Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/08/2024 | Actualizada ás 22:00
Os furanchos son algo que só existe en Galicia, algo da nosa terra que debería protexerse como o patrimonio único e irrepetible que é. Remóntanse ao século XII, aínda que non hai rexistros moi claros, e naceron cando os campesiños compartían o seu viño caseiro cos amigos e os veciños das zonas rurais. Lugares onde reunirse e pasar un bo rato conversando en compaña dun bo viño e algo humilde de picar. Hoxe por hoxe acadaron gran repercusión e fama en todo o mundo e, por iso, moitos visitantes chegan a Galicia buscando algún destes recunchos gastronómicos para desfrutar da experiencia. O problema? Que os furanchos de verdade só abren de decembro a xullo (época de baixa ocupación turística) e só ofertan 11 tapas estipuladas pola normativa. Isto fixo que a picaresca dalgúns dese en chamar furancho a locais que non son tal, que abren durante todo o ano e que mesmo serven marisco. Da man de Juan e Lorena, de Guía Furanchín (@guia_furanchin), dende o Galicia Confidencial explicamos os problemas que actualmente enfrontan os verdadeiros furanchos galegos para sobrevivir.
En primeiro lugar, o feito de que cada vez haxa máis locais que dan en chamarse furanchos só porque teñen decoración enxebre e que permanecen abertos durante todo o ano, está a facer que a hostalaría vexa aos furanchos como unha competencia desleal. Pero, como explica Lorena, se verdadeiramente controlasen o uso da palabra furancho e só quedasen os de verdade, "hostalaría e furanchos poderían apoiarse os uns aos outros". E é que "a hostalaría a día de hoxe pensa que cando os furanchos abren portas sácanlles clientela, pero en verdade non é así, todo o contrario, porque os verdadeiros furanchos non poden vender café, por exemplo, nin licores ou outros produtos fóra das 11 tapas que permite a normativa e do viño, polo que cando a xente remata de comer nos furanchos busca outros lugares nos que consumir esa sobremesa que os furanchos non lle poden ofrecer". Así as cousas, furanchos e hostalaría poderían complementarse perfectamente se non fose polo intrusismo.
Outro dos grandes problemas cos que contan os furanchos para manterse abertos é a esixente normativa, que tamén está desactualizada, pois data do ano 2012, o que supón que os criterios non se adapten ás necesidades actuais dos propietarios. Por poñer un exemplo, Lorena apunta que "antigamente a xente levaba aos furanchos a súa propia comida e eles só poñían o viño e, aínda que hoxe en día ti por norma podes seguir facendo iso, a realidade é que non o fai ninguén porque a todos nos gusta ir por aí para que nos dean de comer". Así as cousas, a día de hoxe un furancho necesita ter máis xente traballando para poder atender tanta demanda e servir, ademais de viño, comida. O problema? Que a normativa actual contempla que "os furanchos non poden contratar persoal, é ilegal, e os traballadores teñen que ser membros da propia familia con primeiro grao de consanguinidade". Como apunta Lorena, "para moita xente é totalmente imposible ter traballando a familiares de primeiro grao".
Isto fai que se lles cae unha inspección e se atopan no furancho traballando a un familiar que non é de primeiro grao, "lles metan unha multa moi cuantiosa que fai que non lles compense seguir abertos". Como explica Lorena, tras falar con moitos furancheiros e coñecer o mundiño de primeira man, "moitos preferirían que lles deixasen por normativa contratar persoal, aínda que fose dando de alta na Seguridade Social a xente da súa propia familia, de maneira puntual, porque eles quedarían tamén máis tranquilos e faríalles viable o negocio". Pero a realidade é que a día de hoxe, esa normativa do 2012 non llo permite. Isto tamén dificulta o relevo xeracional, pois hai xente de 30 e 40 anos que non conta con familiares de primeiro grao, polo que aínda que teña excedente da súa produción, non abre un furancho porque tería que atendelo el só.
"Como sigan meténdose a mirar tanto van acabar cos furanchos, van desaparecer", aseguran estes guías gastronómicos. E é que, como apunta Juan, "o furancho só pode traballar tres meses ao ano de cara ao público, pero o resto do ano os propietarios teñen que coidar da viña, preparala, vendimar, sulfatar, recoller... hai moito traballo detrás dunha boa cunca de viño", afirma. Deste xeito, "se a Xunta segue poñendo trabas, ao final a xente vai preferir cortar a viña que vender o excedente no furancho". Aseguran que este ano houbo numerosas inspeccións laborais e por parte da Garda Civil. Así as cousas, Juan aposta por "axudar un pouco máis a estas persoas que abren as portas da súa casa e poñerllo máis sinxelo", e pide que "a Xunta e as administracións competentes se senten coa asociación de furanchos ou con quen sexa preciso para actualizar xa a normativa e adaptala á realidade". Tanto Juan como Lorena xa se temen o peor: "A cousa estanos a dar moito medo, porque como isto continúe así por este camiño, os furanchos rematarán por pechar, porque prefiren iso a abrir con medo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.