Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/11/2015 | Actualizada ás 15:12
Hai ou non hai manipulación dos medios públicos galegos?. Esa é a pregunta que se fan espectadores e partidos políticos desde que se fundaron, como tal, a Radio Galega e a Televisión de Galicia. E as respostas sempre son semellantes. Este xoves, a Cámara galega foi o escenario dun novo debate arredor da manipulación. O director xeral do ente público , Alfonso Sánchez Izquierdo, rexeitou que exista, mentres que a oposición acusouno de utilizar os medios públicos en beneficio do PP.
Foi na Comisión Permanente non Lexislativa de Control da Compañía da RTVG, na que tanto PSdeG, AGE e BNG coincidiron en sinalar a "manipulación" na que incorre a televisión pública no tratamento de asuntos especialmente sensibles para o PP, como a situación ou as manifestación dos traballadores do Hospital de Vigo ou da cobertura que se está levando a cabo da denuncia que pesa sobre Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense.
Sánchez Izquierdo volveu responsabilizar da cobertura informativa destes eventos ao “criterio” dos xornalistas e recoñeceu que no caso da manifestación de Vigo foi "un erro intenso" por parte da televisión, porque "non esperaban que fose ter a dimensión que tivo". Con todo, defendeu a liña de traballo dos servizos informativos, coa que di estar "razoablemente satisfeito", aínda que "ás veces equivócanse".
Pola contra, o director xeral da CRTVG destacou o tratamento dado a denuncia contra Baltar e defendeu, igualmente, a decisión da televisión, non así da radio por diferenza de criterios, de non emitir os audios da conversación entre Baltar e a suposta vítima, por non ser "un material que proveña dun xulgado".
A socialista Carmen Acuña, criticou que a televisión pública decidiu "mirar para outro lado" cando tivo lugar a "multitudinaria manifestación en Vigo, un feito histórico pola masiva resposta da cidadanía" á que a TVG lle dedicou "cincuenta segundos", dixo. “Non reflectir a súa magnitude, e a decisión de non entrevistar a figuras de relevancia como o alcalde de Vigo, pero si de emitir o argumentario do PP, débese a unha manipulación", suliñou.
Así mesmo, aludiu a deputada socialista á non emisión, por parte da TVG, das imaxes sobre a ex conselleira de Sanidade Rocío Mosquera fuxindo das airadas protestas dun grupo de traballadores sanitarios durante unha visita ao hospital de Vigo.
Juan Manuel Fajardo, deputado de AGE criticou a cobertura informativa da cadea pública en torno a denuncia a Baltar. “Estase omitindo información e estase dando un tratamento secundario a un dos temas máis graves que pasaron recentemente", lamentou.
Tamén a deputada do BNG Montse Prado, se referiu a esta cuestión e acusou á televisión pública por tentar vincular ao BNG con actos violentos, por mor dunha asociación "intencionada" de imaxes, durante un debate na TVG, entre un furgón policial e un representante do BNG. “Eu desmárcome de debates políticos e de intencións malévolas", dixo ao atribuír o feito tratado a unha "habitual praxe en programas de debate".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.