Por E.P. | PONTEVEDRA | 01/08/2024 | Actualizada ás 19:56
O presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas, Isidoro Serantes Serantes, inaugurou este xoves a décimo terceira edición do XIII Túnel do Viño, que se celebra no marco da LXXII Festa do Viño Albariño de Cambados. Unha actividade na que participan 180 marcas de 71 adegas e que poderá gozarse no Salón de Congresos e Exposicións José Pena ata o domingo.
Durante o acto, o presidente do Consello Regulador asegurou que este Túnel do Viño "é unha oportunidade case única no ano para catar 180 marcas de 71 adegas de todas as subzonas" que están presentes no mesmo. "Non hai ningún túnel onde se poidan catar todos estes viños xuntos", dixo.
Ademais, Isidoro Serantes fixo fincapé en que "se trata dunha actividade consolidada dentro da Festa do Albariño de Cambados e que cada vez está máis demandada".
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), pola súa banda, destacou que "accións deste tipo, que achegan o mundo do viño a toda a poboación dunha forma áxil e rápida e que permiten probar os diversos produtos que se elaboran en Rías Baixas son moi positivas". Ademais, Martín Alemparte recoñeceu o traballo realizado na denominación para que o Albariño Rías Baixas sexa coñecido internacionalmente.
Dada a gran demanda rexistrada en pasadas edicións, nesta ocasión o Túnel do Viño ampliará o seu número de sesións a cinco cada día, ás que se suman dúas o sábado. O prezo da entrada é de 25 euros e todas as persoas contarán co asesoramento dun catador profesional.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.