Traballadores do servizo de bus urbano de Ferrol inician unha folga indefinida que afectará a todas as liñas

Piden que se lles aplique o convenio provincial de transporte de viaxeiros e non o que tiñan coa súa anterior empresa, xa caducado.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 15/07/2024 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

Traballadores do servizo de autobús urbano do Concello de Ferrol iniciaron este luns unha folga de carácter indefinido para solicitar á empresa concesionaria Maitours, S.L., que lle aplique o convenio provincial de transporte de viaxeiros. Fontes da CIG explicaron a Europa Press que traballadores de Maitours, empresa do grupo Alsa que presta o servizo de transporte urbano nestes concellos, súmanse á folga para "reclamar" que se lles aplique o convenio provincial e non o da súa anterior empresa, Tranvías de Ferrol.

A CIG, que cifrou no 90 % o seguimento, asegurou que a empresa aplica o convenio provincial a todo o seu persoal, excepto ao persoal que vén subrogado de Tranvías de Ferrol porque xa tiñan un convenio propio. "O principal obxectivo da folga é que aos traballadores desta empresa se lles aplique o convenio de transporte de viaxeiros da Coruña", apuntou o sindicato.

A central sindical sinalou que o persoal viña subrogada da empresa Tranvías de Ferrol cun convenio propio que caducou, polo que solicita que se aplique o convenio que "legalmente teñen que aplicar". Nesta liña, incidiu en que teñen gañada por sentenza xudicial a aplicación deste convenio e que este non se aproba porque, segundo sinala, Alsa bloquea a aprobación. O sindicato nacionalista incidiu en que hai "outra serie de cousas" que incumpre a empresa, como a compensación dos festivos traballados, os cambios de horarios continuados ou a reivindicación fundamental do convenio.

PRIMEIRA XORNADA DA FOLGA

O sindicato asegurou nun comunicado que o seguimento da primeira xornada da folga é dun 90 % do persoal. Unha protesta coa que, segundo explicaron, queren afectar a todas as liñas de Ferrol, Narón e Neda, de forma que non presten servizo desde as 10.30 horas ata as 18.30 horas. Nunha rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno local, o alcalde, José Manuel Rey Varela, fixo un chamamento ás partes para que "poidan alcanzar unha solución".

Ademais, subliñou que "non debe haber unha interferencia" por parte do Consistiorio "máis aló dese chamamento ao acordo entre sindicatos e empresa". Con todo, o responsable de transportes da CIG, Xesús Pastoriza, sostivo que "lamenta a falta de intermediación no conflito" tanto pola Xunta como polos concellos afectados.

Bus Coruña-Ferrol
Bus Coruña-Ferrol | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta