Coñecendo a verbena galega: César Romero é bo para todo, canta, baila e ata presenta programas de televisión

Leva case toda a súa vida na verbena galega da man da orquestra Cinema, da que forma parte dende hai 12 anos. É unha desas figuras que máis cariño esperta entre o público, pola súa simpatía e pola súa habilidade de facer de todo e facelo ben. Hoxe o GC coñece un pouquiño máis a este artista.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 10/08/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Se pensamos nun dos míticos da verbena galega ese é César Romero. Case toda a súa traxectoria como cantante transcorre nas filas da orquestra Cinema, onde se gañou o cariño dun público fiel que o arroupa aló por onde vai e en cada novo proxecto que emprende, como agora mesmo na súa faceta como presentador de programas na TVG. César é ese rostro amable e risoño que a todos nos gusta ver cando vamos de festa, unha cara coñecida que, ademais de facernos pasalo ben, tamén nos fai sentir como na casa. Hoxe o Galicia Confidencial continúa coa súa serie coñecendo aos artistas da nosa verbena e achégavos a figura de César Romero (@cesarromero_m), desvelándovos algún segredo del que, de seguro, aínda non coñeciades. Sigue lendo!

César Romero
César Romero | Fonte: Cinema

Sabías que César comezou a súa andadura no mundo da música bailando? Pois así é, e fíxoo con tan só 8 aniños? A esa curta idade xa fixo a súa primeira aparición nun plató de televisión, na TVG. "Dende esa ata que tiven a miña segunda intervención profesional presentando un programa pasou moito tempo", chancea o que agora é, dende fai uns anos, presentador. Dende pequeniño confesa que "o que máis me gustaba era bailar, iso era o meu". Logo, a medida que foi crecendo, "funme formando musicalmente tanto en canto como en guitarra ou gaita galega, entre outros instrumentos, e foi así como, pouco a pouco, unha cousa levou á outra". Participou en diferentes exhibicións de baile e ata formou parte dun grupo de música da súa vila, Arteixo, ata que un día, "e de pura casualidade", chegoulle a súa irrupción nunha orquestra.

César conta que "a orquestra Alarma da Coruña, na que estaba o meu irmán, Raúl Romero, precisaba un sustituto para unha noite porque un dos músicos se operara de urxencia". Ao seu irmán, "o primeiro que se lle pasou pola cabeza foi chamarme". En concreto, facíalles falta un trompetista, porque "falaban de que se se presentaban na festa sen un músico, seguro que lles ían quitar cartos", así que "imaxinádevos en que estarían pensando cando aceptaron a proposta de meu irmán, que lles dixo que ao único que coñecía que tivese moita cara e se soubese todo o repertorio era eu", chancea. Foi así como se prantou no escenario cunha trompeta que tiñan pola casa e que case non funcionaba e tirou para diante.

"Non era unha orquesta que fixese 'playback', pero a grandes males, grandes remedios, así que o outro trompeta tocaba e eu facía que tocaba", conta entre gargalladas, pois asegura que "agora pasan os anos e non queda máis que rírse daquela que foi a miña primeira experiencia na verbena". Confesa que "foi moi divertido", dentro do dramático, e que non tivo nin nervios. "Eu nervios tiña moitos de pequeno, pero chegou un momento no que en vez de tomalos como algo negativo, os usei como gasolina para tirar para adiante", explica. O certo é que os xefes da formación quedaron encantados con César e, aos seus 15 ou 16 aniños recén cumpridos xa lle pediron que se incorporase de xeito habitual á orquestra, onde pasou catro anos, ata que chegou con 20 aniños á orquestra Cinema. Agora César ten 32 anos e leva media vida xa no mundo da verbena galega, da man de Cinema.

"O BAILE É UNHA DAS PARTES QUE MÁIS ME GUSTA DO MEU TRABALLO"

César Romero actuando
César Romero actuando | Fonte: @javimeizosophotos - Instagram

E aínda que agora fai máis de cantante que de bailarín, non perdeu tampouco esa paixón, confesando que "o baile é unha das partes que máis me gusta do meu traballo". A día de hoxe as orquestras galegas xa son un combo de canto e baile, esixindo aos artistas o 'pack' completo, algo que César cumpre con creces. Explica que "a verbena estase profesionalizando moito e en Cinema, dentro das nosas posibilidades, gústanos innovar sempre". Dende a pandemia contan con bailarinas dentro do espectáculo, polo que concede que "non é o mesmo facer unhas coreografías sinxelas como as que se viñan facendo dentro da verbena galega ata o momento, acompañando un pouco ao que cantabas pero facendo o que podías, que ter ahora que seguir unha coreografía complexa e constante mentres cantas, porque as bailarinas ven a cousa dende a súa perspectiva e suman un punto de calidade á orquestra". "Este avance que resulta boísimo para o espectador, para nós supón un esforzo extra que xa se vai notando na baixada de quilos", confesa.

