(Crónica) Luis Fonsi leva o corazón de todo o público que onte abarrotou Castrelos na súa maleta

O portorriqueño comezou onte en Vigo a xira polos seus 25 anos de traxectoria no mundo da música, e fíxoo por todo o alto.

Por Ángela Precedo | VIGO | 24/07/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

"Que levanten a man os noivos e maridos que viñeron a este concerto obrigados polas súas mulleres", preguntaba Luis Fonsi durante o seu concerto na noite deste martes no parque vigués de Castrelos. Timidamente comezaron a alzarse entre o público ducias e ducias de mans. "Só agardo que o que comezou sendo unha obriga remate por converterse nalgo que pague a pena", desexou o artista portorriqueño. E así foi, o público de Castrelos, homes e mulleres, quedou abraiado co chorro de voz dun cantante dos que fai Historia. Fixo de todo: cantou, tocou a guitarra e ata se animou con bailes sensuais para rematar de facer tolear a un auditorio 100 % entregado ao ritmo latino.

Luis Fonsi nun dos seus últimos concertos
Luis Fonsi nun dos seus últimos concertos | Fonte: Instagram

Con toda a humildade do mundo, Fonsi comezou onte en Vigo a que será a súa xira polos 25 anos de traxectoria na música, e fíxoo agradecendo o apoio que sempre lle brindaron os seus fans e asegurando que "aínda a día de hoxe me custa crer que haxa tanta xente cando vou aos concertos". De feito, as mostras de agarimo cara o público foron continuas, aínda que o xesto máis emotivo chegou cando pediu a unha rapaciña que se atopaba no foso, alzada nos ombros dun dos seus pais, un bico dende o lonxe. Tamén quixo amosar a súa admiración a "toda esa xente que fixo horas de cola para mercar o seu boleto para estar hoxe aquí e a aqueles que levan tempo baixo este sol agardando dende ben cedo".

E é que Castrelos é así: centos de persoas agardaban xa dende primeira hora da mañá sentadas nas gradas da parte alta do recinto equipadas con parasol e toalla como se fosen á praia para pillar o mellor sitio para desfrutar do que, sen dúbida, foi un concerto único á altura das mellores actuacións das que se puideron observar no parque vigués. Nin o sol abrasador que superou onte os 30 ºC foi quen de derreter a ilusión destes seguidores, para os que Fonsi só tivo palabras de agradecemento. Eran as 22.00 horas cando deu comezo a actuación, cun cheo absoluto que o propio alcalde, Abel Caballero, facendo unha vez máis de teloneiro, cifrou en "ducias e ducias e ducias de miles de persoas".

Nós non sabemos se tantas, pero o que é certo é que o parque de Castrelos se encheu practicamente ao completo nas zonas nas que se podía ver algo do escenario, aproveitando os espectadores calquera pequeno recuncho, por difícil que fose o acceso: había xente subida a árbores, outros que movían pedras para subirse a elas e ata quen se arriscaba na zona máis escarpada por poder desfrutar do concerto. Caballero quixo lembrar aos vigueses presentes e tamén aos visitantes chegados de fóra que "Fonsi vai comezar a súa xira polos 25 anos na mellor cidade do mundo, en Vigo". E volveu gritar aos catro ventos o seu tópico de 'Viva Vigo!'. O rexedor lembrou tamén que "Fonsi foi un dos artistas que máis me pedíchedes e aquí o tedes".

DE 'YO NO ME DOY POR VENCIDO' A 'DESPACITO': CANCIÓNS LENTAS E BAILABLES

O salto ao escenario do artista portorriqueño chegou precedida dun vídeo no que repasaba todas as cidades polas que viaxou durante estes 25 anos de carreira musical, rematando na última: Vigo. 'Amar, vivir, crecer, viajar', rezaba o lema que se podía ver ao remate do vídeo, como valores fundamentais polos que paga a pena vivir e aproveitar cada intre. Esa era a mensaxe que quería facer chegar aos milleiros de persoas que abarrotaban Castrelos, para pasar unha noite de infarto na mellor compañía. A ritmo de 'Corazón en la maleta', o auditorio vigués comezou a vibrar, como tamén o fixo cando Fonsi alabou todas as virtudes da cidade olívica: gastronomía, praias e, sobre todo, xente. 

Polo que respecta ao repertorio, Fonsi non deixou decepcionado a ninguén, xa que tivo un equilibrio perfecto entre cancións máis lentas e cancións bailables máis actuais. Dende o 'Yo no me doy por vencido' ata o mítico 'Despacito', pasando por grandes colaboracións como 'Roma', con Laura Pausini; ou 'Imposible', con Rauw Alejandro; así como 'Vacío' con Myke Towers; e 'Date la Vuelta', con Nicky Jam e Sebastián Yatra. Durante a interpretación dunha das súas cancións máis emotivas mesmo logrou que se fixese día en Castrelos cando miles de lanternas se acenderon para acompañar a canción movéndose dun lado para outro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta