Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/07/2024 | Actualizada ás 12:57
A portavoz de Vivenda do BNG, Alexandra Fernández, denunciou que a Xunta acumula "atrasos" na tramitación das axudas convocadas este ano para o aluguer o que, segundo apuntou, provoca unha "situación de incerteza e desasosego" entre as persoas que esperan pola resolución.
"Nun contexto de incremento de prezos desmedido, no que moitas persoas dependen directamente destas axudas para poder facer fronte ao pago das súas rendas e manter a súa vivenda, a Xunta dilata prazos e xera maior indefensión e vulnerabilidade das persoas", asegurou a deputada nacionalista.
Neste sentido, lembrou que desde 2020 ata hoxe o prezo medio dos alugueres en Galicia pasou "de 438 a 533 euros" e que en cidades como A Coruña o incremento foi "de 620 a 658 desde 2023 ata a actualidade.
Nunha nota de prensa, a portavoz de vivenda do BNG explicou que o prazo para solicitar estas axudas abriuse o 15 de xaneiro e finalizou o 29 de febreiro. Tal e como se indica na orde das axudas, detallou, a administración galega dispón de tres meses para ditar e notificar a concesión das axudas e das súas prórrogas.
Ante isto, Alexandra Fernández denunciou que xa transcorreron seis meses desde a apertura do prazo de solicitude e que son numerosas as persoas que están a denunciar que aínda non recibiron notificación, o que, segundo opinou, "xera en moitos casos unha gran incerteza".
"Iso supón que como moi tarde o 29 de maio tiñan que estar todas as solicitudes resoltas, pero estamos a finais de xullo e a xente comeza a desesperarse esperando sen noticias de que pasa coa súa solicitude", reprochou a parlamentaria, que tamén cualificou de "desastrosa" a tramitación das axudas.
INICIATIVA PARLAMENTARIA
Por todo iso, o BNG presentou no Parlamento unha iniciativa na que insta o Executivo autonómico a comprometerse a "resolver, notificar e, de ser o caso, realizar o pago das axudas ao aluguer habitual no prazo máximo de tres meses desde o ingreso das solicitudes".
Na mesma iniciativa, os nacionalistas piden á Xunta unha maior transparencia na xestión e que presente un informe no Parlamento onde se detallen, polo menos e expediente por expediente, "a data de entrada da solicitude, a data e o sentido da resolución, a data de notificación ao solicitante e a data de importe do pago".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.