Santiago terá un programa experimental de mediación en conflitos penais

Expertos da Universidade de Santiago porán en marcha este programa, co que se busca que un mediador imparcial facilite o diálogo entre imputados e vítimas.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 27/11/2015 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio Fiscal e a Vicepresidencia e Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta colaborarán nun programa experimental de mediación no ámbito penal nos xulgados de instrución e do penal de Santiago que porá en marcha o Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da USC (CIARCUS)

A mediación penal consiste na participación voluntaria do imputado por un delito ou falta e máis da vítima ou persoa prexudicada nun proceso de diálogo e comunicación conducido por un mediador imparcial, co obxecto de conseguir a reparación adecuada ao dano causado e a solución do conflito. No ámbito do proceso penal, e ante situacións de grave quebrantamento das normas de convivencia, a mediación presenta singularidades que complementan eficazmente o propio sistema de xustiza penal, proporcionando instrumentos de control e reacción ante o fenómeno criminal, informa a USC.

O proxecto que liderará a universidade compostelá intervirá en conflitos xudiciais a través da mediación penal e da xustiza restaurativa como instrumentos de resolución pacífica. A adopción de medidas realizarase de xeito que se posibilite que a vítima se sinta protagonista tanto do propio procedemento penal como do xeito de o resolver ao tempo que se dea unha resposta reparadora e integradora á situación que se creou como consecuencia do feito delitouso. 

De esquerda a dereita, Juan Viaño, Alfonso Rueda, Raquel Castillejo, Miguel Cadenas, Lourdes Noya e Fernando Suances
De esquerda a dereita, Juan Viaño, Alfonso Rueda, Raquel Castillejo, Miguel Cadenas, Lourdes Noya e Fernando Suances | Fonte: SERVIMAV-USC.

Colaboración institucional

Para o desenvolvemento deste programa, o reitor da USC, Juan Viaño; o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Alfonso Rueda; o fiscal superior de Galicia, Fernando Suances, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel A. Cadenas en representación do Consello Xeral do Poder Xudicial, asinaron un convenio este venres en San Xerome. Asistiron tamén ao acto a profesora Raquel Castillejo, directora do CIARCUS; o director xeral de Xustiza, Juan J. Martín; o xuíz decano de Santiago, José Alvariño; e o secretario xudicial Francisco Castiñeiras. Todos eles coincidiron en destacar que este convenio abre novas expectativas da mediación no ámbito penal habida conta que xa existe en Galicia nos ámbitos civil e familiar.

En virtude do acordo, ademais do papel técnico da USC nesta experiencia e co financiamento da Xunta de Galicia, ao CXPX corresponderalle impulsar a mediación intraxudicial entre os xuíces e maxistrados e analizar o resultado para incluír os datos que sobre este sistema publica anualmente o Consello en toda España. Pola súa banda, a Fiscalía adoptará as medidas organizativas internas necesarias e tamén recompilará os datos estatísticos correspondentes ás experiencias de mediación.  

CIARCUS

Hai algo máis de dous anos a Universidade de Santiago creou o Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos coa idea de constituír un centro propio mixto para atender e promover estudos e debates sobre cuestións de actualidade xurídica e relacionadas coa resolución de controversias, desde unha perspectiva integral e multidisciplinar. O CIARCUS naceu coa vocación de traballar na pacificación e resolución tanto daqueles conflitos que se produzan no marco da propia comunidade universitaria como aqueles que afecten á cidadanía en xeral. O centro dispón da categorización de Institución de Mediación no rexistro do Ministerio de Xustiza do Goberno español.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta