Microsoft paraliza o mundo: o Sergas, Aena e Renfe xa están recuperando a normalidade despois do fallo informático

As consecuencias dun apagamento informático global provocado pola actualización do programa de ciberseguridade CrowdStrike, provedor de Microsoft, deixáronse sentir tamén en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/07/2024 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

As consecuencias dun apagamento informático global provocado pola actualización do programa de ciberseguridade CrowdStrike, provedor de Microsoft, deixáronse sentir tamén en Galicia, aínda que a normalidade nos centros sanitarios galegos da rede pública xa se recuperou a mañá deste venres, pero continúa provocando atrasos en voos nos aeroportos.

Fontes sanitarias explicaron a Europa Press que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) sufriu as consecuencias do fallo informático global, aínda que a afectación foi "puntual" en hospitais e centros de saúde e a operatividade xa se recuperou. Ademais, algúns servizos que se viron afectados, como o 061, xa operan con normalidade. 

Computador, imaxe de recurso
Computador, imaxe de recurso | Fonte: XUNTA DE ANDALUCÍA

Neste sentido, a Xunta explicou nunha nota que os servizos críticos (atención a emerxencias 061 e 112 e extinción de incendios) están "garantidos desde primeira hora" deste venres, mentres que se avanza na recuperación do resto de servizos. "Espérase que a práctica totalidade dos servizos estean dispoñibles nas próximas horas", afirma o Goberno galego. "A Xunta tomou, desde o primeiro momento, as medidas necesarias para garantir a dispoñibilidade dos servizos esenciais e recuperar os servizos afectados", agrega.

O fallo informático tamén afectou aos sistemas e servizos de grandes compañías en todo o mundo, entre elas AENA. A empresa asegurou que esta caída afecta a algúns voos dos aeroportos galegos con "pequenos atrasos", pero "sen cancelacións", sinalaron fontes en Galicia do operador de servizos aeroportuarios.

Así mesmo, estas fontes indicaron que algúns servizos como o de información de viaxeiros funciona correctamente, pero que outros como o de facturación non están completamente repostos. Pola súa banda, Renfe asegurou que este fallo non afectou aos seus servizos nin a nivel interno de funcionamento da compañía.

EMPRESAS PRIVADAS

O problema de actualización da empresa de seguridade cibernética tamén provocou a caída en empresas do sector enerxético ou do bancario. Iberdrola indicou que o apagamento afectou a algúns dos seus empregados de "maneira leve", pero non afectou nin a negocios nin a clientes e que monitorou o problema desde a mañá deste venres. Tras horas de problemas polo fallo informático, sobre as 14.00 horas, Abanca asegurou a Europa Press que xa conseguiu recuperar os seus servizos.

Pola súa banda, a operadora R explicou que non ten constancia de que o fallo informático afectase directamente á compañía. Ademais, fontes da operadora sostiveron que non se viron afectadas nin as telecomunicacións fixas nin móbiles polo apagamento de Microsoft, polo que "se debe a outras razóns" que clientes seus sufrisen incidencias durante a mañá deste venres. Con todo, empresas privadas de diversos sectores, incluída a propia axencia Europa Press, tamén rexistraron incidencias este venres derivadas deste fallo informático global.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta