A Xunta pide máis cartos para atender 26 menores migrantes tras recibir 1,5 millóns

Di que iso "tan só cobre un ano". O Goberno di que a información sobre a chegada de migrantes "e clara e fluída".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2024 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reclamou ao Goberno central un financiamento "xusto e necesario" para atender aos menores migrantes que acolle Galicia. Así o sinalou, este mércores en declaracións aos medios de comunicación, despois de que na xornada do martes o Consello de Ministros aprobase destinar 35 millóns de euros ás comunidades autónomas para a acollida de 400 migrantes non acompañados.

"Imos recibir en Galicia preto dun millón e medio de euros para atender a 26 persoas menores non acompañadas, pero temos que reclamar máis financiamento porque isto tan só cobre un ano, unha vez que cheguen todos eses menores", detallou Fabiola García. Á comunidade galega, continuou, chegaron nenos de oito a dez anos que teñen que "incorporarse automaticamente" dentro do sistema de protección e, por iso, "deben acompañarse ata a idade adulta". Por iso, reclamaron un financiamento "xusto e necesario" para "poder atender" a todos os menores ata que saian do sistema de protección.

Na xornada do martes, Fabiola García xa demandou ao Goberno central "claridade" co desprazamento de migrantes a Galicia, tras chegar á comunidade 15 menores. Neste sentido, asegurou que nestes momentos hai en Galicia "máis de 800 persoas migrantes, pero no medio dos que están hai 15 menores". Este mesmo mércores, volveu remarcar que ten "a certeza" de que hai 15 menores entre os migrantes.

Migrantes procedentes de Canarias deixan o hotel Baixamar para partir ao campamento de Accem
Migrantes procedentes de Canarias deixan o hotel Baixamar para partir ao campamento de Accem | Fonte: Elena Fernández

Fíxoo tras as declaracións feitas polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, insistindo en que se traslada á Xunta información "clara e completa" sobre as persoas que chegan e apuntar a contradicións desde o departamento autonómico sobre os menores e as probas a realizar para ratificalo. "A Xunta asumiu nas últimas semanas a tutela urxente de 15 menores que chegaron a Galicia ao longo deste verán entre os grupos enviados polo Goberno central", insiste Fabiola García.

Ademais engaden que "teñen a certeza absoluta de que son menores de idade, motivo polo cal xa están en centros de sistema de protección autonómico". "A Xunta ten esta certeza porque se realizaron as probas, seguindo o protocolo establecido ou ben porque algúns teñen documentación que corrobora que son menores de idade". "Por suposto, seguiranse realizando as probas a todas as persoas que sexan susceptibles de ser menores de idade xa que é a responsabilidade da Xunta encargarse do seu coidado", sinala aludindo á chegada de máis persoas.

"Só lembrar que a Delegación do Goberno é a mesma que no seu día acusou á conselleira e á Xunta de 'enredar' por dicir que chegarían a Galicia máis de 700 persoas, nestes momentos hai máis de 800 e a previsión é que nuns días se superen as mil". "A mesma Delegación do Goberno que afirmaba que todos os gastos correrían a cargo do Goberno central, cando a Xunta ten as competencias sanitarias, educativas, de tutela de menores, e a mesma que garantía que chegarían exclusivamente adultos, cando se determinou oficialmente que veñen polo menos 15 menores", apostila.

GOBERNO

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, insistiu en que a información sobre o desprazamento de migrantes a Galicia é "clara, puntual, fluída, completa e a todos os niveis". "Estamos ante unha crise migratoria, humanitaria, non é algo que podamos prever meses antes", argumentou a preguntas dos xornalistas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta