Que as ameixas cheguen ao teu prato é un milagre: axéxanas depredadores en bañador, ouxas e ata xabaríns

Dende o Galicia Confidencial e da man da asociación Amar Carril explicámosvos o difícil que é que unha ameixa chegue viva á súa madurez con todos os perigos que a axexan dentro e fóra do mar.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 28/07/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As ameixas de Carril están tan boas que é un pecado non telas degustado nunca. Pero para poder chegar ás nosas mesas pasan un longo percorrido previo, dende que se sementan ata que se cultivan, se subastan, se depuran e se comercializan. Despois de coñecer como se levan a cabo todas esas etapas na entrega anterior desta reportaxe, hoxe dende o Galicia Confidencial explicamos o difícil que é que unha ameixa chegue viva á súa madurez con todos os perigos que a axexan: ouxas, estrelas de mar, caracolas e ata xabaríns. Aínda que a asociación Amar Carril chancea con que, sen dúbida, os maiores depredadores son "os de dúas patas que chegan á praia en bañador, cos que temos que lidiar todos os veráns". Pois aínda que está prohibido por lei, moita xente segue saíndo dos areais cos petos cheos de berberechos e ameixas e, se teñen sorte e non os cachan, pois xa levan a cea lista, de gratis e a conta do traballo dos mariscadores.

Xabarín
Xabarín | Fonte: Arquivo

O CAMBIO CLIMÁTICO AUMENTA AS INVASIÓNS DE ALGAS E AS RIADAS: "ANTES TIÑAMOS UNHA RIADA CADA 5 OU 6 ANOS, NESTE XA LEVAMOS TRES SEGUIDAS"

Así que, as ameixas están moi boas si, pero non todo é tan bonito como semella. Para comezar, non é chegar ás fincas de cultivo que hai en Carril e comezar a sacar delas ameixas, senón que, para que chegue a haber ameixas hai todo un proceso de preparación e mantemento detrás que en poucas ocasións se valora. O máis importante é limpar as algas antes de mariscar. "As ameixas teñen dous sifóns que usan tanto para respirar como para alimentarse e mesmo para reproducirse", explican dende Amar Carril. E é que "as ameixas son hermafroditas: se hai un exceso de esperma na auga, soltan óvulos, e, se hai un exceso de óvulos, soltan esperma""Se teñen unha capa de algas por enriba serían incapaces de facelo", argumentan, explicando que "están sempre soterradas, só sacan para fóra os seus sifóns e, se se atopan cun manto de algas, morrerían por asfixia". Por desgraza, as invasións de algas como consecuencia do cambio climático son cada vez máis frecuentes: "Fai tres anos tivemos unha invasión de algas como poucas, chegamos a quitar un sábado 18 toneladas", lembran.

Ademais, as ameixas tamén están cada vez máis expostas ás riadas, que veñen a ser excesos de auga doce. "A ameixa de Carril ten tanta fama non só polo seu sabor, senón porque se alimenta de dúas augas, do microplacton da auga doce que lle chega do río Ulla e do da auga salgada, ten esta pecurialidade", recordan as mariscadoras. Algo que resulta moi beneficioso, tamén ten a súa contraparte, xa que "como en Galicia chove moito, as riadas poden facer que a auga se volva doce demais". En concreto, aseguran que este ano tiveron xa tres riadas. "A ameixa non diferenza entre alimentarse de auga doce ou de auga salgada, e se se alimenta só de auga doce as ameixas tragan, tragan e tragan ata que rematan reventando", explican. Este ano aseguran que a auga en Carril chegou a estar a 0,0 de salinidade, é dicir, que estaba totalmente doce, podíase beber perfectamente. As mariscadoras lamentan que "antes tiñamos unha riada cada 5 ou 6 anos, e este ano tivemos xa tres seguidas, así que a ameixa que non morreu na primeira, morreu na segunda e senón na terceira".

