Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 02/09/2024 | Actualizada ás 18:53
A primeira fase do proxecto 'Xenoma Galicia', co que se pretende recompilar en ADN de 400.000 galegos nos próximos anos, botará a andar proximamente coas primeiras 2.000 mostras recompiladas en persoas de entre 35 e 70 anos. O Consello da Xunta, na súa reunión deste luns, autorizou a posta en marcha da fase de pilotaxe deste proxecto, impulsado pola Consellería de Sanidade a través da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, que dirixe o catedrático e investigador Ángel Carracedo.
Grazas a unha adenda ao contrato de 2,5 millóns, a recompilación de mostras chegará a máis persoas e dun rango de idade máis amplo, xa que fixará o teito nos 70 anos e non nos 65 como estaba previsto inicialmente. Entre elas buscaranse indicios da posibilidade de padecer cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch ou hipercolesterolemia. Todo para poder adiantarse ao diagnóstico e ofrecer un tratamento especializado ao paciente.
O desenvolvemento de 'Xenoma Galicia', presentado a comezos de ano, levarase a cabo por parte de persoal de alta especialización, encargados de realizar as probas para proceder ao cribado destas catro enfermidades. A información obtida permitirá levar a cabo un mapeo que recollerá datos xenéticos, mostras biolóxicas e información clínica sobre os pacientes, segundo explicou Sanidade nun comunicado.
ESTUDO SOBRE ENVELLECEMENTO
Doutra banda, o Consello deste luns tamén deu o visto e prace á firma dun convenio de Sanidade para levar a cabo estudos e análises vinculadas ao envellecemento. En concreto, o acordo subscrito coa Confederación Española de Organizacións de Maiores (CEOMA) para os próximos catro anos busca analizar as circunstancias que envolven ás persoas maiores en asuntos como a alimentación, a actividade física ou o benestar emocional. O obxectivo, como incide o Goberno galego nun comunicado, é avanzar na redución da incidencia de enfermidades crónicas, para o que se fomentará a participacion de persoas maiores en programas de detección precoz e coberturas vacinais.
SERVIZOS EN ÁREA SALNÉS-PONTEVEDRA
Por último, tamén no ámbito da Consellería de Sanidade, a primeira reunión do Executivo autonómico do mes de setembro aprobou a contratación, vía acordo marco, da prestación de servizos na área Salnés-Pontevedra por valor de 11,1 millóns de euros. A contratación terá unha duración de catro anos e abarca servizos asistenciais e de rehabilitación, que a Xunta resalta como de "especial relevancia" debido ao aumento da esperanza de vida, a cronicidade de doenzas ou a presenza de dependencia e discapacidades.
A Xunta defende a elección do acordo marco, que establece as condicións que deben rexer a asunción dun contrato coa administración pública, como "o procedemento máis idóneo" ao ser "o mellor sistema a efectos de racionalización da contratación pública e conseguir unha mellor eficiencia na tramitación dos expedientes, ao tratarse de prestacións de servizos de uso común en todos os centros sanitarios da área".
En concreto, a contratación externa na área pontevedresa afecta a servizos como a cirurxía xeral e a ortopédica, traumatoloxía, uroloxía, cirurxía vascular, otorrinolaringoloxía de alta, media e baixa complexidade, consultas, procedementos de diagnóstico ambulatorios, consultas e neurorehabilitación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.