Elvira Íñiguez, técnica en Saúde Pública, sobre as carrachas: "O principal é que non piquen, revisarse e coñecelas ben"

Un repaso pola situación de Galicia, as zonas de risco, as diferentes enfermidades que transmiten e medidas de prevención.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 29/07/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Canto sabe un sobre as carrachas? Que hai que facer en caso de picadura? Que enfermidades transmiten? Coa chegada do verán e os plans ligados á natureza fálase moito das carrachas e do risco que supoñen. "Desde o 2018 lévase facendo unha vixilancia deste arácnido e realmente ultimamente hai moita alerta, pero carrachas sempre existiron", afirma Elvira Íñiguez, técnica na Dirección Xeral de Saúde Pública. En Galicia desde o 2017, faise vixilancia activa de vectores de interese en saúde publica, como son os mosquitos e,  precisamente coas carrachas, comezouse a través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores no ano 2018. Comenta a experta que está composta por catro organismos, liderada pola Dirección Xeral de Saúde Pública, que coordina, e como colaboradores, a propia Dirección, a Consellería de Medio Rural, a Universidade de Santiago de Compostela (na vixilancia de carrachas soamente) e a Universide de Vigo (vixilancia de mosquitos e carrachas). 

Carracha
Carracha | Fonte: EP - Arquivo

Como a Rede cada vez vas tendo máis organismos colaboradores e, se vai nutrindo, tamén vai obtendo máis información do mapa real de Galicia e da situación das carrachas no mesmo. Así, expón Elvira que existen catro xéneros: "O xénero Ixodes, o xénero Riphicephalus, o xénero Dermacentor e o xénero Hyalomma". Sendo destes o máis preocupante, o Hyalomma, porque está confirmado como carracha transmisora do "virus da febre hemorráxica Crimea-Congo". Sinala que desta carracha a tendencia é que ano tras anos se vaian "identificando máis exemplares".

O MAPA DE GALICIA SEGUNDO O XÉNERO DE CARACHA

A técnica fai fincapé en que a situación pasa porque, en función do hábitat ideal segundo o xénero de carracha, vaise atopar nunhas zonas do mapa de Galicia ou noutras. O escenario actual sería o seguinte: "Ixodes está amplamente distribuida por Galicia; o xénero Riphicephalus, tamén; de Dermacentor non hai tantos exemplares-, e Hyalomma está distribuído pola zona sureste de Galicia, en Ourense, e colindando con Portugal e con Castela e León.

Con exemplares identificados observaron que a zona vaise ampliando. A que se debe este factor? Ten influencia o cambio climático? "Presupoñemos que si, que evidentemente o aumento no número de carrachas pode ser atribuíble ao cambio climático, así como a accións antropoxénicas, a cambios socioeconómicos, a novas rutas migratorias de aves, que son reservorios importantes de carrachas. Todo isto fai que haxa un cambio nos hábitats de carrachas e outros seres vivos".

Sinala que España, xa non só Galicia, ten unha situación xeográfica extratéxica entre África e Europa e o Mediterráneo, que fai que haxa unha "biodiversidade única e enorme de seres vivos e especies, incluídas as carrachas, nun espazo moi pequeno como é a Península, na que coexisten moitas especies de carrachas". Por isto é unha situación privilexiada para o hábitat das carrachas: "Hai máis especies que noutras zonas, en centro Europa hai carrachas, pero igual non hai tanta biodiversidade, que fai que haxa unha maior variedade de enfermidades que poidan transmitir esas carrachas".

"A CARRACHA PODE ESTAR INFECTADA E NON IMPLICA QUE VAIA TRANSMITIR ENFERMIDADE"

Elvira Íñiguez considera importante dicir que para que haxa unha transmisión dalgunha enfermidade se teñen que dar varios factores, principalmente, a carracha ten que estar infectada: "Ten que haber o vector (carracha), o microorganismo que produce enfermidade (virus, bacteria) e un hospedador (home ou animal) e precisa picar e obter sangue". Ademáis disto tamén teñen que darse condicións ambientais adecuadas. Desta forma, apunta: "A carracha, primeiro, ten que estar infectada e iso tampouco implica que vaia transmitir a enfermidade, téñense que dar máis situacións".

