(Crónica) Os viquingos invadiron Catoira un ano máis, nesta ocasión arroupados por unha trintena de embarcacións

Ao berro de 'Úrsula! Úrsula! Úrsula!', a iso das 13.00 horas deste domingo, ducias de guerreiros normandos tentaron invadir unha vila que se resistiu historicamente aos seus ataques. Así se viviu o desembarco viquingo de Catoira este ano.

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 05/08/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Os viquingos do norte de Europa chegaron un ano máis ás Torres do Oeste de Catoira para invadir a vila pontevedresa. Nos seus barcos de madeira con velas branquivermellas (recreación dos que se conservan do século XI), os invasores berraban a iso das 13.00 horas deste domingo o seu característico grito de guerra: 'Úrsula! Úrsula! Úrsula!' (nome do barco), como levan facendo cada primeiro domingo de agosto dende 1961. Ducias de veciños ataviados con roupaxes, espadas e machadas viquingas ían subidos nos barcos que farían poucos intres despois o seu desembarco fronte á costa para tomar as torres. 

Desembarco viquingo na romaría de Catoira do 2024
Desembarco viquingo na romaría de Catoira do 2024 | Fonte: GC

Co día de calor sufocante que facía onte en Galicia, de seguro que estes viquingos agradeceron o ter que tirarse á auga, onde berraron para amedrentar á poboación que, lonxe de asustarse como aconteceu hai milleiros de anos, mesmo lles acompañaron nos seus berros e houbo quen se lanzou con eles a chapotear na auga. Milleiros de persoas agolpábanse no recinto das Torres do Oeste para presenciar unha das festas máis agardadas do verán, declarada de interese turístico nacional e internacional, e outras tantas o facían na ponte sobre o río Ulla, dende onde tiñan unha vista panorámica perfecta.

Esta festa pon en valor o papel que tivo Catoira como lugar de defensa estratéxico do territorio galego fronte aos ataques dos normandos. Xa dende a Idade Media se estableceu na vila un importante complexo militar para a defensa do sepulcro do Apóstolo Santiago, polo que se construíron diversas torres de defensa no fondo da ría de Arousa, as agora coñecidas como Torres do Oeste. Foi o rei de Asturias, Afonso III, o que mandou erguer no século IX, ademais da Catedral de Santiago, a reconstrución do 'Castellum Honesti' en Catoira, castelo que chegou a converterse nun dos máis importantes de Europa, moi suculento para os normandos, e do que hoxe só se conservan as súas dúas grandes torres. 

As torres impediron durante séculos o ascenso polo Ulla dos exércitos viquingos. De feito, permitiu vencer aos normandos de Olaf Haraldson. Foi na Alta Idade Media cando chegan a 'Jakobsland' (nome que os vikingos lle daban a Galicia) os primeiros grupos de piratas normandos atraídos polas novas sobre as riquezas da capital compostelana. Os vikingos saquearon e queimaron vilas ao longo de toda a costa galega e entraron pola ría de Arousa conseguindo no ano 850 Iria Flavia, provocando a fuxida do bispo e do cabildo cara Compostela. En 859 e 968, sen embargo, fíxose unha boa defensa dende as Torres do Oeste, conseguindo deter o ataque escandinavo e impedindo o seu avance cara Santiago. 

Sen dúbida, a sorpresa do día foi a chegada, poucos minutos despois de producirse o desembarco, dunha trintena de embarcacións de todo tipo (dende pequenos barcos de pesca ata iates, motos de auga e ata zodiacs) que deixaban ao seu paso estelas de escuma branca nas augas da ría, o que dende o máis alto deixaba unha estampa de película. De feito, gañaron moito protagonismo e os visitantes desviaron cara elas a atención, mesmo máis que cara os viquingos que aínda se atopaban saíndo da auga.

Desembarco viquingo na romaría de Catoira do 2024
Desembarco viquingo na romaría de Catoira do 2024 | Fonte: GC

Este domingo foi unha xornada espectacular de romaría, festa e bo rollo en Catoira, onde as sardiñas, o pulpo e a empanada fixeron as delicias dos asistentes. Tamén a música estivo moi presente, con tambores e espectáculos itinerantes previos ao desembarco, anunciando que algo grande ía acontecer, e con gaitas posteriormente. Ademais, hai que resaltar que non só as persoas que ían no barco estaban disfrazadas, senón tamén moitos dos presentes na romaría, pois cos múltiples postos que hai na feira nos que se venden pezas de recreación histórica (incluídos os típicos, pero nada tradicionais, cornos viquingos) é moi sinxelo meterse no papel. 

Embarcacións acompañan aos viquingos na romaría de Catoira do 2024
Embarcacións acompañan aos viquingos na romaría de Catoira do 2024 | Fonte: GC
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta