Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2024 | Actualizada ás 13:56
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, dará o pistoletazo de saída ao novo curso político en Cerdedo-Cotobade este sábado, como xa é tradición, e farao acompañado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o expresidente do Goberno, Mariano Rajoy, así como por outros destacados membros do partido, incluídos presidentes autonómicos, aínda sen concretar.
"Celebramos que o presidente Feijóo elixa, por terceiro ano consecutivo, Galicia para o inicio do curso político (...). O encontro servirá para o impulso dos próximos meses da 'Galicia que funciona', liderada por Alfonso Rueda, e da España que funciona, liderada por Alberto Núñez Feijóo. En Cerdedo-Cotobade reivindicaremos que Galicia non quere máis que ningunha outra Comunidade Autónoma, pero tampouco merece ser menos como pretenden Sánchez e os seus socios", defendeu este xoves, en rolda de prensa, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
A este respecto, considera que o Goberno central demostrou este verán que "só ten ollos para aquelas comunidades e aqueles partidos que cumpren coas súas chantaxes". "E a partir de aí, a desigualdade é absoluta, rompendo con esa cohesión que fai forte ao Estado".
Lembra a "falta de execución" dos Orzamentos Xerais do Estado en Galicia e apunta que desde 2018, cando Sánchez chegou á Presidencia, "sempre se penalizou o investimento territorial en Galicia". Sinalou que entre 2018 e 2023, mentres que o incremento medio de investimento territorial en España foi do 31%, en Galicia foi case da metade, un 15%.
Tamén citou o investimento das empresas públicas, que deixaron de executar 4,2 de cada 10 euros en Galicia. "Sánchez non lle perdoa aos galegos que cada vez que hai eleccións o Partido Socialista alcance os peores resultados da súa historia, mentres que o PP gaña con maioría absoluta unha e outra vez. Como xa dixemos, máis Sánchez significa menos Galicia. Non sabemos ata onde están dispostos a chegar, pero seguimos vixiantes", afirmou.
Prado tamén se referiu a a futura aprobación do PGE de 2025 que, asegurou, en caso de aprobarse, "nacerían mortos" ao estar "sostidos polo independentismo catalán e vasco, sen concesións ao resto". E no caso de Galicia "porque contarían co cheque en branco do BNG, que unha vez máis é enganado cun papel mollado".
"Se queren facelo ben, Sánchez e os seus socios só teñen que mirar cara a Galicia e como facemos aquí as cousas", defendeu a secretaria xeral, que destacou que a Administración autonómica xa aprobou o teito de gasto, "o máis alto da historia", e xa están "en camiño" de aprobar os orzamentos da Comunidade Autónoma "en tempo e forma".
"Afrontamos un novo curso político con ilusión e, sobre todo, coa seguridade de que a opción do PPdeG é a única que asegura a estabilidade e prosperidade da comunidade", destacou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.