Este é o perfil dun 4 % dos autónomos de Galicia: estranxeiros con actividade na construción, hostalaría e sectores tecnolóxicos

A maioría dos autónomos de Galicia teñen unha idade "moi avanzada"; o 40 % dos traballadores galegos por conta propia supera os 55 anos. "Estamos ás portas dun cambio xeracional que temos que ser capaces de levar a cabo", apunta Eduardo Abad, presidente da Unión de Traballadores Autónomos (UPTA).

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2024 | Actualizada ás 16:26

Comparte esta noticia

Ao redor do 4 % dos autónomos de Galicia proceden do estranxeiro, uns 9.800 dos máis de 200.000 traballadores por conta propia que hai na comunidade, e na súa maioría dedícanse a sectores como a construción e a hostalaría, pero tamén a outros de alto valor tecnolóxico. O 70 % deles son extracomunitarios, maioritariamente de latinoamérica. Estes son algúns dos datos destacados este miécoles na rolda de prensa ofrecida polo presidente da Unión de Traballadores Autónomos (UPTA), Eduardo Abad, e o conselleiro de Emprego, José González, con motivo da presentación da campaña 'Emprende. Intégrate'.

O conselleiro de Emprego, José González, e o presidente da Unión de Traballadores Autónomos (UPTA), Eduardo Abad, en rolda de prensa
O conselleiro de Emprego, José González, e o presidente da Unión de Traballadores Autónomos (UPTA), Eduardo Abad, en rolda de prensa | Fonte: Europa Press

As provincias da Coruña e Pontevedra son as que concentran a gran parte destes autónomos, con 4.100 e 3.500, respectivamente (Lugo e Ourense apenas chegan aos 1.200). Os sectores de comercio e hostalaría concentran case a 3.000 traballadores, pero Abad destacou o peso gradual deste colectivo en sectores de alta cualificación. Desde o punto de vista cualitativo, destacou que teñen unha pervivencia moi longa.

"Non son traballadores autónomos que abren e pechan o seu negocio tras terminar a tarifa plana. Os datos dinnos que máis do 80 % destes homes e mulleres estranxeiros que poñen en marcha o seu negocio en Galicia, o 80 % supera os cinco anos de vida. O que quere dicir que veñen para quedar, para fortalecer o tecido produtivo e para ter unha forma de vida apropiada a través do traballo. Non soamente nos enriquecen culturalmente, senón que tamén desde o punto de vista económico", defendeu. Con estes datos, Abad reivindicou a pertinencia do programa e que converte a Galicia na primeira comunidade que pon en marcha un itinerario deste tipo.

"Desgraciadamente, estes programas tiñan unha contía económica tremenda porque eran fondos europeos que viñan destinados especificamente á integración dos inmigrantes. Estamos a falar de case 70 millóns de euros que se tramitaban a través do Ministerio de Seguridade Social, a través das súas convocatorias. E pensamos que agora que non poden saír adiante, deberían porse os recursos económicos para que as CC.AA. poidan desenvolver este traballo", explicou.

Tamén no ámbito da Seguridade Social, Abad avanzou que a asociación presentará unha reclamación a próxima semana para pedir que o 0,1 % que os autónomos de toda España cotizan a formación, que supoñen 12 euros ao ano e co número de autónomos galegos, 1.800.000 euros, "repártanse á comunidade autónoma correspondente".

FALTA DE SUBSTITUCIÓN XERACIONAL

Con todo, e aínda agradecendo o apoio da Xunta, Abad púxolle "deberes" ao Goberno galego de cara a este novo curso político: a substitución xeracional. E é que, tal e como indicou, os autónomos de Galicia teñen unha idade "moi avanzada"; o 40 % dos traballadores galegos por conta propia supera os 55 anos. "Estamos ás portas dun cambio xeracional que temos que ser capaces de levar a cabo", apuntou. Para afrontalo, ve clave atraer aos galegos que están no estranxeiro, "recuperalos para Galicia".

Apunta que esta falta de substitución afecta especialmente ao pequeno comercio, que se ve "prexudicado" ademais pola liberalización do sector, con "grandes empresas de distribución que campan ás súas anchas" no que respecta a "todo o que ten que ver con grandes reclamos para que os consumidores acudan a eses grandes centros comerciais ou cadeas de distribución".

Sobre isto, anunciou que preparan unha demanda contra as campañas de 'Día sen IVE' xa que, "ou ben é ilegal, xa que neste país non se pode vender sen IVE, ou é publicidade enganosa". A isto, comenta, súmase a falta de "transformación" do sector ao longo do tempo. "Temos que entender que nós temos parte de culpa. O declive do comercio en Galicia prodúcese tamén porque os propios comerciantes non fixemos as cousas ben, non nos dixitalizamos. E hai unha realidade: o cambio no modelo de consumo. E niso estamos", sinalou.

MEDIDAS PARA ESTE ANO

Eduardo Abad citou algunhas das iniciativas que porán en marcha proximamente, como a petición ao Goberno de establecer unha 'fiscalidade cero' para todos aqueles autónomos que queiran pór un negocio en marcha en poboacións rurais de menos de 5.000 habitantes; a modificación do cesamento de actividade; así como a creación do subsidio para desempregados maiores de 52 anos.

Tamén adoptarán medidas para impulsar a dixitalización do colectivo e para "preparar o futuro" con experiencias como as impulsadas pola Xunta cos Polos de Emprendemento ou coa participación nos centros de formación profesional, onde Abad ve "unha auténtica canteira de autónomos".

Precisamente o conselleiro, na súa intervención, reivindicou a figura do autónomo como "clave" para a economía galega, motivo polo que a Xunta de Galicia, dixo, apoia ao sector con medidas como a Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027, que ten diferentes medidas como o Bono Remuda, co que se pretende "precisamente garantir ese cambio dentro do tecido comercial galego", a cota cero para novos autónomos, os programas de mentoring e os xa citados Polos de Emprendemento.

José González tamén puxo o foco no Goberno central, ao que lle demandou máis colaboración, especialmente en canto a financiamento e a formación. "Interésanos moito a consistencia do traballo autónomo en Galicia. Interésanos atraer ese talento de fóra que vén aquí dunha forma ordenada, regulada e sobre todo que veña a achegar, que veña a trasladar valor engadido", destacou, pondo como exemplo ademais o programa Retorna para os emigrados galegos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta