Ata que idade xogastes? "Os estudos revelan que a infancia se vai acurtando"

Así o expresaron as poñentes da primeira conferencia do IV Encontro Educativo: "O xogo autónomo como ferramenta de transformación social".

Por Amanda Fernández | Lugo | 01/09/2024 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Unha pregunta clara xa de primeiras: "Ata que idade lembrades que xogastes?". Así comezaba a conferencia impartida polas poñentes Carmen Granados e Claudia Díaz de Jugar i Jugar, que chegaban desde Cataluña para dar o pistoletazo de saída ao IV Encontro Educativo Galego. No marco de visibilizar a revolución pedagóxica-educativa e que siga medrando, afondouse sobre o papel do xogo neste evento "de profes para profes". Cada docente tiña na cadeira un papel e un globo que sería parte dun xogo, que comezaba con Carmen e Claudia pedindo que pechasen os ollos: "Viaxade a vosa infancia, ao patio da escola, que pasa? como vos sentides? hai nenos e nenas? que fan? que sensacións vos esperta?". O seguinte paso era anotar nese papel en branco tres accións, tres verbos que se lles pasasen pola mente durante esta viaxe. Os rostros eran de ledicia e semellaba que quería quedar un rato máis. Dobráronno pola metade e aí quedou porque logo tería unha función. 

O momento de xogar cos globos
O momento de xogar cos globos

"Ata que idade xogastes? Lembrades xogar ata os oito anos? Ide erguendo as mans, e ata os 10? Seguían as mans arriba. E ata os 12? Menos mans, pero aínda había", preguntaron Carmen e Claudia. Lamentablemente a situación actual coa infancia xa non é tan así, xa que os estudos revelan o abandono do xogo con xoguetes aos nove anos. Deixan de xogar con xoguetes e podes pensar que se cadra é porque están na rúa, pero "iso tampouco pasa e a infancia acúrtase bastante". A Organización Mundial da Saúde (OMS), segundo manifestan as poñentes, considera que somos nenas e nenos ata os 12 anos. "Falamos de tres anos menos  ao que hai que engadir que como sociedade decidimos profesionalizar, por exemplo, o deporte na infancia. A cativada quere xogar ao fútbol, non adestrar, queren ir á praza cos amigos e non recibir instruccións dun adulto", expoñían. Nesta liña, tamén sinalaban á "intelectualización" cando as familias procuran que os fillos falen un idioma, toquen un instrumento... O dato de Cataluña resulta pouco esperanzador: "Teñen, de media, 20 minutos de xogo autónomo ao día".  

A RESPONSABILIDADE DOS ADULTOS E DA SOCIEDADE

Que significa que xoguen tan só de media eses 20 minutos ao día? "Nalgúns casos non son nin 20 minutos. Se nos gustaría xogar ata os 12 e non ata os nove como revelan os estudos, que está pasando? É responsabilidade dos adultos se permitimos o xogo ou non". Fan referencia á falta de información e formación, no sentido de que hai conciencia de que é importante que xoguen, pero non se aplica na realidade. Por iso apelan a defender o xogo autónomo que se atopa en perigo de extinción. O debate estaría en reflexionar sobre a situación actual, a presión, o currículo dos docentes, a necesidade de chegar a dar todo iso que teñen que aprender durante o curso. Porén, "estades aquí hoxe, un día de finais de agosto aínda coas vacacións sen rematar", comentaba Claudia. 

Que é realmente o xogo autónomo? "O xogo é unha necesidade vital, precisan xogar igual que comer, durmir ou ser amados. É imposible que se atopen ben se non xogan e tamén é un dereito, recollido na Convención dos Dereitos da Infancia e a súa forma de entender o mundo". O problema de que se atope en perigo de extinción é que a tendencia dos adultos a dirixir e dicirlles que facer e como xogar. Convidan a que as familias reflexionen e se pregunten se os fillos realmente xogan, cando as "axendas que manexan case dan vertixe". 

As organizadoras do evento durante a primeira conferencia
As organizadoras do evento durante a primeira conferencia

AS CARACTERÍSTICAS DO XOGO AUTÓNOMO

O xogo é unha "linguaxe universal", polo tanto, dous nenos poden falar linguas distintas e pasar horas e horas xogando. Resulta unha canle "moi respetuosa e segura" porque cando é autónomo "difícilmente farán algo para o que non se vexan preparados". Tamén ten a capacidade de espertar múltiples emocións, tanto positivas como de frustración ou tristeza, cando algo non sae como queren. Así, comentan: "Hai moita tendencia nos adultos a corrixir e intervir e iso xera neles que estean pendentes de satisfacer ao adulto que agarda uns resultados. O xogo deixa de ser unha canle respetuosa porque estaría pendente do adulto.

