que se pode dicir que foi amor a primeira vista e "xa decidín quedarme alí e facer o doctorado en estudos escandinavos, porque me parecía un tema fascinante, con moitas preguntas aínda por resolver". Entre eses misterios que aínda quedan por resolver, para Irene o que lle gustaría poder ver antes de rematar a súa vida sería "a presenza de obxectos arqueolóxicos escandinavos en Galicia, unha asignatura pendente que para calquera que estude historia viquinga en Galicia é un desexo de cara ao futuro e un soño".
Tamén cómpre resaltar que Irene foi asesora histórica no documental 'Real Vikings', realizado pola mesma produtora que creou a exitosa serie homónima. Ao preguntarlle como foi a súa experiencia, lembra que "nun dos capítulos da serie documental viñeron a Galicia a gravar e poder asesoralos foi unha das cousas máis divertidas que fixen en Galicia". Apunta que "tamén tiven a sorte de colaborar xunto ao profesor da USC Manuel Gago indicándolles que lugares podían visitar e ver", e mesmo "copresentei ese episodio contando un pouquiño o paso dos viquingos pola nosa terra galega, algo que a ollos do público estranxeiro aínda é moi descoñecido", afirma.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.