Que enfermidades transminten as carrachas? "Dependendo do tipo que sexa, transmitirá un microorganismo, que produce unha enfermidade. As máis características son a enfermidade de Lyme, producida por unha bacteria Borrelia, que a transmite o xénero Ixodes, amplamente distribuído por Galicia; hai outra bacteria que transmiten Dermacentor e Riphicefallus e dá lugar á febre botonosa; e a enfermidade que sae todos días nos periódicos, o virus da febre hemorráxica Crimea-Congo, que o transmite o xénero Hyalomma.

Polo de agora, confirma que da febre hemorráxica Crimea-Congo non houbo ningún caso en Galicia, xa que é de declaración obrigatoria urxente. Da febre botonosa hai algún caso esporádico e da enfermidade de Lyme manifesta que é "prevalente e se dá nunha zona determinada" segundo os estudos realizados, que sería a "zona do norte de Lugo, na comarca de A Fonsagrada". 

QUE HAI QUE TER EN CONTA E CUESTIÓNS DE PREVENCIÓN

Doe a picadura de carracha, como se identifica? "Normalmente non son dolorosas e poden pasar desapercibidas, polo que é moi importante examinar o corpo ao chegar á casa para ver si picou ou non". Tamén hai que ter en conta o ciclo de vida da carracha, que pasa por catro estadíos: ovo, larva, ninfa e adulto. Isto influirá no tamaño e, polo tanto, en canto se verá na pel. "Téndese a pensar que se identifica fácil", afirma. 

Como medidas de protección destaca que a "mellor medida é que a carracha non pique". Para iso recomenda cando se sae ao campo empregar manga e pantalón longo, cuxo remate sexa pechado co calcetín; evitar calzado aberto; levar roupa clara que permita identificar mellor se subiu; camiñar polos carreiros centrais e evitar zonas de vexetación; empregar repelentes autorizados con revisión da ficha de producto; e desparasitar os animáis de compañía. 

Se non se puido evitar que picase, hai que ver se está infectada, o que podería transmitir un microorganismo que para "enocular precisa un período". Así o explica a experta: "Require que o parásito se adhira á pel, que inxere sangue, é aí cando transmite o patóxeno". Isto quere dicir que precisa unhas horas para adherirse á pel e que se ao chegar a casa un se revisa ou o fai outra persoa, o ideal, ao detectala pode extraerse. "Non terías ningún problema, entre 24 e 48 horas, sería o período necesario para se adhira e comece a chupar sangue, o ideal é quitala canto antes, se pode ser por un profesional sanitario", sostén. Ao ser a picadura apenas dolorosa é probable que dificulte o detectala e expón que teñen zonas de preferencia "lugares húmidos e quentes, como as axilas, o emigo, as orellas, cintura, ingles...". Como clave, en todo caso, revisar tamén as mascotas e lavar con auga quente a roupa que se levase posta no momento no que picara. 

"NON HAI QUE DEIXAR DE FACER AS COUSAS, SÓ TER COIDADO"

Desminte un falso mito que expoñía como positivo "afogar a carracha con aceite ou con calor". Indica que botarlle aceite para sacala o único que fai é que "se acelere o proceso polo que poida pasar o patóxeno" polo que "non é nada recomendable". Se un non pode acudir a un profesional da saúde, o idóneo é empregar unha pinza de punta fina e suxeitar o máis preto posible da pel para tirar dela cara arriba e limpar con auga e xabón. "Se nos días seguintes aparece febre, erupción na pel ou sintomatoloxía, débese ir a que se revise", destaca. 

Con todo o exposto, a experta incide na importancia de convivir con isto, xa que "no mundo hai perigos" e non porque os haxa, un debe deixar de facer as cousas. O que pretende é conseguir capacitar ás persoas nesas cousas. "Carrachas sempre houbo, sobre todo na primavera-verán-outono, épocas de especial coidado, xa que o risco cero non existe. No caso de que picara, tranquilidade, pode non ser nada", comenta e engade que existen as denominadas "zonas de risco" porque non é o mesmo que che pique unha carracha na Fonsagrada ou en Ourense, onde se sitúan as transmisoras da febre Crimea-Congo. "Neste sentido falamos conforme ao que imos atopando nos estudos", conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta