Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/07/2024 | Actualizada ás 20:15
O Camiño de Santiago conta con 1.600 puntos en Galicia para previr calquera tipo de violencia machista cara ás peregrinas. Máis de 15.000 cartóns en tres idiomas, 800 carteis informativos e a aplicación 'AlertCorps', que permite comunicar alertas en tempo real e enviar a xeolocalización ante calquera emerxencia, son algúns dos recursos a disposición das viaxeiras.
Así o explicou este mércores a subdelegada do Goberno, María Rivas, na presentación en Ribadiso, en Arzúa, da campaña '#NoCaminasSola', cuxo obxectivo é "reforzar a protección das mulleres que fan o Camiño de Santiago".
Así mesmo, a subdelegada resaltou que son precisamente as mulleres as que "máis optan polas rutas xacobeas", os datos indican que representan un 52% dos viaxeiros. De feito, en 2023 chegaron a Santiago máis de 230.000 peregrinas, "moitas delas soas". Segundo explicou, o obxectivo da campaña é "converter o Camiño de Santiago nunha senda pola que as mulleres poidan transitar, seguras e acompañadas".
A iniciativa conta con diferentes puntos; albergues, oficinas de turismo, oficinas de Policía e Garda Civil, centros de saúde, farmacias e hospitais públicos. Durante a presentación en Arzúa, María Rivas subliñou que a provincia da Coruña xa conta con 763 puntos aos que poden acudir as peregrinas. Nesta liña, lembrou que a campaña se enmarca no propósito do Goberno para facer da sociedade un "lugar mellor, máis xusto e máis libre para todas as mulleres".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.