Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/07/2024 | Actualizada ás 14:45
A CRTVG é "independente" e non está manipulada por parte do Goberno da Xunta. Alfonso Rueda insistiu este luns na "independencia" do ente público e volveu a vincular ao BNG coa Iniciativa Lexislativa Popular impulsada a pasada semana por varios traballadores da corporación.
O Comité de Intercentros da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), partidos políticos, sindicatos e asociacións, entre os que se atopan o BNG, PSdeG, CCOO e A Mesa pola Normalización Lingüística, impulsarán a partir de setembro unha recollida de firmas para levar ao Parlamento galego unha iniciativa lexislativa popular (ILP) coa que modificar a actual lei de medios públicos de comunicación audiovisual.
Representantes destes colectivos din que buscan acabar co "secuestro" ao que, ao seu xuízo, está sometida a CRTVG por parte da Xunta e o PP. A xornalista e portavoz da pluralidade de organizacións que impulsan a iniciativa, Tareixa Navaza, explicou que a súa reivindicación basea a súa razón de ser "no secuestro do Poder Executivo galego da radio e televisión autonómicas".
"Este é un tema recorrente que xa se sacou nas pasadas eleccións. Foi un dos leitmotiv da campaña por parte dalgún partido político e xa se viron os resultados", dixo Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta en alusión ao BNG. E, a pesar de que dixo que respecta a opinión dos promotores desta iniciativa, a súa opinión é "moi diferente". "Hai un respecto absoluto aos medios públicos galegos, non hai instruccións deste goberno e traballa con absoluta independencia", manifestou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.