O xogo como vía de autorregulamento porque "precisan moverse constantemente e non podería haber aprendizaxe ata os 7 anos se non se moven". Resulta incómodo para os adultos a forma que teñen os máis pequenos de adquirir coñecementos e non é doado "xestionar unha aula con 30 alumnos autónomos". Para conectar precisan moverse e así autoregularse: "Non poderían aprender nin eles nin os adultos sentados nunha cadeira durante dúas horas". A importancia do xogo para comprender o mundo cando non superan os 12 anos: "Todos os nenos e as nenas xogan, aínda estando na guerra ou con fame, só estando moi enfermos, non xogarían". 

O QUE NON É XOGO AUTÓNOMO

Nunha sociedade na que resulta primordial que todo sirva para algo, o xogo nunca pode ser un método. Non require planificación, ocorre e xa está. Tampouco pode ser unha ferramenta para desenvolver nada, "unha ferramenta en si para desenvolver curiosidade viva". O xogo non é un instrumento de aprendizaxe, senón que a leva inherente: "É como dicir vou camiñar e xa avanzas, se xogas, aprendes, realmente non hai que facer nada. Non xogan dicindo vou a comprender causa-efecto tirando a bóla, porque o ven, non precisan adulto que lle diga nada". Neste punto, Claudia e Carmen consultan ás asistentes: "O que nos pasa é que pensamos en que se co xogo autónomo van poder adquirir todas as aptitudes que precisan para converterse nese adulto que encaixa na sociedade, triunfará e será astronauta na NASA, como o fará se só xogou?". 

Visionan na sala un vídeo de Francis Alys, no que sae unha nena na rúa tentando non pisar as liñas, que non fixo iso algunha vez? E ela mesma se marca as normas e cando gaña ou perde. As poñentes expresan. "Perdimos a capacidade como adultos de conectar co xogo, xa que como especie, xogamos toda a vida, pero esquecémonos de xogar e quitámoslle importancia. Como é o xogo adulto? Se cadra agora dedicaste a aquilo ao que xogaches, xogabades a ser profes? Xogar consiste agora en conectar con nós mesmos, como cando bailamos. Agora estades aquí para coidar a mirada cara á infancia e poñer as gafas de ver o mundo cos ollos de xogo".

E tocaba xogar, incharon os globos e puxéronlles un número e cando comezou a música, os globos estaban xa no aire, todas sorrindo, tentando que non caesen... Logo quedaron con outro globo aleatorio e cun número novo que agocharía un segredo final. "Volvémonos moi ríxidos, pinchamos unha roda, cae un vaso de auga, hai cola para mercar o pan, e xa é un auténtico dramón. Imos liberarnos porque houbo un momento no que nos non eramos así. Sabemos que temos responsabilidades como adultos que somos, pero un momento!", revindicaban espertando os sorrisos entre as docentes. 

FIN DESTE XOGO... QUEDAN INFINITOS POR DIANTE!

Nunha conferencia para profes, as poñentes quixeron animalas a avogar polo sentido de humor na aula e tamén destacaron a importancia do seu labor: "Importante ver o xogo como forma de estar no mundo, máis aló do traballo e de sentirnos cheas coa nosa vida para cando estamos na aula ser mestras. Vivir é xogar e xogar é vivir".

Os globos tiñan unha misión e o papel coas palabras escritas dese viaxe ao pasado tamén. Pediron que se fosen dicindo en alto os verbos escritos e que se levantaran aquelas persoas que tamén tiñan esa mesma acción. Foron quedando practicamente todas en pé porque visionaron sentimentos e emocións semellantes do significado da infancia e dese patio do colexio. O momento dos globos resultou nunha expresión máxima do xogo, coma se iso fose o lugar onde os nenos e nenas desfrutan do recreo. Para concluír este xogo que traían as rapazas de Jugar i jugar, o número do globo que tiñan terían asinada unha frase, que nalgún lles serviron a Carmen e Claudia de inspiración. Como o xogo das galletas chinas da sorte, nada máis saír foron todas consultar número e frase! E aí a forza do xogo!

As asistentes ao IV Encontro Educativo Galego celebrado en Lugo
As asistentes ao IV Encontro Educativo Galego celebrado en Lugo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta