O PSdeG sobre o pacto ERC-PSC: "Galicia non perde un só euro"

Acusa a Rueda de facer "economía ficción" sobre financiamento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2024 | Actualizada ás 14:51

Comparte esta noticia

O responsable de Economía e Emprego da Executiva do PSdeG, Abel Losada, respondeu este martes ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre o financiamento autonómico, acusándoo de "difundir información sen contrastar" e de "actuar en contra dos intereses das galegas e dos galegos en beneficio do Partido Popular".

Losada rexeitou as afirmacións de Rueda, quen sostivo que Galicia perdería 444 millóns de euros anuais no novo escenario de financiamento, co transfondo do preacordo alcanzado polos socialistas con ERC. "Deixen xa de mentir, saben perfectamente que Galicia non perderá un só euro, todo o contrario", afirmou Losada, nunhas declaracións difundidas polo PSdeG, á vez que subliñou que Galicia "recibirá este ano un total de 9.374 millóns de euros en concepto de entregas a conta, a cifra máis alta da historia". Esta contía, engadiu, supón un incremento do 6,7% respecto dos 8.788 millóns de euros recibidos en 2023.

Ademais, ao sumarse a liquidación do exercicio de 2022, incidiu en que Galicia disporá dun total de 10.576 millóns de euros este ano, o que representa 1.177 millóns máis que o ano anterior. Estes datos, segundo Losada, "demostran o compromiso do Goberno de España coa suficiencia de recursos para todos os territorios, garantindo así a máxima calidade na prestación dos servizos públicos".

"ECONOMÍA FICCIÓN"

O socialista acusou a Rueda de seguir unha estratexia de "economía ficción", á vez que afeou que as súas declaracións sobre a perda de 444 millóns de euros son "insustentables", xa que o modelo de financiamento non está pechado e os datos non son coñecidos. Losada destacou que esta actitude de Rueda "responde máis os intereses de Feijóo e do PP a nivel estatal que aos dos galegos".

Neste sentido, fixo un chamamento "á prudencia e transparencia" e lembrou a Rueda que "aínda ten pendente xustificar o sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, unha cifra, esta si, auditada e cuantificada que representa unha responsabilidade política evidente".

O responsable de Economía e Emprego da Executiva do PSdeG, Abel Losada.. PSDEG
O responsable de Economía e Emprego da Executiva do PSdeG, Abel Losada.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Losada Abel falando de "economía ficción" ? Dá gusto ver ao máis inútil dos Concelleiros de Vigo (Cultura & Emprego) abrir a boca en calidade de Subdelegado do Goberno en Pontevedra (la voz de su amo) para falar de dar explicacións ao sobrecusto do Alvaro Cunqueiro ! Se alguén ten acceso ao Consello de Contas que lle pregunten se auditaron o custe real do Auditorio Mar de Vigo (dende Corina ata Abel Caballero) https://flic.kr/p/fkLLxj Pero desa burrada de cartos enterrados en Empresas Xestoras en Madrid nunca máis se soubo nada de nada... Ainda a día de hoxe a Concesionaria monta festas privadas na Terraza e non pasa nada, por non falar das varias Billeteiras de venda de entradas para os concertos vip do TerraCeo que ninguén fiscaliza... Amiguetes Vivindo do Público hainos en todas partes... Abel Losada é un deles e o máis inútil que pasou pola Cidade Olívica !