Por Ángela Precedo | FERROL | 25/08/2024 | Actualizada ás 14:00
David Amor (@bboy_amor) é un rapaz galego que con só 16 anos se convertiu en campión de España de 'breakdance', o momento máis emotivo da súa traxectoria nesta disciplina. Agora, aos seus 17, segue competindo e a súa última participación tivo lugar fai tan só unha semana, no festival de cultura urbana vigués O Marisquiño, onde quedou segundo. Leva media vida no mundiño, dende os 10 aniños, e asegura que sempre que as súas forzas e físico llo permitan seguirá bailando, porque esta disciplina xa considerada deporte (presente este ano por primeira vez nos Xogos Olímpicos) é a súa paixón e a súa vida. Hoxe, dende o Galicia Confidencial, achegámosvos a súa traxectoria e algún que outro segredo que nos desvela para aprender a bailar 'break'.
David conta que comezou no mundo do 'break' chegado do 'hip-hop', outra disciplina de baile que practicaba con anterioridade. Foi aos 10 aniños cando viu que "me gustaba máis estar polo chan", así que "comecei a ir a batallas de todos os estilos e atopei un entrenador que estivo comigo durante a miña primeira tempada". Agora, co entrenador que ten actualmente, leva xa sete anos. O ferrolán lembra que "aos dous ou tres anos de eu comezar a bailar 'break' comezaba a estipularse por aí que podería ser considerado deporte olímpico nos Xogos de París de 2024", algo que "me motivou moito máis a seguir practicando, con esa vista posta no futuro da disciplina como tal".
En concreto, comezou a introducirse no 'break' grazas aos obradoiros do colectivo Vella Escola, aos que "ía dende pequeno a aprender os pasos básicos". Tratábase de obradoiros dun día aos que calquera mozo ou moza se podía apuntar sen ter que pagar, pois corrían a conta do concello. "Pouco a pouco, e grazas ás súas clases, fun mellorando", asegura David, que se mostra moi agradecido con esta asociación de cultura urbana. Naqueles comezos, o 'breaker' lembra que en Galicia eran moi poucos os referentes: "Habería catro rapaces bailando, máis ou menos". Pero iso non lle impediu amar a disciplina.
David sempre contou con todo o apoio da súa familia, porque "saben que sempre me gustou o baile e parécelles ben que me adique a aquilo que me gusta, saben que o vivo moito e que me gustaría vivir do baile, aínda que sexa moi difícil, sen abandonar por iso os meus estudos". De feito, asegura que "a miña familia me animou moito e a xente que tiña ao meu redor tamén". E aínda que se esforzou ao máximo, dando o mellor de si, nunca imaxinou chegar a ser campión de España: "Era un soño para min, levaba anos perseguíndoo, e dende que no ano 2020, no meu primeiro campionato de España, quedei terceiro, sempre tiven en mente chegar a ser primeiro". E hai que ver como son as cousas que "cando gañei o campionato foi no 2023, no ano no que máis tranquilo e con menos nervios competín".
"TEÑO ESTRUTURAS QUE PERMITEN QUE O XURADO E O PÚBLICO ME RECOÑEZAN"
O 'breaker', aínda que non nos pode revelar os seus trucos, pois neles está a maxia, confesa que "a miña maneira de adestrar na actualidade xa non é a mesma que a da xente que comeza agora no mundiño", porque "agora eu xa me vou estruturando", de tal xeito que "teño os pasos interiorizados e vou creando estruturas ao redor deles". "A idea é que cando eu vaia a unha batalla esas estruturas lle permitan ao xurado e ao público que entende recoñecerme, que saiban que son eu polos pasos que me diferencian", explica, e engade que "a miña maneira de bailar é diferente á doutros 'breakers', aos que lles gusta máis improvisar, eu adoito levalo todo ben apuntado". A día de hoxe, nun mundo no que xa está practicamente todo inventado, recoñece que cada vez é máis difícil ter esas sinaturas propias, pero que sempre hai algún guiño que se pode meter nun paso concreto.
David vén de quedar en segunda posición no festival de cultura urbana O Marisquiño, celebrado en Vigo a pasada semana, e asegura que "síntome moi ben". "Tiven moi boas sensacións, quería probar cousas, porque facía tempo que non asistía a grandes competicións, enfocado en adestrar durante un ou dous meses, así que quería volver probar como me sentía na pista, incorporando novos 'sets', e saiu todo moi ben, impactaron bastante as miñas novas estruturas, á xente gustáronlle e ao xurado tamén, chameilles a atención", confesa o ferrolán. Agora, tras tomarse dous días de descanso "porque os músculos e o corpo en xeral precisaba descansar despois de competir en alto nivel", xa volve estar adestrando coa vista posta na súa próxima competencia: o WDSF World Youth Breaking Championships 2024 que terá lugar en China o 28 de setembro.
"RECOMENDO AOS QUE QUEIRAN EMPEZAR QUE VAIAN PASO A PASO, CON CALMA"
Para todos aqueles rapaces que se estean iniciando neste intre no mundo do 'break', David recoméndalles que "vaian paso a paso, porque vexo moito rapaz que ve á xente que compite a gran nivel, como aos olímpicos, e intentan imitalos e collerlles pasos". "Eu diríalles que o tomasen con calma, que fosen paso a paso e que non tivesen présa por evolucionar, porque se van facendo todo con cabeza, a evolución chegaralles soa", asegura. Iso si, tamén pon en valor o importante que é o físico e o adestramento do mesmo para bailar 'break' pois "protéxete de lesións, faiche as cousas moito máis fáciles, permíteche levantar mellor o peso do teu corpo...". Aínda que recomenda ter sempre a alguén ao lado que che poida dirixir, pois "non se trata de chegar ao ximnasio e poñerse a levantar pesas sen máis, iso non serve de nada, hai que facer repeticións, manter unha velocidade...". Ao final, lembra que "no 'break' non buscamos gañar masa muscular, senón gañar forza, e precisamos duns exercicios específicos". Ademais, afirma que "o cardio tamén é moi importante".
Na opinión do campión de España, o 'breakdance' en Galicia vai seguir crecendo e, de feito, afirma que "na actualidade hai moitas máis nenas que nenos practicándoo" e "nótase que están cada vez máis interesados, porque empezan a ver como se lles abren posibilidades e como os seus referentes van crecendo e mellorando, como progresa o deporte en xeral". Así mesmo, cre que esta disciplina tamén trata moito do boca a boca, de tal maneira que "a xente que o practica mesmo anima aos seus amigos a adestrar e iso funciona como unha cadea: un 'breaker' pode dar lugar a outro e ese outro a outro e ao final de dez pásase a vinte e de vinte a trinta... É por iso que a escena en Galicia está aumentando tantísimo nos últimos tempos", conclúe David.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.