OS CARAMUXOS SON EXPERTOS EN FACER BURATOS PERFECTOS PARA QUE AS DA TOXA NON PASEN TRABALLO AO ELABORAR OS COLARES

Ameixa de Carril
Ameixa de Carril | Fonte: Arquivo

Máis aló destes efectos 'naturais' agravados como consecuencia do cambio climático, as ameixas teñen que enfrontarse a moitos depredadores mariños. Por unha banda, están as chamadas caramechas ou caramuxos (caracois de mar), unhas "caracoliñas moi pequeniñas que teñen uns microdentes cos que fan nas cunchas das ameixas uns buratos perfectos para poder comelas". "Nós chamámoslles as xoieiras, porque fan buratos tan perfecto que ás da Toxa afórranlle o traballo para facer con elas os colares e as pulseiras", chancean as mariscadoras. Entre os depredadores mariños tamén están as estrelas de mar, que "teñen uns peliños cos que dán un grande abrazo tanto aos mexillóns como ás ameixas, agardando a que abran un pouco as cunchas e, como teñen unha boca no estómago, quítana cara fóra e comen o que hai dentro, a carne da ameixa". "As estrelas de mar son moi exquisitas, a cuncha non a queren, só a carne, e unha vez comeron, volver meter a boca no estómago", explican.

UNHA FAMILIA DE XABARÍNS FOZANDO TODA A NOITE NO PARQUE DE CULTIVO PODE ARRASAR CON TODO O SEMENTADO

Ademais, e aínda que semelle ser mentira, tamén están os xabaríns, uns grandes depredadores das ameixas de Carril. "Todos lembramos ese ano tan terrible que foi o 2015, cando grandes lumes asolaron os montes galegos", lembran dende Amar Carril, explicando que "dende esa os animais tiveron que buscarse a vida e outra forma de alimentarse máis aló do monte". Así as cousas, aseguran que "os primeiros xabaríns que baixaron aos parques de cultivo a catar as ameixas volveron ao monte a contarlle aos demais a 'delicatessen' que atoparan, e cada vez baixaban máis". E aínda que agora lles dá a risa, advirten que se trata dun "gran problema", porque "unha familia de xabaríns pode arrasarche todo o parque de cultivo, xa que eles comen todo, non diferencian a ameixa da cuncha". E hai moitas mariscadores que para mercar a semente teñen que pedir créditos no banco, para que logo, "unha noite unha familia de xabaríns as deixe absolutamente sen nada", pois "non hai ningún tipo de seguro que cubra iso". Tamén afirman que despois de comer a ameixa das fincas vanse ata a illa de Cortegada a tomarse as bellotas e as castañas como postre.

AS OUXAS SON OS ANIMAIS MÁIS PERIGOSOS PARA AS MARISCADORAS, OS BURATOS QUE FAN NA AREA PODEN CAUSAR ACCIDENTES E O SEU VELENO MATA

Pero, sen lugar a dúbidas, a nivel físico, o animal máis perigoso para a integridade das mariscadoras é a ouxa ou aguia mariña, un peixe da familia dos raíidos que "pode chegar a pesar ata 40 quilos". "É moi perigoso para nós polos buratos que deixa na terra", explican dende Amar Carril, e é que "elas poden pasar a noite nos parques de cultivo comendo marisco e facendo buratos coas aletas para sacar as ameixas". Teñen mandíbulas, pero non dentes, polo que, ao igual que os xabaríns, comen todo, tanto a carne da ameixa como a cuncha. E por que resultan tan perigosas? Porque "nós cando vamos traballar coa primeira marea son as seis da mañá, é de noite, sobre todo en inverno, e vamos coa linterna como os mineiros, porque hai veces que temos que andar ata 40 minutos para chegar á zona de traballo".

Neste contexto, "imaxina que mentres vas andando te atopas un burato feito por unha ouxa e te enterras, éntrache auga no baldeador e podes afundirte e afogar, por iso é moi importante non ir nunca soas, sempre en grupo", advirten. E por se este fose pouco problema, ademais as ouxas teñen un aguillón na cola con veleno e forma de frecha que, "se se che crava, non o podes arrincar porque desgarrarías a carne". O seu veleno é suficiente para matar a un home se entre en contacto directo co torrente sanguíneo. Cóntannos que un compañeiro seu de marisqueo a flote "estaba na lancha e veulle unha ouxa cando estaba botando a gancha e cravoulle o aguillon". "Por sorte era moi pequeniña e iso, literalmente, salvoulle a vida, tendo que cortarlle a cola e saír correndo para o hospital co aguillón cravado na man", advirten.

Invasión de algas en Carril
Invasión de algas en Carril | Fonte: Parquitas de Carril
Ouxa sacada en Carril
Ouxa sacada en Carril | Fonte: Parquistas de Carril
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta