Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2024 | Actualizada ás 18:22
O goberno local de Ourense levará este martes a pleno extraordinario un total de catro modificacións orzamentarias, unha delas ascende a máis de dez millóns de euros para pagar facturas pendentes e débedas a provedores, aínda que desde o BNG cualifican esta acción de "unha gran mentira".
Os nacionalistas denuncian que, aínda que na partida hai facturas e débedas con provedores, tamén hai "caprichos do alcalde", "facturas reparadas por intervención" e "facturas para as que non hai créditos", así como "facturas pendentes de fiscalizar ou mesmo sen formalizar porque non hai ningún técnico que as firme por non haber polo medio contrato algún".
Así o fixo saber o portavoz nacionalista, Luís Seara, tras criticar o "proceder opaco" do rexedor municipal, ao advertir da dificultade que tiveron desde a súa formación para "descifrar o expediente" porque lles fixo chegar un documento "con máis de dous mil facturas codificadas". A pesar de pedir por rexistro unha relación de todas e cada unha delas díxoselles que non era posible. Para Seara "esta falta de transparencia" non é casual senón que "se trata dun modo de ocultar como malgasta gran parte o diñeiro dos contribuíntes".
Neste sentido, afirmou que moitos provedores do concello, na súa maioría pequenos empresarios e comerciantes, que "non cobran porque a Jácome non lle dá a gana". Por tanto, indicou, "toda esta patraña que Jácome e o PP montaron para xustificar o apoio ás luces cae polo seu propio peso".
Deste xeito, fixo referencia aos populares, aos que acusou de "ser o mesmo" que Jácome, e lembrou que xustificaron que se pagaba aos provedores eles non impedirían que saíse adiante o expediente da iluminación de Nadal. "Advertimos que era unha estratexia que utilizaban como comodín, do mesmo xeito que o ano pasado utilizaron os servizos sociais", dixeron.
En profundidade, Seara explicou que todas as facturas que se deben suman 50.902,94 euros, pero o Goberno pide que se suplemente esa partida en 51.351,91 euros. Segundo os nacionalistas, na bolsa de vinculación xurídica hai 216.676,17 euros, polo que se podía pagar esas facturas hai meses e aínda teriamos 160.000 euros.
Para outra das partidas, o nacionalista explicou que hai 51 facturas que "se se fai caso ao expediente suman 74.000 euros" e nesa bolsa de vinculación "hai algo máis dun millón de euros", polo que o BNG cuestiona porqué non se pagou aínda.
A resposta cren que é que "se demostra que temos un alcalde moroso, tramposo e que xoga co pan da xente". Todo iso "para utilizar a chantaxe para presionar á oposición" con "o pretexto de que hai que pagar a provedores, non co obxectivo de pagarlles, senón para engordar as partidas, para ter máis diñeiro e seguir chanchullando".
Por todo isto xa avanzaron que non van apoiar o expediente de modificación de crédito, pero queren que os provedores de Ourense "saiban que hai diñeiro para pagarlles independentemente de que se aprobe ou non" e que "o único responsable de que a día de hoxe non cobrasen chámase Gonzalo Pérez Jacome".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.