As esixencias cambiaron e, polo tanto, cada vez é máis difícil para os nosos artistas compaxinar a vida persoal coa súa traxectoria na verbena. César, que é pai dende fai un ano, sábeo ben, pero, por sorte, "dende avós ata a muller, todos botan unha man para que eu poida estar o máis tranquilo posible e que desfrute do traballo ao máximo", aínda que asegura que "si que é complicado", recoñecendo que "é un traballo que se non che gusta de verdade, non o fas". Aínda que, ao mesmo tempo, confesa que "é moi gratificante ver á xente desfrutando, que che paren pola rúa e que che dean todo o seu agarimo, sobre todo durante o verán, cando a xente está máis felix, debe ser pola temperatura", chancea. "Isto é unha paixón, algo que che enche máis do que che resta", asegura. No seu caso, "o único que mudaría son os transportes, porque aínda que mesmo durante as viaxes o desfrutas, o coche de arriba para abaixo e de abaixo para arriba é o máis latoso deste traballo; o resto é todo xenial: a música, a felicidade, o baile, o cante, a verbena, a xente... Todo!".

"TIVEN CLARÍSIMO DENDE SEMPRE QUE ME ÍA ADICAR A ISTO"

Ademais, e a pesares do que din moitos, César tiña claro dende ben pequeniño que ía rematar adicándose á música. "Cando estaba no instituto eu xa era dos típicos que nas galas e funcións de fin de curso cantaba, bailaba e facía o que fixese falta", conta, como demostración de que "tiven clarísimo dende sempre que me ía adicar a isto, xa fose dunha maneira ou doutra". Ao final, explica que "un ano lévache ao seguinte, e o seguinte ao seguinte, e así vas encadeando". Para el é un traballo moi divertido e que non aburre, porque "como cada ano tes que sorprender con algo novo ao público, sempre estás entretido, mesmo cada día sae unha canción nova, sobre todo agora con isto do Tik Tok e das redes sociais, que te ves na obriga de incorporar ao repertorio". E é que en Cinema, unha orquestra que arrastra moito público novo, sempre lle piden estar á última: "Se Karol G saca un tema novo tratamos de telo canto antes, dunha maneira ou doutra".

César asegura que os rapaces xa chegan ás festas preguntándolles se teñen a última de Karol G, a nova de Lola Índigo, 'La Morocha', 'Hola Perdida' ou o meme de 'Cucucucurella me como una paella', polo que "ao final iso axúdame a manterme activo sempre e non aburrirme, se fose un pouco máis monótono todo eu creo que o levaría peor". Tampouco se esquece dos seus compañeiros, que afirma que "son marabillosos" e lle axudan a facer toda a tempada máis levadeira. No tocante ao repertorio, apunta que "nós estamos traballando tamén con repertorio propio e a xente xa o vei demandando", como acontece co tema 'Pico e pala, meu', un merengue composto polo propio César en colaboración co 'tiktoker' Mandayo. Fóra diso, "dentro das que están máis de moda, a que máis bailan sempre é 'La Morocha', é unha cousa incríble, prende a festa", aínda que "tamén se leva moito o 'remember' con 'mashups' que mesturan cancións novas con outras máis antigas como 'Ella no sigue modas', os mozos vólvense tolos con iso". 

"É MÁXICO COMPAXINAR AS MIÑAS DÚAS PAIXÓNS: MÚSICA E PRESENTAR"

O seu salto ao mundo televisivo tamén chegou, ao igual que no caso da orquestra, de xeito casual. "A miña primeira intervención como César Romero, a título persoal, foi en 'La Liga de los Cantantes Extraordinarios', algo do que xa fai 6 ou 7 anos", lembra o artista, que explica que foi xa ao ano seguinte desa participación cando "comecei a copresentar con Paco Lodeiro ese mesmo programa". Posteriormente, sería fai cousa de catro anos, no 2020, tras a pandemia, cando "dende a TVG me deron a oportunidade de presentar un programa chamado 'Quen canta aquí', cun formato de plató itinerante que ía por todas as parroquias de Galicia dándolle a oportunidade á xente de cantar". A día de hoxe César está moi contento de poder combinar as súas dúas paixóns: a música e presentar.

"Está sendo unha experiencia máxica compaxinar os dous traballos, ademais a maioría dos programas que presento son de música, así que estou vivindo un momento moi bonito", confesa. E é algo que nunca se tería imaxinado, porque "foi surxindo, sen máis, mira que eu son bastante de preparar as cousas que fago, pero esta oportunidade de presentar programas de televisión en concreto chegou". Debe ser que, ao igual que moitos dos seus fans, Paco Lodeiro viu algo nel para fichalo xa de xeito permanente para a TVG. "Este pasado venres tamén se emitiu 'A Galega Fest', un especial do que puiden levar a dirección musical e presentalo xunto a Fátima Pego, e sempre van saíndo cousiñas", conta César, ao que, dende logo, traballo non lle falta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta